A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, deu comezo este xoves á primeira rolda de encontros directos coa cidadanía, unha iniciativa coa que o goberno municipal busca crear un espazo estable de diálogo entre a Alcaldía e as veciñas e veciños da cidade.
Segundo explicou a propia rexedora, nesta primeira xornada xa se mantiveron reunións con persoas que solicitaron trasladarlle inquietudes, dúbidas, preguntas e propostas, nun formato de atención directa. Os asuntos tratados foron diversos e abrangueron temas urbanísticos, cuestións relacionadas cos servizos básicos, aspectos vinculados á cultura e tamén asuntos de mantemento da cidade.
A alcaldesa sinalou que estes encontros terán continuidade, coa previsión de celebrarse cada quince días, e enmarcou a iniciativa nunha liña de traballo orientada a reforzar a transparencia municipal e a participación directa da veciñanza na vida pública compostelá.

