InicioPOLÍTICAO Concello presenta a memoria de Servizos Sociais con case 20.000 persoas...

O Concello presenta a memoria de Servizos Sociais con case 20.000 persoas atendidas en 2025

O departamento alcanzou unha cobertura próxima ao 20% da poboación, reforzou a atención domiciliaria e incrementou o orzamento de programas como o Servizo de Axuda no Fogar, as bolsas sociais e a atención a persoas sen fogar

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago presentou este mércores a memoria anual do departamento de Dereitos e Servizos Sociais correspondente a 2025, nunha rolda de prensa na que a concelleira María Rozas estivo acompañada pola xefa de sección do departamento, Eva González. O balance recolle que 19.944 veciños e veciñas da capital galega precisaron ao longo do ano algún tipo de intervención dos Servizos Sociais Municipais, unha cifra que supón preto do 20% da poboación e que sitúa a cobertura nunha franxa considerada óptima polos estándares técnicos.

Durante a presentación, María Rozas defendeu unha concepción universal dos servizos sociais, afastada da idea de asistencia limitada a situacións de exclusión extrema. Segundo explicou, “ser usuaria dos servizos sociais municipais non debe ser visto como un estigma, senón como un dereito”, unha visión que, ao seu xuízo, axuda a entender o incremento sostido de persoas atendidas nos últimos anos, mesmo nun contexto socioeconómico xeralmente favorable na cidade. Pola súa banda, Eva González sinalou que chegar a arredor do 20% da poboación “é un obxectivo técnico relevante” porque confirma que os servizos sociais están a funcionar como un recurso accesible para o conxunto da veciñanza.

INCREMENTO DA ATENCIÓN DOMICILIARIA E FOCO NAS PERSOAS MAIORES

A memoria recolle un reforzo significativo da atención domiciliaria, cun total de 2.727 visitas realizadas en 2025, fronte ás 1.539 do ano anterior. Este incremento está ligado, en boa medida, á atención ás persoas maiores, un colectivo prioritario para o departamento. A finais de 2025, Santiago contaba con 24.710 persoas maiores de 65 anos empadroadas, das que 5.304 viven soas, unha cifra que continúa en aumento.

Neste contexto, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) acadou o seu máximo histórico, con 808 persoas usuarias, das cales 625 foron atendidas por dependencia e 183 por libre concorrencia. En termos de actividade, superáronse as 203.500 horas de atención, unhas 16.000 máis ca no ano anterior. Este crecemento estivo acompañado dun incremento orzamentario, xa que o SAF pasou de contar con 3,6 millóns de euros en 2023 a 6,3 millóns en 2025. A concelleira avanzou, ademais, a intención municipal de volver licitar o servizo para seguir mellorando as condicións e a calidade da atención.

Xunto ao SAF, outros programas destinados ás persoas maiores tamén ampliaron o seu alcance. A teleasistencia domiciliaria beneficiou en 2025 a 109 persoas, case o dobre que no ano anterior, grazas á ampliación dos convenios con Cruz Vermella e á incorporación de novos dispositivos, como detectores de fume ou movemento. Este servizo permitiu detectar 48 incidencias graves que requiriron intervención de emerxencia. Ademais, puxéronse en marcha actuacións do novo Servizo Municipal de Atención Inmediata, destinado a emerxencias non sanitarias, como caídas ou traslados urxentes.

Outro dos programas destacados foi Xantar na Casa, iniciado en 2025 mediante un convenio coa Xunta de Galicia, con 60 prazas dispoñibles. Ao longo do ano, 92 persoas beneficiáronse deste servizo de alimentación a domicilio.

BOLSAS SOCIAIS E ATENCIÓN Á INFANCIA

A infancia continuou a ser outro dos eixos prioritarios da acción municipal. O Concello destinou 1,1 millóns de euros ás bolsas de comedor escolar, material e actividades extraescolares, unha contía que se mantén respecto a 2024 e que supón un incremento notable fronte a exercicios anteriores. En total, 793 menores recibiron bolsas de comedor por escaseza de recursos, 272 na modalidade de conciliación, 601 accederon a axudas para actividades extraescolares e 272 para material escolar.

Como novidade, en 2025 convocáronse por primeira vez axudas para gastos en servizos terapéuticos e alimentos sen glute, cun orzamento de 70.000 euros, das que se beneficiaron 59 nenos e nenas.

PERSOAS SEN FOGAR E SITUACIÓNS DE EXCLUSIÓN

A memoria tamén dedica un apartado destacado á atención ás persoas sen fogar e en situación de exclusión social. O Servizo Municipal de Urxencias Sociais (SEMUS) realizou 149 rutas nocturnas ao longo de 2025, con unha media de 27 persoas atendidas en cada saída. A maioría das persoas localizadas foron homes, cunha idade media de 48 anos, e máis da metade tiñan nacionalidade española, mentres que case un 30% se atopaban en situación administrativa irregular. Durante estas intervencións repartíronse máis de 6.800 packs de alimentos e bebidas e arredor de mil packs de abrigo.

O SEMUS activouse tamén en 197 ocasións para atender outras emerxencias sociais, incluíndo apoio a persoas maiores e a vítimas de violencia de xénero. Paralelamente, aumentou a tramitación de prestacións da Ordenanza de Garantía Básica, con 115 expedientes e 231 persoas beneficiarias, case a metade delas persoas estranxeiras en situación irregular. A estas actuacións súmanse as do programa municipal de emerxencia social, que permitiu apoiar a 235 persoas mediante a adquisición directa de produtos de primeira necesidade.

COLABORACIÓN CO TECIDO SOCIAL

Por último, o Concello destacou o apoio ás entidades sociais da cidade. En 2025, o departamento de Servizos Sociais destinou máis de 770.000 euros a convenios con 24 entidades, unha cifra superior á do ano anterior, co obxectivo de reforzar a atención indirecta á veciñanza a través do terceiro sector.

Todos estes datos forman parte da memoria de xestión de 2025 dos Servizos Sociais Municipais, un documento que recolle de maneira detallada a evolución da atención social en Santiago de Compostela e que foi presentado como ferramenta de avaliación e planificación das políticas municipais

ÚLTIMAS

Raxoi estuda sancións tras a renuncia de Eulen ao contrato dos centros socioculturais

O Goberno local de Compostela avanzou que está a estudar posibles sancións contra Eulen...

O Concello presenta a programación do Entroido con desfile do Meco, pregón coral e actividades nos barrios

O Concello de Santiago deu a coñecer este xoves a programación do Entroido na cidade,...

Rueda valora o interese de Goretti Sanmartín por coordinar coa Xunta a conmemoración do Xacobeo 27

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou este xoves a súa satisfacción polo interese...

A alcaldesa inicia os encontros individuais coa veciñanza para escoitar propostas e dúbidas

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, deu comezo este xoves á primeira...

A alcaldesa inicia os encontros individuais coa veciñanza para escoitar propostas e dúbidas

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, deu comezo este xoves á primeira...

Verea reafirma o compromiso do PP co derrubo da Casa da Xuventude se chega a ser alcalde en 2027

O líder do PP en Santiago, Borja Verea, reafirmou este martes o seu compromiso...

Ana Pontón reivindica a “valentía” do Goberno de Goretti Sanmartín para deseñar a Compostela do futuro

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reivindicou este mércores a "valentía" e o...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here