InicioPOLÍTICAO PSdeG acusa o goberno municipal de manter bloqueada a rehabilitación da...

O PSdeG acusa o goberno municipal de manter bloqueada a rehabilitación da Casa da Xuventude tras renunciar ao convenio coa Deputación

A concelleira socialista Marta Abal asegura que a decisión supuxo a perda de máis dun millón de euros

Publicado o

Xornal de Compostela

O grupo municipal socialista de Santiago criticou este martes a situación da Casa da Xuventude, un inmoble situado no barrio de San Pedro, no casco histórico da cidade, que permanece sen uso e en proceso de deterioro tras a renuncia do Goberno local ao convenio asinado coa Deputación da Coruña para a súa rehabilitación. Así o manifestou en rolda de prensa a concelleira do PSdeG Marta Abal, quen cualificou aquela decisión, adoptada en setembro de 2023, como unha oportunidade perdida para a cidade.

Segundo lembrou Abal, o acordo pechado na anterior lexislatura contemplaba un investimento superior ao millón de euros por parte da Deputación, así como a asunción dos custos de mantemento e conservación do edificio durante un período de 25 anos, o que, ao seu xuízo, tería suposto un alivio económico para as arcas municipais. A edil sinalou que, dende o momento en que o Goberno bipartito decidiu abandonar o convenio, “o edificio quedou empantanado, sen avances e deteriorándose a pasos axigantados”.

A concelleira socialista explicou que o proxecto previsto non se limitaba a unha intervención superficial, senón que incluía unha transformación urbana de calado. Entre outras actuacións, contemplábase a apertura dun concurso de ideas para mellorar a integración da fachada coa praza, o rebaixe da altura do inmoble, a creación dun novo acceso ao parque de Belvís e o acondicionamento integral do edificio.

En canto aos usos, Abal detallou que a proposta incluía unha oficina de recadación da Deputación na planta baixa, un espazo de coworking e dinamización económica no primeiro andar, dependencias municipais no segundo e a modernización do auditorio, cunha capacidade superior ás 250 persoas, destinado a actividades culturais, formativas e sociais. Un conxunto de funcións que, segundo indicou, combinaban servizo público, impulso económico e mellora da contorna urbana.

A representante do PSdeG criticou que, transcorrida xa máis da metade da lexislatura, o Goberno municipal non presentase “nin proxecto, nin calendario, nin proposta alternativa” para este inmoble. Na súa intervención, lamentou o que cualificou como un “silencio” por parte do Executivo local, mentres o edificio continúa deteriorándose no centro da cidade.

Neste contexto, Abal avanzou que o grupo socialista propuxo, no marco da negociación dos orzamentos municipais de 2026, recuperar o proxecto de rehabilitación da Casa da Xuventude e definir con claridade os seus usos futuros. A concelleira advertiu de que Santiago “non pode permitirse perder fondos por falta de acción ou de visión”, e puxo este caso como exemplo doutras perdas de financiamento público rexistradas nos últimos anos.

Dende o PSdeG consideran que a recuperación deste equipamento público no barrio de San Pedro debe ser unha prioridade municipal, especialmente nun contexto no que o propio Goberno local defende a necesidade de novos espazos públicos. A formación socialista insiste en que a situación actual da Casa da Xuventude require unha resposta urxente para evitar un maior deterioro dun edificio situado nun punto estratéxico da cidade.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here