InicioMOV. SOCIAISPacientes e traballadores denuncian deficiencias no transporte sanitario do CHUS e reclaman...

Pacientes e traballadores denuncian deficiencias no transporte sanitario do CHUS e reclaman a súa desprivatización

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e o comité de empresa do servizo de ambulancias vinculan os colapsos de urxencias de xaneiro á falta de medios e ao modelo de xestión privada

Publicado o

Xornal de Compostela

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e o comité de empresa da compañía adxudicataria do servizo de transporte sanitario na área de Santiago-Barbanza fixeron público un comunicado conxunto no que denuncian as graves deficiencias do transporte sanitario non urxente e hospitalario detectadas durante os colapsos dos servizos de urxencias do pasado mes de xaneiro no Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Segundo explican, o servizo de ambulancias da área sanitaria está adxudicado desde setembro de 2024 á unión temporal de empresas TSNUX Santiago e Barbanza, integrada por Ambulancias Casablanca Santiago, S.L. e Servicios Sanitarios del Cantábrico, S.L. As entidades asinantes amosan a súa discrepancia coa xestión privada dun servizo esencial, ao considerar que supón unha derivación de recursos públicos cara ao beneficio empresarial, que estiman en 1,15 millóns de euros ao final do contrato.

O comunicado sinala que a adxudicación se fixo sobre a base de 45 ambulancias, unha cifra que consideran insuficiente para unha área de 4.871 quilómetros cadrados, con 443.458 habitantes repartidos en 45 concellos e cun elevado grao de dispersión xeográfica. Engaden que Santiago-Barbanza presenta unha das peores ratios de ambulancias por habitante de Galicia, cun vehículo por cada 7.594 persoas e un nivel de prestación de 287 servizos por cada mil habitantes, moi por baixo doutras áreas sanitarias.

As organizacións denuncian tamén que, malia as advertencias do persoal, non se incorporaron as dez unidades adicionais que consideran necesarias para garantir condicións mínimas de seguridade e calidade. Actualmente, o CHUS conta con dúas ambulancias tipo A1, en ocasións cun único condutor. Durante os días 9 e 12 de xaneiro, esta falta de medios provocou longas esperas para os traslados, o que atrasou a liberación de camas e impediu o ingreso en planta de pacientes xa admitidos, favorecendo a acumulación de doentes graves nos corredores de urxencias.

No texto recoñécese que as presións e negociacións do comité de empresa permitiron un incremento limitado de recursos, cun vehículo máis no hospital, tres unidades adicionais nas rutas programadas e unha ambulancia bariátrica, aínda que consideran estas melloras insuficientes para corrixir o problema estrutural.

Outro dos puntos destacados é o impacto da xestión privada nas condicións de traballo do persoal de ambulancias, que ao non formar parte do cadro de persoal do SERGAS carece, segundo o comunicado, de acceso directo a medios internos como ascensores, padiolas ou cadeiras de rodas, así como de información clínica axeitada. Esta situación, engaden, afecta tanto á calidade asistencial como aos tempos de traslado e á seguridade de profesionais e pacientes.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS e o comité de empresa conclúen que estas deficiencias son consecuencia dun modelo de xestión que prioriza criterios económicos, carece de mecanismos democráticos de control e rompe a coherencia organizativa do sistema público de saúde. Por iso, esixen a desprivatización do transporte sanitario, a dotación dos medios materiais e humanos necesarios e a integración do persoal subrogado como persoal do SERGAS.

Finalmente, fan un chamamento a pacientes e usuarios para que denuncien as carencias que detecten durante a prestación do servizo, ao considerar que a visibilización destas situacións é clave para mellorar as condicións de atención sanitaria na área de Santiago-Barbanza.

ÚLTIMAS

Rosa Crujeiras aparta a Luis Míguez da súa candidatura por comentarios “homófobos” de hai 20 anos

A candidata a reitora da USC Rosa Crujeiras anunciou este martes que o catedrático...

Investigadores da USC denuncian limitacións “ilegais” nas axudas posdoutorais da Xunta

Dous investigadores da Universidade de Santiago de Compostela acusaron á institución de "impor unilateralmente"...

A Xunta reclama axilidade ao Concello para avanzar na vivenda protexida de Compostela

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta, María Martínez Allegue, pediu...

O xurado selecciona tres propostas finalistas no concurso internacional de iluminación da contorna da Catedral

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou este luns na recepción do xurado do...

O PP de Santiago denuncia a vandalización da súa sede con “propaganda independentista”

O Partido Popular de Santiago denunciou este martes a vandalización da súa sede local,...

Miles de persoas maniféstanse en Santiago para denunciar os colapsos da sanidade pública galega

Miles de persoas saíron este domingo ás rúas de Santiago de Compostela para denunciar...

Convocan unha concentración en Santiago contra a caza e os malos tratos animais

Santiago de Compostela será unha das cidades nas que este domingo se desenvolverá unha...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here