InicioPOLÍTICAA alcaldesa anuncia a candidatura de Santiago a Capital Europea da Ciencia...

A alcaldesa anuncia a candidatura de Santiago a Capital Europea da Ciencia en 2028 e a suspensión do prazo do contrato de transporte

Goretti Sanmartín confirmou que a proposta parte da Axencia Galega de Innovación e explicou tamén decisións sobre turismo, a xestión da auga, a implantación da nova ferramenta contable e os encontros coa veciñanza

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a Axencia Galega de Innovación trasladou ao Concello a proposta para que a cidade se presente como candidata a Capital Europea da Ciencia no ano 2028. Segundo explicou, o goberno municipal expresou xa a súa total disposición a asumir este reto, que considera unha oportunidade para achegar a ciencia á vida cotiá, reforzar o seu impacto social e proxectar Compostela como un espazo comprometido coa investigación e o coñecemento.

Sanmartín sinalou que Santiago conta cunha posición sólida para optar a este recoñecemento, apoiada na fortaleza da Universidade de Santiago, na existencia de centros de investigación recoñecidos con selos de excelencia, na actividade de referentes da medicina xenómica e no desenvolvemento de proxectos que conectan investigación e emprendemento. A alcaldesa destacou tamén o papel do Centro de Supercomputación de Galicia, do Instituto de Ciencias do Patrimonio e das iniciativas de divulgación científica que manteñen unha relación continuada coa cidadanía e cos centros educativos.

A alcaldesa indicou que o feito de que Santiago fose elixida para presentar candidatura supón xa un motivo de satisfacción e avanzou que o proceso culminará cunha decisión da Comisión Europea. A candidatura deberá incluír outras cidades europeas e unha programación conxunta que conecte ciencia, educación, cultura e territorio. Desde o Concello consideran que este recoñecemento podería converterse nunha plataforma de dinamización económica e captación de talento.

PARALIZACIÓN DO CONTRATO DE TRANSPORTE URBANO

No ámbito municipal, a rexedora informou tamén sobre a situación do contrato do transporte urbano, despois da presentación de cinco recursos ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TAGAL). Como consecuencia destes recursos, o tribunal ditou unha suspensión cautelar do procedemento. A alcaldesa explicou que, aínda que esta medida non paraliza a tramitación, o goberno local decidiu suspender o prazo de presentación de ofertas, que remataba o 9 de febreiro, ata que o TAGAL se pronuncie. O obxectivo é garantir a transparencia e a igualdade entre as empresas interesadas, así como aproveitar este tempo para responder ás consultas formuladas na plataforma de contratación.

Sanmartín subliñou que a presentación de recursos en contratos desta envergadura é habitual e mostrou a confianza do goberno municipal na solidez técnica do expediente. Unha vez resoltas as cuestións polo tribunal, prevese abrir un novo prazo de presentación de ofertas cunha ampliación considerada razoable.

DATOS SOBRE TURISMO

En relación cos datos turísticos, a alcaldesa restou importancia ás comparacións puntuais entre cidades e defendeu a necesidade de centrar o debate no modelo. Indicou que Santiago segue a ser o principal destino turístico de Galicia e que o sector coincide en afastarse dun discurso negativo. Segundo explicou, 2025 foi un ano positivo, aínda que con certa baixada na recta final, atribuída en parte aos problemas de conectividade aérea. O Concello aposta por un modelo sustentable, con estadías máis longas e maior impacto económico, e por un traballo conxunto entre administracións e sector privado, especialmente de cara ás dificultades previstas durante as obras do aeroporto.

CONTABILIDADE MUNICIPAL E XESTIÓN DA AUGA

A alcaldesa tamén deu conta da implantación da nova ferramenta de contabilidade municipal, que entrou en funcionamento a comezos de 2026. A aplicación, segundo explicou, supón un cambio relevante nos procesos internos do Concello e permitirá mellorar a eficiencia, a axilidade e a sistematización dos procedementos. Sanmartín agradeceu o esforzo do persoal municipal durante esta transición, que coincide co peche do exercicio orzamentario anterior.

Outro dos asuntos abordados foi a xestión da auga, para a que está convocada unha nova reunión da Comisión Especial da Auga o vindeiro luns, día 2. A alcaldesa afirmou que chegou o momento de tomar unha decisión para poñer fin á situación de precariedade do servizo e defendeu que o debate se faga con base nos informes técnicos existentes. O goberno municipal aposta por un modelo de sociedade mixta que garanta o control público e permita acometer os investimentos necesarios coa participación de socios privados.

ENCONTROS COA VECIÑANZA

Sanmartín anunciou tamén o inicio dos encontros directos coa veciñanza, que comezarán o 5 de febreiro ás 11:30. A iniciativa, segundo explicou, tivo unha boa acollida inicial, con máis de cen solicitudes rexistradas nun só día. Para dar resposta á demanda, o Concello ampliará horarios e prevé atender as peticións ao longo dos vindeiros meses, mantendo aberto o formulario de solicitude.

SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

Finalmente, a alcaldesa referiuse ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cuxo custo, segundo indicou, segue a recaer en gran medida sobre os concellos. Criticou que o acordo acadado entre a Xunta e a Fegamp sexa insuficiente, ao fixar cantidades por debaixo do custo real do servizo. No caso de Santiago, o Concello está asumindo un gasto superior ao compensado e continuará reclamando unha financiación adecuada, mentres segue incrementando os recursos propios destinados a este servizo dirixido a persoas en situación de vulnerabilidade.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here