InicioPOLÍTICAO pleno rexeita a proposta do PP para retirar todos os radares...

O pleno rexeita a proposta do PP para retirar todos os radares de Conxo

A iniciativa popular foi rexeitada cos votos en contra do BNG, Compostela Aberta e os concelleiros non adscritos, a abstención do PSOE e o único apoio do PP

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O pleno do Concello de Santiago rexeitou este xoves a proposición presentada polo Partido Popular para eliminar todos os radares situados en Conxo, unha iniciativa que volveu xerar un amplo debate político arredor da seguridade viaria, o carácter sancionador destes dispositivos e o seu impacto na recadación municipal.

A proposta foi defendida polo portavoz popular, Borja Verea, quen acusou o goberno local de manter unha política de control do tráfico con “afán recadatorio” e reclamou explicacións á alcaldesa, Goretti Sanmartín, sobre a decisión de manter e ampliar o número de radares nun punto onde, segundo lembrou, no inicio do mandato se chegou a valorar a súa retirada. Verea vinculou o incremento previsto das sancións coa necesidade de ingresos municipais e preguntou se o executivo estaría disposto a compensar esa recadación cunha baixada de impostos, algo que non obtivo resposta afirmativa.

O portavoz do PP insistiu en que o seu grupo mantén o compromiso electoral de retirar os radares de Conxo e cuestionou que existan cambios nos datos de sinistralidade que xustifiquen reforzar o control da velocidade, ao tempo que lembrou que o propio goberno municipal fixera balance positivo da redución de accidentes na cidade.

Dende o grupo de concelleiros non adscritos, Gonzalo Muíños defendeu a permanencia das cabinas actuais, subliñando que foron instaladas con base en informes técnicos de tráfico e que non responden a unha decisión arbitraria. Ao mesmo tempo, amosou a súa oposición á instalación de novos radares sen datos obxectivos que avalen un incremento da velocidade ou da sinistralidade, e solicitou sen éxito que a votación se realizase por puntos diferenciados.

Na mesma liña, Xan Duro, en representación de Compostela Aberta, rexeitou a retirada do radar ao considerar o paso inferior de Conxo un punto especialmente crítico, pola falta de visibilidade e a confluencia de diferentes velocidades. Duro achegou datos de estudos realizados nos últimos anos que reflicten un alto incumprimento dos límites de velocidade, con porcentaxes significativas de vehículos circulando por riba do permitido, e defendeu que o control contribúe a mellorar a seguridade viaria.

Pola súa banda, o concelleiro do PSOE, Sindo Guinarte, cualificou o debate como recorrente e cuestionou que se trate dun dos asuntos máis relevantes para a cidade. Afirmou que os radares teñen un efecto disuasorio probado e advertiu de que a súa retirada podería ter consecuencias negativas na seguridade, aínda que se mostrou partidario de contar con informes técnicos no caso de estudar novas localizacións.

Na quenda final, a alcaldesa Goretti Sanmartín defendeu que a prioridade do goberno local é a pacificación do tráfico e a construción dunha cidade pensada para as persoas. Sanmartín rexeitou ligar multas e impostos e sinalou que as sancións só afectan a quen incumpre as normas, engadindo que “oxalá non se recade esa cantidade por multas, porque significará que a xente fai caso”.

Na votación final, a proposición contou unicamente co apoio do PP, mentres que BNG, Compostela Aberta e os concelleiros non adscritos votaron en contra, o PSOE abstívose e a iniciativa quedou rexeitada.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here