InicioCULTURAA Real Filharmonía de Galicia presenta o programa ‘Ao lonxe’ con Raquel...

A Real Filharmonía de Galicia presenta o programa ‘Ao lonxe’ con Raquel Areal como solista convidada

O ciclo inclúe a estrea absoluta dunha obra de Voro García, un concerto de Prokófiev e a Sinfonía nº 2 de Sibelius, con actuacións en Santiago e Vigo

Publicado o

Xornal de Compostela

A Real Filharmonía de Galicia vén de presentar ‘Ao lonxe’, un novo programa da súa tempada de abono que sitúa o violín no centro da proposta artística coa participación de Raquel Areal como solista convidada. Os concertos celebraranse o xoves 29 de xaneiro en Santiago e o venres 30 de xaneiro no Centro Cultural Afundación de Vigo, baixo a dirección do seu director titular e artístico, Baldur Brönnimann.

O programa abrirase coa estrea absoluta de ‘Muffled cry’, unha nova composición de Voro García, creada por encargo da Real Filharmonía no marco do proxecto ‘Cometas’, unha iniciativa orientada a impulsar a creación contemporánea e a integrar a obra de compositores actuais na programación regular da orquestra. A presenza do autor permitirá achegar ao público o proceso creativo desta nova partitura.

Na continuación do concerto interpretarase o Concerto para violín nº 2 de Serguéi Prokófiev, composto en 1935, nun momento clave da traxectoria do autor, pouco antes do seu regreso definitivo á Unión Soviética. Trátase dunha obra escrita case tres décadas despois do seu primeiro concerto para este instrumento e que foi o último encargo procedente do ámbito occidental, estreada en Madrid cunha instrumentación singular que incluía castañolas.

A segunda parte do programa estará dedicada á Sinfonía nº 2 de Jean Sibelius, escrita en 1902 tras unha estancia do compositor en Italia. A obra estrutúrase en catro movementos e combina unha linguaxe formal de carácter clásico cunha ampla expresividade melódica, converténdose nunha das sinfonías máis recoñecidas do repertorio nórdico.

A dirección musical corresponderá a Baldur Brönnimann, á fronte da Real Filharmonía de Galicia, cunha traxectoria recoñecida pola súa especialización no repertorio dos séculos XX e XXI, así como pola súa atención ao gran repertorio sinfónico. Como solista actuará Raquel Areal, violinista galega que desde maio de 2025 forma parte da Filharmónica de Berlín, sendo a primeira intérprete galega en incorporarse a esta formación. A súa carreira inclúe estudos na Escola Superior de Música Reina Sofía e na Hochschule für Musik Hanns Eisler de Berlín, ademais de colaboracións con directores e solistas de proxección internacional.

Antes do concerto en Santiago, o xoves 29 de xaneiro ás 19:45, celebrarase o encontro ‘Conversando con…’ na Sala Mozart do Auditorio de Galicia, unha sesión aberta ao público na que se presentarán as claves do programa e se abordará o proceso creativo da obra de estrea.

As entradas para o concerto de Santiago teñen un prezo de 18 euros, con descontos do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, maiores de 65 anos, estudantes, menores de 25 anos e membros de familias monoparentais ou numerosas. Poden adquirirse a través da web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio, neste último caso só o día do concerto desde unha hora antes do seu inicio. Para a actuación de Vigo, as entradas están dispoñibles na plataforma Ataquilla desde 13,30 euros.

ÚLTIMAS

Saleta Chao toma posesión como concelleira de Facenda de Santiago

Saleta Chao Rivas (BNG) incorpórase dende hoxe á Corporación municipal de Santiago de Compostela...

O pleno aproba unha moción do PP para reforzar o control do servizo de axuda no fogar e mellorar as condicións das traballadoras

O Pleno do Concello aprobou este luns unha proposición presentada polo Partido Popular para...

O PSdeG denuncia que dous alumnos do CEE A Barcia non poden asistir ás clases por falta de transporte adaptado

O secretario xeral do PSdeG en Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, denunciou este...

As non adscritas apoian a ILP Lingua Vital e levarán ao Pleno de Santiago unha moción para defender o galego

As concelleiras non adscritas do Concello de Santiago formalizaron o seu apoio á Iniciativa Lexislativa...

Cineuropa celebra os seus 40 anos en Santiago con máis de 150 películas, retrospectivas e homenaxes ao cinema internacional e galego

O festival Cineuropa cumprirá 40 edicións cunha programación de máis de 150 películas repartidas...

O loito polo accidente de Urda obriga a aprazar o concerto de Kid Mount en Santiago: que pasará coas entradas?

O Concello de Santiago decidiu aprazar o concerto de Kid Mount previsto para este...

Clara Cantore presenta en Santiago ‘Regreso’, un disco que une as raíces musicais arxentinas e galegas

A cantante e compositora Clara Cantore presentará este venres, 30 de outubro, en Santiago...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here