A candidatura de María José López Couso articúlase nun programa estruturado en grandes eixes que abranguen a gobernanza, o coidado das persoas, a misión académica e a conexión coa sociedade. A proposta aposta por unha gobernanza participativa, baseada no uso intelixente de datos e na rendición de contas, e por un reforzo do benestar do estudantado e do persoal, con atención á saúde mental, á igualdade e á vivenda universitaria. O programa concede tamén un papel destacado ao Campus de Lugo, cunha vicerreitoría propia, e á planificación estratéxica a medio prazo.
Pola súa banda, Maite Flores presenta un proxecto que pon o acento na excelencia científica e tecnolóxica, na modernización da xestión e no fortalecemento da investigación como motor da universidade. A súa proposta subliña a necesidade de reducir a burocracia, mellorar a carreira investigadora e consolidar infraestruturas singulares, ao tempo que defende unha docencia de calidade adaptada aos cambios sociais e ás novas demandas formativas.
O programa de Rosa Crujeiras céntrase nun modelo de universidade orientado á estabilidade institucional e á eficiencia organizativa, con especial atención á planificación económica, á coordinación entre centros e á relación co Sistema Universitario de Galicia. A candidatura formula medidas para reforzar os servizos, optimizar recursos e garantir un financiamento suficiente que permita consolidar a actividade docente e investigadora, así como mellorar as condicións laborais do persoal.
Finalmente, Alba Nogueira presenta unha candidatura coa idea de “mudar o presente para gañar o futuro” que sitúa no centro a autonomía universitaria, a defensa da universidade pública e o reforzo da participación democrática. O seu programa propón unha USC con maior capacidade de decisión estratéxica, cun financiamento estrutural estable e cun modelo de gobernanza máis transparente, apoiado nun Claustro activo e nunha implicación real da comunidade universitaria na definición do rumbo institucional. A proposta inclúe medidas para fortalecer a docencia presencial, consolidar a investigación e a transferencia de coñecemento, avanzar en políticas de igualdade, diversidade e vivenda universitaria, e reforzar o compromiso social e territorial da USC, con especial atención á internacionalización, á normalización lingüística e á sustentabilidade das infraestruturas.
As eleccións á reitoría, que terán lugar o día 12 de febreiro e decidirán entre catro modelos que comparten un diagnóstico común sobre os retos da universidade, pero que ofrecen respostas diferenciadas en cuestións como a organización interna, as prioridades de investimento ou a relación da USC coa súa contorna.