InicioSANTIAGOO xuízo polo homicidio do carniceiro da Praza de Abastos comeza o...

O xuízo polo homicidio do carniceiro da Praza de Abastos comeza o luns na Audiencia Provincial da Coruña en Santiago

O proceso xudicial contra dous acusados pola morte do responsable do posto ‘Chelo & Muñico’ desenvolverase ao longo dunha semana, con xurado popular e declaracións de acusados, testemuñas e peritos

Publicado o

Xornal de Compostela

A sección compostelá da Audiencia Provincial da Coruña acollerá a partir do vindeiro luns o xuízo contra Carlos Eduardo Yépez Núñez e Kevin Freangeddy Martín Guillén, acusados da morte do propietario da carnicería ‘Chelo & Muñico’, situada na Praza de Abastos de Santiago. O proceso iniciarase coa constitución do xurado popular, unha sesión non pública, e prolongarase ao longo de toda a semana.

Segundo o calendario previsto, a primeira xornada con vista oral será o martes, coa declaración dos dous acusados e o inicio das testificales. O mércores continuarán as comparecencias de testemuñas, entre as que figuran axentes da Policía Nacional e da Policía Local. O xoves e o venres estarán dedicados ás probas periciais e está previsto que o obxecto do veredicto se entregue ao xurado o día 2 de febreiro.

O escrito do Ministerio Fiscal sitúa os feitos na madrugada do 12 de novembro de 2024, arredor das 04:30, cando se produciu unha discusión entre os dous procesados e o carniceiro Antonio Costa Martínez nas inmediacións da Praza de Abastos. O enfrontamento continuou no interior do recinto, onde os acusados forcexaron coa vítima e cun vixiante de seguridade que acudiu tras ser alertado polo propio comerciante.

Durante a pelexa, Antonio Costa colleu un haragán de limpeza, obxecto co que posteriormente foi golpeado na cabeza por un dos acusados. Como consecuencia da agresión, o propietario da carnicería faleceu e o vixiante de seguridade resultou ferido, sufrindo diversas lesións.

Tras os feitos, os dous procesados fuxiron polas rúas de Santiago e foron detidos horas despois nos seus domicilios. Desde entón permanecen en prisión provisional á espera da celebración do xuízo.

PENAS E INDEMNIZACIÓNS

A Fiscalía solicita para cada un dos acusados 14 anos de prisión por un delito de homicidio, coa correspondente inhabilitación absoluta, así como dous anos adicionais por un delito de lesións. Ademais, reclama a imposición dunha medida de liberdade vixiada durante cinco anos unha vez cumprida a condena.

No apartado de responsabilidade civil, o Ministerio público pide que os acusados indemnicen á esposa da vítima con 120.000 euros polo falecemento e con 4.222,39 euros polos gastos de enterro, así como 108.875 euros á filla do carniceiro. Para o vixiante de seguridade, a Fiscalía solicita unha indemnización de 15.222,22 euros polos días de curación e de 7.591,71 euros polas secuelas derivadas das lesións sufridas.

O proceso xudicial deberá determinar agora o grao de responsabilidade penal dos acusados polos feitos ocorridos nun espazo emblemático do mercado compostelán e esclarecer as circunstancias nas que se produciu a morte do coñecido carniceiro.

ÚLTIMAS

O Pleno aborda a seguridade na cidade entre chamadas ao pacto, avisos contra o alarmismo e reclamacións de máis medios

O Pleno municipal de Santiago aprobou este xoves unha proposta dos concelleiros non adscritos...

A conexión aérea entre Santiago e Jerez reforza a promoción turística entre Galicia e Cádiz

A nova conexión aérea directa entre Santiago de Compostela e Jerez da Frontera centrou...

Compostela Accesible lanza unha campaña para denunciar barreiras arquitectónicas en Santiago

A Plataforma Compostela Accesible, detrás da que está o partido político UCIN, puxo en...

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

Lara Méndez respecta a candidatura independente das exconcelleiras socialistas e defende que o PSdeG presentará un proxecto de cidade en Santiago

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, afirmou que respecta a decisión das...

A USC aborda en Santiago o impacto das redes sociais no benestar da infancia e da adolescencia

A Universidade de Santiago de Compostela inaugurou este martes na Facultade de Psicoloxía as...

Aparece morto o home detido o venres por tres agresións sexuais en O Milladoiro

O home que fora detido o venres en relación con tres supostas agresións sexuais...