InicioPOLÍTICAO PSdeG de Santiago denuncia a “parálise” da cidade e critica o...

O PSdeG de Santiago denuncia a “parálise” da cidade e critica o estilo de goberno municipal

Os socialistas alertan de problemas en limpeza, mobilidade, vivenda e actividade económica e reclaman un cambio centrado na vida diaria da cidadanía

Publicado o

Xornal de Compostela

O PSdeG de Santiago alertou esta mañá da situación que, ao seu xuízo, atravesa a cidade, á que cualificou como “en claro retroceso e paralizada”, cun goberno local que, segundo denunciaron, exerce desde unha posición afastada da cidadanía. As críticas foron expostas nunha comparecencia conxunta do deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do partido en Santiago, Aitor Bouza, da concelleira Marta Abal e do voceiro municipal Gumersindo Guinarte.

Bouza abriu a intervención cunha reflexión centrada na vida cotiá das persoas que viven en Santiago, afastándose do debate institucional. “Non queremos falar do Concello, senón de Santiago como vila, como cidade e tamén dos problemas que lle preocupan a toda a cidadanía”, afirmou. A partir desa idea, describiu un percorrido simbólico polo día a día para ilustrar o que definiu como unha sensación xeneralizada de abandono.

Entre as primeiras cuestións sinaladas, Bouza referiuse ao estado da limpeza urbana, cunha cidade que, segundo indicou, presenta “colectores cheos, lixo acumulado e enseres que tardan días en recollerse”, unha situación que considerou habitual e non puntual. A estas críticas engadiu os problemas de mobilidade, tanto no transporte público como no servizo de taxi, con atrasos, falta de información e dificultades para acceder aos servizos, aspectos que, segundo dixo, afectan á veciñanza e tamén á imaxe exterior da capital galega.

A vivenda foi outro dos eixos centrais da súa intervención. O deputado socialista advertiu de que moitas persoas “buscan piso e non o atopan ou, cando o atopan, son prezos absolutamente inasumibles”, unha situación que estaría a provocar a saída de residentes da cidade. “Aquí non falamos de administracións, falamos de xente que está sendo expulsada da súa propia cidade”, asegurou.

Bouza tamén fixo referencia ás dificultades para emprender ou desenvolver unha actividade económica, con procesos administrativos que se prolongan durante meses ou máis dun ano. “A burocracia non só cansa, frea actividade, emprego e oportunidades”, advertiu, ao tempo que mencionou o deterioro do espazo público, a falta de mantemento de parques e rúas e unha programación cultural que considerou insuficiente para unha cidade como Santiago. Na súa conclusión, afirmou que o goberno municipal amosa “unha incapacidade de xestión evidente” e defendeu a construción dunha alternativa política “pensando nas persoas e na súa vida diaria”.

Na súa quenda de palabra, Marta Abal atribuíu boa parte desta situación ao estilo de goberno da alcaldesa, que cualificou de afastado da cidadanía. A concelleira criticou que, tras tres anos de mandato, se anuncie agora a apertura do despacho da alcaldía como medida de participación. Fronte a iso, sinalou que o PSdeG “estivo onde había que estar, a pé de rúa, escoitando e coñecendo de primeira man as necesidades reais de Santiago”.

Abal repasou o traballo desenvolvido polo grupo municipal socialista no último ano, con encontros con asociacións veciñais, deportivas, culturais, co tecido económico, co terceiro sector e con traballadores municipais. “O que propoñemos non nace dos despachos, nace da rúa”, resumiu. Neste contexto, denunciou a falta de avances en políticas de vivenda e lembrou propostas como un programa municipal de mobilización de vivenda baleira e un banco público de alugueiro a prezos accesibles.

A concelleira tamén enumerou iniciativas presentadas en ámbitos como o desenvolvemento económico e industrial, a seguridade —coa falta de efectivos en bombeiros e policía local—, o mantemento de espazos públicos, o saneamento, a xestión de residuos, a mobilidade, o deporte ou a accesibilidade universal. “Son actuacións pequenas que, de realizarse, provocan grandes cambios na vida diaria das nosas veciñas e veciños”, apuntou. Ademais, referiuse á situación do Centro de Educación Especial da Barcia, que cualificou de “moi grave”, reclamando unha reforma integral por parte da Xunta de Galicia e melloras urxentes no seu entorno para garantir a accesibilidade.

Pola súa banda, o voceiro municipal Gumersindo Guinarte fixo unha chamada a “empezar polo básico” para recuperar o pulso da cidade. Segundo indicou, moitos dos problemas actuais non precisan novos anuncios nin grandes proxectos, senón facer funcionar correctamente os servizos xa contratados. “Atender o básico é garantir que a cidade estea limpa, que se cumpra o contrato de limpeza, que funcione a recollida de enseres e a limpeza dos contedores”, afirmou.

No ámbito da mobilidade, Guinarte insistiu na necesidade dun transporte público eficaz, tanto en autobuses como en taxis, e advertiu de que unha cidade que aspira a acoller congresos e eventos non pode permitirse un sistema que non dea resposta ás necesidades reais da poboación nin das persoas visitantes. Tamén situou a vivenda no centro da acción política municipal, reclamando impulso á vivenda pública, posta a disposición de solo para construír e a declaración de zonas tensionadas para conter os prezos do alugueiro. “Vivir en Santiago non pode ser un privilexio, ten que ser un dereito”, afirmou.

O voceiro socialista reclamou igualmente unha administración local máis áxil e próxima, que reduza os tempos de espera nas licenzas e simplifique trámites, así como medidas de apoio ao comercio local, ao desenvolvemento de solo industrial e á captación de investimentos. Guinarte pechou a súa intervención defendendo unha cidade mellor coidada, máis segura e con espazos públicos mantidos de maneira planificada, desde o centro histórico ata as parroquias, así como unha programación cultural máis ambiciosa e accesible. “Falamos de Santiago, da súa xente, das súas necesidades e de como, desde a administración local, podemos facer que viva mellor mañá”, concluíu.

ÚLTIMAS

A propiedade do edificio do Escarnio e Maldizer instalará alarmas e contratará un servizo de seguridade permanente

O representante da propiedade do edificio situado no número 11 da rúa Algalia de...

O Concello de Santiago mellora en dous puntos o grao de execución orzamentaria en 2025

A alcaldesa Goretti Sanmartín deu conta este venres dos datos provisionais do exercicio 2025...

A alcaldesa acusa ao PP de ir a Fitur a facer “mala propaganda” de Santiago

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, acusou esta mañá ao portavoz municipal...

Dous accidentes múltiples provocados por unha granizada deixan varios feridos na área de Compostela

Dous accidentes múltiples rexistrados na área de Santiago de Compostela á primeira hora deste...

A alcaldesa evita posicionarse sobre o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: “Todo o mundo sabe que o Concello non intervén neste tipo de procedementos”

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, desvinculou este venres ao Concello do desaloxo do...

O Concello activará un formulario para solicitar reunións coa alcaldesa a partir da próxima semana

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, anunciou este venres en rolda de prensa que...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here