InicioSANTIAGOSantiago acolle un simposio internacional sobre biopsia líquida e oncoloxía de precisión

Santiago acolle un simposio internacional sobre biopsia líquida e oncoloxía de precisión

Máis de 300 especialistas analizan até este sábado o papel da biopsia líquida e da intelixencia artificial na detección temperá de recaídas e no axuste dos tratamentos contra o cancro

Publicado o

Xornal de Compostela

Máis de 300 expertos e expertas nacionais e internacionais danse cita até este sábado en Santiago de Compostela para analizar os avances na biopsia líquida e a súa aplicación clínica na loita contra o cancro. A cidade acolle desde este venres o ‘XI Simposio de Biopsia Líquida’, un encontro científico centrado na detección temperá de recaídas en determinados tumores e na combinación desta técnica coa intelixencia artificial para axustar os tratamentos oncolóxicos con maior precisión.

A inauguración do simposio contou coa participación do doutor Rafael López e da responsable da Unidade de Análise de Biopsia Líquida do Grupo Oncomet, a doutora Laura Muinelo, quen debullaron os principais retos e oportunidades que ofrece esta ferramenta no ámbito da oncoloxía personalizada. Segundo explicaron, a biopsia líquida permite anticipar a evolución da enfermidade e adaptar as terapias ás características específicas de cada paciente.

Durante o acto inaugural, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reafirmou a aposta do Goberno galego por situar Galicia “á vangarda” da oncoloxía de precisión, facendo fincapé no impulso á excelencia investigadora. O responsable autonómico destacou que a comunidade avanza “a paso firme” grazas ao “talento e a capacidade” dos seus profesionais, o que se traduce en equipos de referencia como o Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.

O simposio está considerado un dos principais foros científicos sobre biopsia líquida a nivel estatal e conta cunha proxección internacional crecente. Ao longo das súas once edicións, acompañou a evolución desta técnica desde as súas primeiras fases experimentais até a súa aplicación práctica na toma de decisións clínicas. Neste sentido, o doutor Rafael López lembrou que “empezamos cando a biopsia líquida era pouco máis que unha promesa científica, e hoxe debatemos como utilizala para tomar decisións clínicas reais no día a día”.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade subliñou que a biopsia líquida supón “un auténtico fito e un desafío” tanto para o sistema sanitario como para os profesionais. Na mesma liña, o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, puxo en valor a traxectoria profesional do doutor López e manifestou a súa “satisfacción” por participar na apertura dun encontro que sitúa a Santiago como referente no debate científico sobre a innovación oncolóxica.

ÚLTIMAS

‘La península de las casas vacías’ e ‘A noite das cebolas’ gañan ex aequo o Premio de Novela Europea do Casino de Santiago

A novela La península de las casas vacías, publicada por Editorial Siruela e asinada...

O Concello defende que baixa o número de animais en Bando e xustifica a suspensión da selección da dirección por unha dúbida legal

O Concello de Santiago respondeu ás críticas do Partido Popular sobre a situación do...

Patricia Iglesias evita aclarar se será candidata en Santiago: “Non son das que me anticipo”

A deputada socialista Patricia Iglesias volveu descartar este luns confirmar se optará a ser...

A Xunta de Goberno aproba obras no rural, subvencións de igualdade e a nova licitación das escolas infantís municipais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns, 8 de xuño, diferentes...

Patricia Iglesias evita aclarar se será candidata en Santiago: “Non son das que me anticipo”

A deputada socialista Patricia Iglesias volveu descartar este luns confirmar se optará a ser...

A Maker Faire Galicia abre en Santiago cunha xornada centrada no emprendemento e a innovación social

A Maker Faire Galicia inaugurou este venres en Santiago de Compostela a súa XII...

Un modelo da USC permite prever como reducir a calor nas cidades mediante cambios urbanísticos

O incremento das temperaturas está a aumentar o impacto da meteoroloxía sobre a saúde...