InicioPOLÍTICAO Concello aproba o proxecto de reurbanización da rúa Mallou no barrio...

O Concello aproba o proxecto de reurbanización da rúa Mallou no barrio de Meixonfrío

A actuación, cun orzamento de máis de 1,44 millóns de euros, abranguerá 540 metros e prevé melloras de accesibilidade, mobilidade e servizos públicos nun ámbito de 7.565 metros cadrados

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela aprobou o proxecto de reurbanización da rúa Mallou, unha actuación situada no barrio de Meixonfrío que busca transformar de maneira integral este espazo urbano da zona norte da cidade. O anuncio foi realizado en rolda de prensa polo concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, acompañado polo xefe de obras municipais, Antonio Ranedo.

Segundo explicou Domínguez, trátase dun proxecto “moi importante” que levaba tempo pendente e que permitirá rexenerar unha rúa con importantes déficits de accesibilidade, seguridade e continuidade peonil. O ámbito de intervención abrangue unha superficie de 7.565 metros cadrados ao longo de 540 metros, entre a Rúa Pequena e a confluencia coa Rúa da Queimada. O orzamento base de licitación ascende a 1.443.120 euros e o prazo estimado de execución é de 15 meses.

A redacción do proxecto, segundo indicou o concelleiro, resultou especialmente complexa debido á xeometría irregular da rúa, á existencia de retranqueos, discontinuidades nas beirarrúas e á necesidade de integrar espazos privados no deseño urbano. Este proceso obrigou a manter contactos individualizados coa propiedade das parcelas afectadas e a traballar de maneira coordinada coa asociación veciñal da Casa Agraria, á que Domínguez agradeceu a súa colaboración para facilitar a comunicación coa veciñanza.

O proxecto distingue dous tramos con problemáticas diferenciadas. No primeiro, carente de beirarrúas e con circulación en dobre sentido, prevese unha reorganización completa do espazo. No segundo, de sentido único e con estacionamento en liña, actuarase para eliminar interrupcións nas beirarrúas e mellorar unha accesibilidade cualificada como deficiente. En conxunto, a actuación permitirá crear itinerarios peonís continuos e accesibles, con beirarrúas que garantirán, como mínimo, 1,80 metros de ancho, salvo en puntos moi concretos condicionados polo espazo dispoñible.

A nova ordenación contempla un carril único de circulación, compartido con bicicletas, e a reordenación do aparcamento existente, mantendo practicamente o número de prazas actuais pero organizándoas de maneira máis racional. Ademais, habilitaranse cinco pasos de peóns elevados e outro de maior dimensión na zona central, todos eles con pavimento podotáctil, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria e reducir a velocidade do tráfico.

No eido ambiental, o proxecto aposta pola mellora da calidade do espazo público, coa incorporación de máis arborado e zonas verdes nas áreas estanciais, empregando especies autóctonas e alcorques de maior tamaño. Tamén se renovarán os pavimentos e materiais, escollidos por seren máis duradeiros e de menor mantemento, en liña cos utilizados noutros ámbitos da cidade.

Outro dos eixos da actuación será a renovación integral das redes de servizos públicos. Está prevista a implantación dunha rede de saneamento separativa de pluviais e residuais, a adaptación da rede de abastecemento á nova rasante e o soterramento de todo o cableado eléctrico e de telecomunicacións, eliminando as actuais instalacións aéreas. No alumeado público instalaranse luminarias máis eficientes, con reforzo específico nos pasos de peóns, e reorganizaranse os colectores de residuos.

Coa aprobación do proxecto, o Concello inicia agora a elaboración da documentación necesaria para a licitación das obras. Domínguez indicou que o proceso administrativo pode prolongarse entre catro e oito meses, polo que a intención municipal é publicar a licitación canto antes e iniciar os traballos ao longo deste ano, se os prazos o permiten.

Esta intervención na Rúa Mallou enmárcase, segundo explicou o concelleiro, no modelo urbano que defende o goberno local, orientado a mellorar a calidade, a resiliencia e a accesibilidade do espazo público. A actuación súmase a outras en marcha na zona norte da cidade e ao conxunto de investimentos municipais que superan os 12 millóns de euros en espazos e edificios públicos, executados desde o pasado ano e previstos para ao longo de 2026.

ÚLTIMAS

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

Mercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

As concelleiras non adscritas de Santiago anunciaron este martes a posta en marcha dunha...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

O Premio Literario San Clemente recibe o Premio Nacional ao Fomento da Lectura

O Premio Literario San Clemente, promovido polo IES Rosalía de Castro de Santiago de...

Mercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

As concelleiras non adscritas de Santiago anunciaron este martes a posta en marcha dunha...

Lara Méndez respecta a candidatura independente das exconcelleiras socialistas e defende que o PSdeG presentará un proxecto de cidade en Santiago

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, afirmou que respecta a decisión das...

O Concello presiona a adxudicataria para reactivar as obras da rúa García Lorca

O Concello de Santiago manterá a presión sobre a empresa responsable das obras da...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here