A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, mantivo este luns unha reunión con representantes da Asociación Brañas da Portela, no marco da rolda de encontros que o goberno local vén desenvolvendo desde o inicio do mandato co tecido asociativo, social e económico do municipio. No encontro participaron tamén o concelleiro de Obras, Xesús Domínguez, e a concelleira de Medio Rural e Relacións Veciñais, Pilar Lueiro.
A xuntanza serviu para coñecer de primeira man as demandas da veciñanza deste núcleo da parroquia de Figueiras e para intercambiar información sobre distintas actuacións impulsadas polo Concello no ámbito rural, así como outras que se atopan en fase de planificación. Entre os compromisos adquiridos figura a redacción dun proxecto para o arranxo íntegro do firme da pista asfaltada que conecta a estrada DP-701 co núcleo da aldea da Portela e, a continuación, coa aldea de Vrins. O goberno municipal trasladou ao Departamento de Obras a posibilidade de incluír este tramo no Plan Único da Deputación, co obxectivo de garantir o seu financiamento.
No eido da mobilidade, o Concello explicou as frecuencias previstas nas liñas de autobús recollidas no novo contrato do transporte urbano, actualmente en proceso de licitación, ao tempo que tomou nota das peticións formuladas pola asociación veciñal para mellorar o servizo nesta zona do rural compostelán.
Outro dos acordos acadados durante a reunión foi o de encargar un estudo técnico para a instalación dunha depuradora autónoma, destinada a dar servizo a máis dunha vintena de familias das aldeas de Vrins e A Portela. Para facer viable esta actuación, a veciñanza comprometeuse a facilitar a cesión dunha parcela onde poder executar a infraestrutura.
Ademais destas cuestións, no encontro abordáronse tamén outros asuntos relacionados coa iluminación pública e a accesibilidade, xunto con diversas necesidades detectadas pola asociación no seu ámbito territorial.
Segundo trasladou o goberno local, este tipo de reunións insírense na estratexia de diálogo continuado cos colectivos e entidades do concello, que se complementa con outros espazos de escoita activa postos en marcha neste mandato. Entre eles atópanse a reactivación dos consellos municipais de participación, a celebración do Consello Municipal de Relacións Veciñais a finais do pasado ano ou a nova iniciativa pola que a alcaldesa recibirá no Pazo de Raxoi á veciñanza a título individual a partir do mes de febreiro. A estas accións súmase tamén a participación cidadá canalizada a través da mesa sectorial de vivenda.

