InicioMOV. SOCIAISDenuncian un novo colapso no CHUS con persoas graves atendidas nos corredores

Denuncian un novo colapso no CHUS con persoas graves atendidas nos corredores

A Asociación de Pacientes e Usuarios advirte de vulneracións da dignidade e da intimidade dos doentes e sinala causas estruturais no funcionamento do servizo sanitario en Santiago

Publicado o

Xornal de Compostela

A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciou publicamente a situación vivida este xoves 9 de xaneiro no servizo de urxencias, que cualificou de gravemente colapsada, con decenas de persoas atendidas ou á espera de atención en corredores e zonas de paso.

Segundo trasladou o colectivo nunha nota de prensa, ao longo da mañá rexistráronse momentos nos que había 41 pacientes graves situados en padiolas e cadeiras nos corredores de acceso e en espazos limítrofes ao servizo. Ás 15:30, sempre segundo a mesma fonte, 21 persoas continuaban agardando nos corredores e outras 27 xa tiñan o ingreso asinado, pendentes de subir a unha planta hospitalaria.

A asociación asegura que esta situación non é puntual, senón que se repite de maneira habitual, e sostén que os corredores de urxencias permanecen ocupados diariamente por pacientes graves á espera de atención, o que consideran unha vulneración continuada dos dereitos fundamentais das persoas atendidas.

No seu comunicado, o colectivo tamén achega datos oficiais publicados pola propia xerencia do CHUS a través do apartado web ‘pulso do CHUS’. Neles indícase que nas últimas 24 horas foron atendidas 428 persoas, unha cifra que, segundo a asociación, non supón un pico asistencial se se compara con outros momentos recentes, como febreiro de 2025, cando se chegou a 539 pacientes nun só día. Nese mesmo período, engaden, ocupáronse 865 camas hospitalarias, o que representa un 57,24 % de ocupación, quedando 646 camas dispoñibles.

A asociación de pacientes considera que a gripe estacional non explica os colapsos reiterados do servizo de urxencias e apunta a causas estruturais. Entre elas, sinala a falta de persoal sanitario suficiente para habilitar camas cando son solicitadas polos facultativos e a debilidade da atención primaria, con demoras que, segundo indican, se sitúan de maneira habitual entre 10 e 17 días para unha consulta presencial por unha doenza nova.

No escrito tamén se critica a actuación da xerencia, á que acusan de permitir que se vulnere o dereito á intimidade e á dignidade das persoas doentes ao seren colocadas en zonas de paso, expostas a outras persoas alleas á asistencia sanitaria. A asociación denuncia que as urxencias están a funcionar como un espazo de almacenamento de pacientes, incluídas persoas con ingreso hospitalario xa autorizado, sen dispoñer das condicións materiais propias dunha planta de hospitalización.

“Os pacientes graves que requiren atención urxente somos aparcados nos corredores en espera de recibir atención”, afirma o colectivo, que alerta dos custes físicos e morais desta práctica e do impacto negativo na saúde das persoas afectadas.

Finalmente, a asociación reitera que as zonas de paso non son espazos de atención nin de espera, e lembra que, tras a clasificación na triaxe, os pacientes deben ser atendidos en lugares adecuados, con condicións dignas e coa vixilancia necesaria. Segundo subliñan, as esperas prolongadas nos corredores, mesmo para a realización de anamnese, supoñen unha situación de abandono asistencial que consideran contraria aos principios recollidos na Lei de Saúde de Galicia.

ÚLTIMAS

Santiago gardará un minuto de silencio no Obradoiro polas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

O Concello de Santiago de Compostela convocou para este mércores, 28 de outubro, ás...

As vítimas de Angrois vinculan o sinistro de Toledo coa falta dunha investigación independente do accidente de 2013

O portavoz da Plataforma Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, considera que a falta dunha...

O Concello destinará 1,2 millóns de euros á rehabilitación do Palacete do Espiño para usos públicos

O Concello de Santiago de Compostela investirá preto de 1,2 millóns de euros na...

Santiago acollerá por primeira vez a Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas o 22 de novembro

Santiago de Compostela incorporarase este ano á Carreira das Cidades contra o Cancro de...

A CIG concéntrase en Santiago contra o “acoso laboral” en Monbus e reclama a readmisión de seis traballadores

A Confederación Intersindical Galega (CIG) mobilizouse este martes, 27 de outubro, diante da estación...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here