O goberno municipal de Santiago de Compostela mantivo este venres un encontro informal cos medios de comunicación no Café Paradiso, establecemento histórico da cidade que se atopa próximo a pechar pola xubilación das persoas propietarias. A convocatoria, arredor dun chocolate con churros, serviu para facer balance do ano 2025 e avanzar algunhas das principais liñas de actuación previstas para 2026.
Na súa intervención inicial, a alcaldesa Goretti Sanmartín explicou que o obxectivo do encontro era mudar o formato habitual de relación cos medios locais e abrir un espazo de conversa directa. Segundo indicou, trátase tamén dun xesto de recoñecemento ao xornalismo de proximidade e ao modelo de comercio local que representa o Café Paradiso, ao tempo que reiterou a vontade do executivo municipal de manter políticas orientadas á veciñanza.
Sanmartín repasou algunhas das actuacións desenvolvidas durante o mandato, como a implantación da taxa turística, o novo modelo de transporte urbano, as políticas sociais ou as medidas urbanísticas dirixidas á protección da vivenda e do comercio de proximidade. A alcaldesa situou estas iniciativas nun marco de actuación que definiu como estruturais e orientadas a medio e longo prazo, fronte a intereses especulativos, cunha prioridade clara nas máis de 100.000 persoas que viven na cidade.
Un dos anuncios centrais foi a posta en marcha dun novo mecanismo de participación directa. A partir do mes de febreiro, a alcaldía recibirá de maneira periódica a veciñanza a título individual os primeiros e terceiros xoves de cada mes no Pazo de Rajoy. Para acceder a estas xuntanzas será necesario cubrir previamente un formulario sinxelo que se publicará na web municipal ao longo deste mes. A iniciativa pretende ofrecer un espazo formal para trasladar propostas, demandas ou achegas persoais ao goberno local.
A alcaldesa avanzou tamén que nos vindeiros días se convocará novamente a comisión da auga co obxectivo de abordar a definición do modelo de xestión deste servizo público e avaliar a posibilidade de levar unha proposta ao pleno municipal. Sanmartín insistiu en que se trata de informes técnicos complexos que están a ser analizados polos grupos municipais antes de adoptar decisións.
Pola súa banda, a tenente de alcaldesa María Rozas puxo o foco nas políticas sociais desenvolvidas durante o mandato e nas que verán resultados ao longo de 2026. Entre elas destacou a entrada en funcionamento do Centro de Atención Integral ás Persoas Sen Fogar, prevista para xuño, e a Casa dos Maiores do Ensanche, actualmente en fase de licitación. Segundo explicou, ambos os equipamentos estarán acompañados de plans estratéxicos específicos dirixidos aos colectivos aos que se orientan.
Rozas sinalou tamén que 2026 será “o ano da mobilidade” en Santiago, cun protagonismo especial para o novo contrato de transporte público urbano, cuxa licitación se iniciou a finais de 2025. Indicou que os pregos recollen demandas da veciñanza e buscan mellorar frecuencias e conexións, especialmente co rural. A isto engadiu a previsión de avanzar na remunicipalización dos aparcadoiros da Praza de Galicia e da Praza de Vigo, unha medida que, segundo apuntou, pretende contribuír á mobilidade e ao comercio de proximidade.
No transcurso do encontro, a alcaldesa respondeu tamén a preguntas sobre a negociación dos orzamentos municipais para 2026. Sanmartín asegurou que a vontade do goberno é alcanzar un acordo co grupo socialista e coas concelleiras non adscritas, como ocorreu en exercicios anteriores, e rexeitou que neste momento se contemple unha cuestión de confianza. Sobre as cifras do borrador orzamentario, remitiu ás explicacións detalladas que ofrecerá o concelleiro de Facenda na vindeira semana.
Finalmente, Sanmartín subliñou que, malia o contexto político, o executivo municipal continuará desenvolvendo políticas de fondo ata o remate do mandato. “O curto prazismo é o peor que nos pode pasar en política municipal”, sinalou, defendendo a continuidade de actuacións en ámbitos como a vivenda, a mobilidade, a xestión da auga e as políticas sociais como eixos centrais do proxecto de goberno.

