InicioSANTIAGOUn estudo da Real Academia Galega constata a hexemonía do castelán no...

Un estudo da Real Academia Galega constata a hexemonía do castelán no alumnado urbano de Santiago

O mapa sociolingüístico escolar revela un marcado gradiente urbano-rural, cun maior uso do galego nas parroquias e na contorna metropolitana fronte ao centro da cidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O alumnado escolar de Santiago de Compostela utiliza maioritariamente o castelán como lingua inicial e habitual, especialmente nas zonas máis urbanizadas da cidade. Así o recolle o estudo ‘Mapa sociolingüístico escolar de Santiago de Compostela: lingua, mobilidade e territorio’, publicado pola Real Academia Galega nos seus Cadernos de lingua, que analiza por primeira vez cun volume de datos amplo a relación entre lingua, residencia e mobilidade no sistema educativo compostelán.

O traballo sinala que máis do 75 % do alumnado residente na cidade emprega o castelán de forma exclusiva ou maioritaria na súa vida cotiá, fronte a arredor dun 10 % que usa o galego como lingua predominante. Esta tendencia contrasta cos datos do alumnado que reside fóra do termo municipal, principalmente na área metropolitana e en concellos da comarca, onde a presenza do galego resulta sensiblemente maior tanto como lingua inicial como habitual.

Segundo o estudo, o 63 % do alumnado escolar reside no propio concello de Santiago, mentres que o resto procede maioritariamente de municipios próximos. Ames concentra o 9,5 % do alumnado non residente, seguido de Oroso (6 %) e Teo (5,5 %), o que evidencia o peso da área metropolitana na configuración do sistema educativo da capital galega. Outros concellos da comarca como Brión, Vedra, Val do Dubra ou Ordes tamén achegan unha porcentaxe menor pero constante de estudantes.

A análise revela que o lugar de residencia inflúe tanto na elección de centro como nas prácticas lingüísticas. O alumnado procedente de fóra de Santiago está máis presente en centros públicos e privados, mentres que os concertados concentran unha maior proporción de estudantes residentes na cidade. Esta distribución, segundo o estudo, debe terse en conta á hora de interpretar as diferenzas sociolingüísticas asociadas á titularidade dos centros.

No referido á lingua inicial, os datos amosan que o galego está máis presente entre o alumnado que vive fóra da cidade: un 20,7 % fronte a un 8,6 % no ámbito urbano. Tamén diminúe entre estes estudantes a porcentaxe de castelanfalantes iniciais e aumenta lixeiramente o alumnado que declara ter aprendido galego e castelán por igual. Estas diferenzas reflíctense no índice medio de lingua inicial, que pasa de 0,24 en Santiago a 0,37 nas zonas periurbanas e rurais.

A mesma pauta repítese no uso habitual. Mentres que o 81,6 % do alumnado residente en Santiago utiliza o castelán de forma exclusiva ou maioritaria, esta cifra redúcese ao 64,8 % entre quen vive fóra da cidade. Pola contra, o uso habitual predominante do galego ascende do 6 % no ámbito urbano ao 19,3 % no resto da área analizada, o que confirma unha maior vitalidade da lingua galega nos contornos menos urbanizados.

O estudo identifica tamén unha clara zonificación lingüística dentro do propio concello, asociada á densidade de poboación. As áreas centrais, como a Cidade Histórica, o Ensanche ou As Fontiñas, presentan un claro predominio do castelán, mentres que as parroquias rurais e as zonas de menor densidade, como Sabugueira, Fecha ou Marantes, rexistran unha maior presenza do galego. Esta división reproduce un gradiente urbano-rural xa detectado en estudos anteriores, que segundo os autores non só se mantén senón que se intensifica nas zonas máis urbanizadas, especialmente no sur do municipio.

A investigación subliña que Santiago non funciona como un espazo lingüisticamente homoxéneo, senón como un territorio no que as prácticas lingüísticas varían de forma gradual en función do grao de urbanización e da mobilidade residencial. A comparación coas comarcas veciñas de Ordes e Arzúa reforza a idea dun contínuum sociolingüístico metropolitano, no que as transicións entre usos lingüísticos non son abruptas, senón progresivas.

Entre as conclusións principais, o estudo destaca a perda progresiva do galego como lingua inicial, a súa situación minoritaria como lingua habitual no alumnado urbano e a existencia de procesos de desgaleguización máis frecuentes ca os de galeguización. Ao tempo, identifica espazos de mantemento parcial da lingua, especialmente no alumnado procedente do rural e nalgúns centros públicos, aínda pendentes de análises máis detalladas.

Desde a Real Academia Galega, o traballo preséntase como unha ferramenta para orientar políticas lingüísticas con base territorial, tendo en conta as diferenzas entre barrios, parroquias e perfís de alumnado. O estudo sinala a necesidade de reforzar as estratexias de planificación lingüística no ámbito escolar e urbano, incorporando variables como a orixe e a mobilidade do estudantado.

ÚLTIMAS

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

A CEP denuncia o abandono da comisaría de Santiago tras máis de dous meses do incendio

A Confederación Española de Policía (CEP) denunciou publicamente o que considera unha situación de...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

Funcionarios de Xustiza denuncian “explotación laboral” nos xulgados de Fontiñas

Funcionarios do xulgado de instancia de Santiago de Compostela concentráronse este xoves diante dos...

Santiago acolle o Foro Galego de Cooperación e Solidariedade con chamamentos a reforzar o compromiso institucional

O Centro de Recursos e Servizos de Apoio Empresarial (CERSEA), en Santiago de Compostela,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here