O Concello de Santiago de Compostela aprobou na Xunta de Goberno local celebrada este luns 29 de decembro a adxudicación do contrato para a redacción de proxectos construtivos de ampliación e rehabilitación das redes municipais do ciclo integral da auga nas parroquias de Sabugueira, A Peregrina e San Xoán de Fecha. O contrato foi adxudicado á empresa Proyfe SL, que presentou a mellor oferta nos lotes I e II e foi a única proposta admitida no lote III, cumprindo cos requisitos exixidos no procedemento.
A adxudicación alcanza un importe total de 168.789,78 euros, correspondentes a 139.495,68 euros máis 29.294,10 euros de IVE, repartidos en tres lotes. O lote I, centrado na ampliación das redes de abastecemento e saneamento da parroquia de Sabugueira, ascende a 58.888,73 euros con IVE. O lote II, destinado á rehabilitación da colectora xeral de saneamento na mesma parroquia, supón un investimento de 32.133,14 euros. Pola súa banda, o lote III, relativo á ampliación da rede de abastecemento na Peregrina e en San Xoán de Fecha, conta cun orzamento total de 77.767,91 euros.
No ámbito das infraestruturas viarias, o Goberno local aprobou tamén o proxecto construtivo ‘Mellora e rehabilitación de viarios no ámbito rural 2025’, que contempla actuacións nos lugares de Cesar, As Quintás, Verdía, Lobra, O Roxido e A Susana. O proxecto conta cun orzamento superior aos 391.000 euros, IVE incluído, e executarase nos próximos meses coincidindo co período de mellores condicións meteorolóxicas. As intervencións incluirán a renovación do firme cunha nova capa de rodaxe de cinco centímetros de mestura bituminosa en quente, o saneamento das bases deterioradas, a limpeza e recuperación das gabias e a renovación da sinalización horizontal conforme á normativa vixente.
A Xunta de Goberno deu igualmente luz verde ao inicio dos trámites para recibir as obras en tres das cinco localizacións incluídas no proxecto ‘Entre Sar e Sarela’, unha iniciativa orientada a reforzar o anel verde exterior de Santiago e a mellorar a naturalidade dos espazos verdes urbanos. Trátase dun proxecto desenvolvido conxuntamente polo Concello e a Universidade de Santiago de Compostela, cofinanciado pola Fundación Biodiversidade a través de fondos Next Generation.
Entre as actuacións que entran agora na fase de recepción atópanse a restauración ambiental e creación dun laboratorio vivo urbano agroecolóxico no Xardín Botánico e no corredor do río Sarela, cun investimento de 213.049,25 euros sen IVE, que permitiu recuperar itinerarios peonís, mellorar a accesibilidade e reactivar antigas zonas de cultivo con froiteiras autóctonas. Tamén se inclúe a recualificación e recuperación ambiental da área verde do barrio de Cornes, cun orzamento de 145.015,30 euros sen IVE, onde se actuou sobre a lagoa e se introduciu unha especie de nenúfar autóctono; así como a consolidación do anel verde exterior no monte periurbano do Viso, cun investimento de 81.000 euros sen IVE, centrado na mellora de accesos, restauración ecolóxica e fomento da biodiversidade.
No apartado de servizos públicos, a Xunta de Goberno aprobou a cesión dun inmoble municipal ao Servizo Galego de Saúde para a instalación da Unidade Asistencial de Atención a Drogodependencias (UMAD). O inmoble, situado na rúa Manuel María número 6, cédese mediante adscrición demanial finalista por un período inicial de tres anos, con posibilidade de dúas prórrogas anuais adicionais.
En materia de licenzas urbanísticas, autorizouse a demolición dunha edificación na rúa do Castiñeiriño, 28 B, xunto coa concesión da licenza para a construción dunha vivenda unifamiliar no mesmo solar, que inclúe a aceptación da cesión de viario público. Ademais, concedéronse licenzas para a rehabilitación da cuberta e fachadas dun edificio na avenida de Lugo, 193, e para a rehabilitación enerxética da envolvente térmica e a renovación da instalación centralizada de calefacción e ACS nun inmoble situado na praza de Vigo, 1 – rúa Nova de Abaixo, 23.
No ámbito deportivo, aprobouse a transferencia ao Consorcio da débeda pendente derivada da execución da addenda ao convenio de colaboración para a xestión do Complexo Deportivo Fontes do Sar.
Por último, a Xunta de Goberno deu conta da aprobación de diversas xustificacións de subvencións e convenios, entre as que destacan as axudas ao apoio de actividades culturais para o sector profesional 2025, por un total de 144.790,87 euros destinados a oito entidades, así como convenios coa Asociación Área Empresarial do Tambre (50.000 euros), o Centro Cultural Social Juan XXIII (60.000 euros), a Fundación Secretariado Gitano (27.000 euros) e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para o proxecto ‘Vacacións en Paz 2024’, cunha achega de 8.000 euros.

