InicioPOLÍTICAAprobada a proposta das non adscritas para crear unha Comisión municipal de...

Aprobada a proposta das non adscritas para crear unha Comisión municipal de seguemento da taxa turística

A proposta da concelleira non adscrita Milagros Castro sae adiante cos votos do PP e do resto de edís non adscritos, mentres o Goberno local e o PSOE optan pola abstención

Publicado o

Xornal de Compostela

O Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou este mércores unha proposición para reclamar a creación urxente da Comisión municipal de seguimento da taxa turística, órgano encargado do asesoramento e control do destino dos ingresos derivados do imposto sobre as estadías turísticas. A iniciativa, presentada pola concelleira non adscrita Milagros Castro, contou cos votos favorables dos concelleiros non adscritos e do PP, mentres que BNG, Compostela Aberta e PSOE optaron pola abstención.

Na súa intervención, Castro lembrou que a taxa entrou en vigor o 1 de outubro de 2025 e que a ordenanza fixa un prazo máximo de seis meses para aprobar o regulamento e constituír o órgano encargado de xestionar o 80 % do recadado. Segundo advertiu, cando está a piques de iniciarse o primeiro período de liquidación, o Concello aínda non deu pasos visibles para poñer en marcha esta comisión, o que, ao seu xuízo, pode provocar que se comece a ingresar o imposto sen un órgano operativo que supervise o seu destino.

A concelleira defendeu que o esencial da taxa non é a recadación en si, senón que os fondos revertan na veciñanza, na mellora dos servizos públicos, nas infraestruturas e nun modelo de turismo que non deteriore a calidade de vida en Santiago. A proposición inclúe tamén a demanda de reforzar a presenza veciñal no futuro órgano, incorporando representación directa de barrios con maior presión turística, como a Cidade Histórica, Galeras ou San Pedro.

Desde o PSOE, Gumersindo Guinarte compartiu a necesidade de crear a comisión, pero xustificou a abstención ao considerar que o Goberno local aínda está dentro do prazo legal. O edil socialista sinalou que a ordenanza debería ter incluído xa a composición do órgano e reclamou unha negociación real cun texto concreto, advertindo de que un modelo excesivamente amplo podería resultar pouco operativo.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo e portavoz do Goberno, Míriam Louzao, rexeitou que non se producise participación veciñal e explicou que o executivo municipal aposta por integrar a comisión no futuro Foro de Turismo Sustentable, chamado a substituír o actual Consello Municipal de Turismo. Louzao detallou que xa se celebraron xuntanzas informativas, procesos de consulta previa e que existe un borrador de regulamento que se pretende compartir coa corporación antes do inicio formal da súa tramitación, prevista para os primeiros meses do vindeiro ano.

O PP xustificou o seu apoio á proposición ao considerar inadmisible que, varios meses despois da aprobación definitiva da ordenanza, aínda non estea creado o órgano esixido pola lei autonómica. A concelleira popular María Baleato advertiu dos tempos administrativos necesarios para a súa aprobación e publicación e sinalou que, de non acelerarse o proceso, podería non chegarse a tempo ao límite fixado de abril. Ademais, subliñou a importancia da comisión para dar transparencia ao destino dos fondos e para a propia imaxe turística da cidade.

Tras o debate, o pleno acordou instar ao Goberno local a avanzar na creación da Comisión municipal de seguimento da taxa turística, un órgano que, segundo a ordenanza e a lexislación autonómica, debe actuar como espazo de asesoramento e control da implantación do imposto e do uso dos seus ingresos en Santiago de Compostela.

ÚLTIMAS

O Compostela encadea a terceira vitoria consecutiva tras impoñerse ao Llanera por 1-3

A SD Compostela sumou este domingo a súa terceira vitoria consecutiva na Liga despois...

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

O PP de Santiago esixe a Sanmartín que condene os disturbios da Coruña e evite un posible boicot á Carreira Pedestre

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, José Antonio Constenla, reclamou á alcaldesa de...

Pedro Blanco propón reforzar a atención temperá e ampliar o lecer accesible en Santiago

O candidato do PSOE á Alcaldía de Santiago de Compostela, Pedro Blanco, anunciou que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here