InicioMOV. SOCIAIS(FOTOS) Decenas de miles de persoas maniféstanse contra Altri e a Mina...

(FOTOS) Decenas de miles de persoas maniféstanse contra Altri e a Mina de Touro-O Pino

A mobilización partiu da Alameda ao mediodía e, cando chegou ao Obradoiro, aínda había participantes sen iniciar a marcha

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Decenas de miles de persoas participaron este domingo en Santiago de Compostela nunha manifestación en contra do proxecto industrial de Altri e da mina de Touro-O Pino, nunha convocatoria que deu comezo ás 12:00 na Alameda e rematou na Praza do Obradoiro. Segundo indicaron as entidades organizadoras, cando a cabeceira da marcha chegou ao centro histórico aínda había xente que non saíra da Alameda, o que evidenciou a dimensión da mobilización.

A protesta reuniu plataformas sociais, colectivos veciñais e representantes políticos nun percorrido que volveu situar no debate público o impacto ambiental e territorial destes proxectos na comarca de Santiago e no conxunto de Galicia. Durante o acto final, as plataformas convocantes advertiron das consecuencias que poderían ter estas iniciativas sobre os recursos naturais e sobre os sectores produtivos ligados á terra e ao mar.

Dende a organización puxeron o foco no papel do río Ulla como eixo estratéxico para o abastecemento de auga, ao lembrar que fornece a varios concellos e a unha parte significativa da poboación, así como na relevancia económica, social e ambiental da ría de Arousa. As plataformas alertaron de que a posta en marcha de Altri e da mina de Touro podería comprometer de maneira irreversible estes ecosistemas, motivo polo que insistiron en que a mobilización cidadá seguirá activa. Segundo trasladaron, a presión social foi determinante para que, polo momento, ningún dos dous proxectos estea en funcionamento.

A portavoz da plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, sinalou que a mobilización se produce un ano despois doutras protestas multitudinarias para reiterar o rexeitamento á instalación dunha macrocelulosa no interior de Galicia. Defendeu que a veciñanza continuará defendendo o territorio no que vive e situou na Xunta de Galicia a responsabilidade de pechar definitivamente un proxecto que, ao seu xuízo, condiciona o futuro da zona.

REACCIÓNS POLÍTICAS

No ámbito político, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou na mobilización e reclamou ao presidente da Xunta que atenda o que cualificou como un clamor social contra Altri. Pontón defendeu un modelo industrial baseado en iniciativas compatibles coa protección do medio ambiente e sostivo que Galicia debe apostar por industrias propias do século XXI, afastadas de proxectos que, segundo indicou, hipotecan o futuro do país.

Pola súa banda, o portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, destacou que o Estado xa manifestou a súa negativa a apoiar economicamente o proxecto e a autorizar infraestruturas clave para a súa viabilidade, como a conexión eléctrica. Indicou que a formación seguirá traballando desde o ámbito institucional para paralizar definitivamente a iniciativa e reclamou á Xunta un rexeitamento explícito, ao tempo que pediu ás autoridades europeas a revisión das certificacións concedidas, ao aludir a posibles irregularidades na documentación presentada.

A portavoz socialista Lara Méndez, asistiu tamén á manifestación e reiterou o posicionamento contrario do seu partido ao proxecto de Altri e á mina de Touro-O Pino. Méndez subliñou que o Goberno central rexeitou en varias ocasións as axudas solicitadas pola empresa e defendeu que a contestación social debe ir acompañada de decisións desde as administracións para impedir a execución dunha iniciativa que cualificou de macrocelulosa.

ÚLTIMAS

Santiago gardará un minuto de silencio no Obradoiro polas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

O Concello de Santiago de Compostela convocou para este mércores, 28 de outubro, ás...

As vítimas de Angrois vinculan o sinistro de Toledo coa falta dunha investigación independente do accidente de 2013

O portavoz da Plataforma Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, considera que a falta dunha...

O Premio Literario San Clemente recoñece as novelas de Nerea Pallares, Andrés Neuman e Hugo Gonçalves na súa XXX edición

O Premio Literario San Clemente, organizado baixo a coordinación do IES Rosalía de Castro...

O Pleno de Ames debaterá este xoves modificacións orzamentarias por máis de 1,75 millóns de euros

O Concello de Ames celebrará este xoves o pleno ordinario correspondente ao mes de...

A CIG concéntrase en Santiago contra o “acoso laboral” en Monbus e reclama a readmisión de seis traballadores

A Confederación Intersindical Galega (CIG) mobilizouse este martes, 27 de outubro, diante da estación...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here