InicioCULTURAO Concello ordena o peche definitivo da sala Malatesta tras unha década...

O Concello ordena o peche definitivo da sala Malatesta tras unha década de actividade no barrio de San Lourenzo

O local afea "trato inaceptable" a Raxoi e este responde que as súas decisións se basean en informes elaborados por varios técnicos

Publicado o

Xornal de Compostela

A sala Malatesta, situada no barrio compostelán de San Lourenzo, comunicou o seu peche definitivo logo de dez anos de actividade cultural e musical. A decisión chega despois dun longo conflito administrativo co Concello de Santiago, que derivou en sancións, suspensións da actividade e, finalmente, nunha orde de peche que os responsables do local consideran arbitraria.

Nun comunicado difundido a través das redes sociais, os propietarios explican que durante este ano foron sancionados polo departamento municipal de Urbanismo, o que obrigou a manter o local pechado durante nove meses. Esa situación levou á apertura dun proceso xudicial, aínda en curso. Unha vez cumprida a sanción, indicaron que comunicaron ao Concello a súa intención de retomar a actividade, momento no que recibiron un requirimento para aboar unha taxa de 980 euros e achegar o seguro de responsabilidade civil, trámites que aseguran ter completado antes de reabrir.

Segundo relatan, dez días despois da reapertura chegou unha nova orde de peche baseada nun decreto asinado en xuño de 2025. Os responsables da sala presentaron un recurso hai case un mes, sen obter resposta ata o momento do anuncio do peche, o que cualifican como unha “persecución impulsada e avalada polo Concello de Santiago”.

No mesmo texto, subliñan que os continuos requirimentos urbanísticos ao longo da última década fixeron da sala un espazo “único en sistemas e seguridade, protección contra incendios e illamento acústico”. Con todo, aseguran que nos últimos dous anos a presión administrativa se intensificou. Os xestores do local defenden o papel da Malatesta como “espazo de referencia alternativo” dentro da oferta cultural da cidade e reivindican a existencia de modelos culturais fóra dos circuítos institucionais.

Ademais, denuncian o que consideran un trato de “crueldade e desprezo” por parte do Goberno local e avanzan que iniciarán novas accións legais. “Loitaremos nos tribunais contra o que consideramos un peche arbitrario”, sinalan, ao tempo que confirman a cancelación de todos os eventos previstos e a devolución das entradas adquiridas.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

Pola súa banda, o Concello de Santiago defende a legalidade da actuación. Segundo fontes municipais, o 5 de maio declarouse a ineficacia do título habilitante da sala por incumprimento da normativa acústica, o que implicou a imposibilidade de tramitar un novo título para a mesma actividade durante un período de seis meses.

Posteriormente, o 4 de novembro presentouse unha declaración responsable para a actividade de café-espectáculo, que deu lugar á apertura dun novo procedemento administrativo e á suspensión da actividade o día 14 dese mesmo mes. Este venres, o Goberno local rexeitou o recurso de reposición presentado polos responsables da Malatesta e declarou definitivamente a ineficacia da declaración responsable.

Dende Raxoi aseguran que a decisión está sustentada en informes técnicos de Urbanismo e da Asesoría Xurídica municipal. Engaden, ademais, que a aprobación inicial da modificación puntual do Plan especial da cidade histórica o 16 de xuño supuxo a suspensión de licenzas e títulos habilitantes para actividades como a de café-espectáculo, unha medida que pode prolongarse ata dous anos ou ata a entrada en vigor definitiva do novo plan urbanístico.

ÚLTIMAS

A ANPA do CEIP Santiago Apóstol denuncia o “bloqueo” ao cambio de nome do centro: “Ignoraron dous anos de diálogo”

A ANPA do CEIP Santiago Apóstol denunciou o “bloqueo” por parte do pleno do Concello...

O Goberno local adxudica o asesoramento para redefinir a xestión das instalacións deportivas e amplía o prazo do novo contrato de transporte urbano

A portavoz do Goberno municipal e concelleira de Turismo, Míriam Louzao, deu conta este...

Alfonso Rueda evita confirmar a Paula Prado como candidata en Santiago e afirma que o PPdeG elixirá “os mellores”

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, foi preguntado este luns...

A USC incorpórase como a segunda universidade estatal en captación de investigadores Ramón y Cajal

A Universidade de Santiago de Compostela informou este luns da incorporación de 18 novos...

María Rozas preside a constitución do Consello Municipal de Mocidade

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presidiu...

O Ateneo de Santiago organiza un faladoiro sobre a Real Filharmonía de Galicia con Baldur Brönnimann e José Antonio Domínguez

O Ateneo de Santiago acollerá este xoves, 26 de febreiro, un novo encontro aberto...

O Consello da Cultura Galega entrega as Medallas de Honra a Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros

O Consello da Cultura Galega distinguiu este martes á filóloga estadounidense Kathleen March e...