No acto de peche das conmemoracións polo 50 aniversario da Facultade de Filoloxía da USC, coa presentación do libro De Mazarelos a Vista Alegre, o decano Elias J. Feijó aproveitou para ir máis alá da efeméride e debuxar o lugar que, ao seu xuízo, ocupa hoxe o centro na sociedade galega.
Nunha conversa previa ao acto, Feijó explicou que estes cincuenta anos serviron para abrir a facultade cara fóra e facer visible o que nela acontece: docencia, investigación, transferencia e actividade cultural continuada.
Segundo o decano, ao longo deste ano de celebracións aproveitouse a data redonda para “facer unha proxección á sociedade do tipo de actividades de toda clase que aquí se realizan, de docencia, de investigación, de transferencia, de promoción e extensión culturais”, pero tamén para “facer unha revisión do noso proxecto académico, da oferta académica e das perspectivas que se abren para o noso traballo”.
O balance que fai do proceso é claramente positivo: “a valorización que eu fago é moi satisfactoria porque penso que fixemos e que cumprimos ben o que é o noso compromiso coa sociedade”, subliñou, ligando directamente o percorrido do centro á súa función como servizo público universitario.
Un libro para contar cincuenta anos de vida colectiva
O volume De Mazarelos a Vista Alegre, editado pola USC, foi o eixo do acto institucional de clausura e tamén un dos fíos centrais do discurso de Feijó.
Dende a mesa, o decano lembrou que “había que ter un libro que nos explicase dende o individual, dende o colectivo, dende o íntimo tamén, o que foran estes cincuenta anos”. Para acadar ese obxectivo, consideraba esencial “dar voz á xente que quixese dar a súa visión das cousas, sen máis condicionalismo evidente”, de maneira que a obra recolla non só fitos e datas, senón vidas, conflitos, celebracións e procesos cotiáns.
O decano recoñeceu o carácter necesariamente incompleto e arriscado dun libro desta natureza, no que houbo que elixir e deixar fóra materiais, cursos de verán ou actividades: un debate que chegou mesmo ao propio título, decidido tras un referendo interno arredor da fórmula ‘De Mazarelos a Vista Alegre’. Mais, lonxe de ver nesa tensión un problema, interpretouna como síntoma da vitalidade da comunidade:
“O risco tamén nos interpreta. E o risco é das cousas interesantes dun traballo común. Hai que correr riscos: na docencia, na investigación, ás veces mesmo ser un pouco temerarios, non en exceso. Penso que unha universidade debe correr riscos e o que é o servizo público debe correr riscos.”, apunta.
Nesa mesma liña, o decano afirmou que o libro simboliza unha vontade compartida de asumir eses riscos e de contar a propia historia dende dentro da facultade, sabendo que non é un relato pechado. De feito, lembrou que en xaneiro se presentarán tamén vídeos sobre docencia, investigación e transferencia, concibidos como complemento audiovisual desta memoria escrita.
Lingua propia como eixo vertebrador
Se hai un elemento que atravesa o seu balance é a centralidade da lingua galega no proxecto da Facultade de Filoloxía ao longo de cinco décadas. Na conversa, o decano foi explícito ao lembrar que “a vertebración de todo iso foi feita na nosa língua”, non só pola especialidade filolóxica do centro, senón por unha opción de fondo.
Ao referirse aos cincuenta anos de historia, insistiu en que todo o traballo desenvolvido estivo “feito na nosa língua con certamente elementos e coordenadas de todos os países, de outras culturas, etc., mais sempre vertebradas a través de aí”.
Cndensou así esa idea nunha formulación clara: “A língua como historia, como presente e como futuro tivo, e ten, unha presencia notable.”
Na súa análise, a lingua galega funciona na facultade como elemento transversal, presente en todos os ámbitos da vida académica; comunicacional, vehículo de relación entre profesorado, estudantado e persoal; elemento da nosa identidade colectiva, que axuda a construír unha comunidade con memoria e proxecto, e produto de desenvolvemento cultural, especialmente nos campos da música, da creación literaria e da produción artística.
Cultura, poesía e música: celebración en clave galega
No repaso que o decano fixo das actividades do aniversario, ocupan un lugar destacado as iniciativas ligadas á creación cultural en galego.
Entre os grandes actos, lembrou o concerto celebrado o 26 de febreiro, no que participaron arredor de dezasete persoas que pasaron polas aulas da facultade e hoxe teñen unha traxectoria relevante na cultura galega. Para o decano, aquel programa amosou de xeito moi concreto como a Facultade de Filoloxía “foi e é un lugar de xeración de cultura”, un espazo dende o que se proxectan voces cara ao conxunto do país.
Ao concerto sumouse un libro poético que recolle “uns 30 textos poéticos”, unha escolma representativa entre centos de autoras e autores que pasaron polo centro ao longo das décadas. Esa publicación, subliñou Feijó, permite ver con claridade como a facultade funcionou historicamente como un elemento fundamental, ou polo menos relevante e importante, para o desenvolvemento da nosa língua e da nosa cultura.
Deste xeito, o cincuentenario non se limitou a mirar atrás, senón que artellou a memoria en clave creativa, combinando a reflexión académica co protagonismo de quen hoxe escribe, compón, canta, investiga ou comunica en galego.
O choque co galego e a pedagoxía da acollida
Outro dos aspectos que o decano quixo destacar é a realidade cambiante do estudantado que chega cada curso á Facultade de Filoloxía, especialmente de fóra de Galicia.
Segundo explicou, “as persoas que veñen de fóra, estudantes, moitas delas veñen descoñecendo cal é a nosa língua propia. Descoñecendo a existencia, en moitos casos.” A chegada á facultade convértese entón nun primeiro encontro, ás veces sorprendente: “Chegan aquí e teñen un choque. Un choque porque algunhas mesmo din: ‘Eu vin un pouco enganada porque non sabía que había isto’.”
Nese contexto, ve unha oportunidade para traballar tamén no plano pedagóxico. A través das aulas impartidas en galego e do contacto co profesorado, prodúcese un proceso de inmersión gradual: “Dando aulas en galego ao mesmo tempo poden ir envolvendo as estudantes no que é a cultura, na explicación da nosa historia, da nosa traxectoria, que acaban por dar resultados moi satisfatorios nesas persoas”, apunta.
O decano subliña así a importancia de que a Facultade de Filoloxía non sexa só un lugar onde se estuda lingua e literatura, senón un espazo de descubrimento da realidade lingüística galega para quen chega sen coñecemento previo.
A unidade do sistema lingüístico e a ponte co portugués
Na Facultade de Filoloxía conviven tamén estudantes e docentes procedentes de espazos nos que o galego se pensa en diálogo directo co portugués, algo que Feijó considera unha riqueza engadida.
Por unha banda, hai alumnado que chega doutras latitudes e recoñece de inmediato a afinidade entre galego e portugués: “Hai tamén estudantes que veñen de outros lugares que senten o vínculo que no mundo se coñece como português e que entenden perfeitamente esa vinculación, esa unidade do sistema lingüístico.”
Por outra, a facultade recibe persoas procedentes de países nos que a lingua portuguesa é oficial. Para elas, o centro convértese nun espazo de recoñecemento mutuo: “Temos persoas que veñen de áreas en que a língua portuguesa é oficial e que encontran aquí unha simpatía no sentido tamén etimológico que fai relevante a súa presenza.”
O decano interpreta esta realidade como parte da marca propia do centro: unha facultade que pensa o galego nun sistema lingüístico máis amplo, capaz de dialogar con outros espazos culturais lusófonos e de situar a lingua de Galicia nun mapa internacional.
Risco, comunidade e sentido de pertenza
No seu discurso no acto institucional, o decano uniu a reflexión sobre a lingua cunha lectura máis existencial destes cincuenta anos. Falou de comunidade, de servizo público e tamén da forma na que quen pasou pola facultade mira hoxe o seu propio camiño.
Feijó insistiu en que o libro e o cincuentenario deben ser lidos como un exercicio compartido de recoñecemento a todas as persoas que traballaron no centro ao longo de cinco décadas, unha toma de conciencia de que a facultade é un espazo construído día a día, con docencia, investigación, xestión e dinamización cultural e a afirmación dun sentido de pertenza que se renova en cada xeración.
Nese contexto, evocou unha pregunta que, segundo el, moitas persoas se fan coa idade: se todo o esforzo dedicando a docencia e á vida universitaria “valeu a pena”. A resposta que ofreceu, mirando á sala e á historia da facultade, foi contundente: “E valeu. Valeu moito a pena.”
Ao fío desa idea, concluíu que ver a traxectoria da facultade, ver as persoas que por aquí pasaron e hoxe están a facer cousas levando consigo unha determinada forma de entender o mundo, demostra que existe unha marca de comunidade que o propio libro axuda a perfilar.
Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.
