O Pleno extraordinario celebrado hoxe no Concello de Santiago aprobou por unanimidade o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos servizos e medios persoais e materiais afectos á atención sanitaria prestada pola Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) e a Unidade de Día. Todos os grupos con representación, así como a concelleira non adscrita, avalaron a proposta, aínda que coa formulación de críticas ao proceso de información ao persoal municipal afectado.
O acordo permitirá que a parte estritamente sanitaria da atención ás persoas con problemas de adicción pase a integrarse no Servizo Galego de Saúde (Sergas), mentres o Concello seguirá asumindo as competencias de prevención e intervención social, tal e como explicou a concelleira responsable da UMAD, Pilar Lueiro, durante a defensa do punto.
Na súa intervención inicial, Pilar Lueiro lembrou que a integración das unidades municipais de drogodependencias no sistema sanitario público deriva dun marco normativo que, desde hai anos, prevé o traspaso dos centros e servizos sanitarios de titularidade local á Xunta de Galicia. Indicou que a dependencia funcional da unidade municipal con respecto ao Sergas xa quedara fixada nunha orde de 2007, polo que o paso que se dá agora é “completamente coherente” coa distribución real de competencias en materia de saúde.
A concelleira subliñou que o servizo municipal atendía persoas de 41 concellos, polo que considerou “lóxico” que sexa a Administración autonómica, con competencias plenas en sanidade, quen asuma a parte asistencial:
“Xa é ben sabido que lle corresponde á Xunta de Galicia, como Administración con competencias plenas nas prestacións relacionadas coa saúde, asumir o servizo asistencial en materia de drogodependencias”, afirmou.
Lueiro explicou tamén que a unidade municipal está organizada en dous equipos diferenciados: un equipo asistencial, de carácter sanitario, e outro de prevención, de competencia municipal. O acordo aprobado establece que se traspasa ao Sergas o persoal fixo sanitario adscrito á unidade asistencial, mentres que o persoal de prevención continúa vinculado ao Concello.
CONDICIÓNS LABORAIS DO PERSOAL E GARANTÍAS XURÍDICAS
Boa parte do debate centrouse precisamente na situación do persoal municipal afectado polo traspaso Lueiro indicou que o acordo da comisión mixta Estado–Xunta–Fegamp, que serve de base ao decreto autonómico, garante que o persoal se incorporará ao Sergas “nas mesmas condicións” que ten na actualidade, incluíndo dereitos económicos e administrativos.
“Entendemos que se garante tanto no acordo da comisión como no propio decreto os dereitos do persoal obxecto de traspaso, que se incorporará ao Sergas nas condicións que teñan acreditadas na data en que se efectivice”, sinalou.
Segundo expuxo, unha vez producida a integración, o persoal poderá optar voluntariamente por incorporarse ao réxime estatutario do Sergas ou manter o seu réxime xurídico e económico de orixe, tal e como se lles trasladou nunha reunión informativa conxunta coa Xunta e a Fegamp.
A concelleira recoñeceu, porén, que o procedemento chegou ao Concello “cun marxe temporal moi axustado“, o que impediu pechar antes todos os detalles do traspaso e completar, por exemplo, o expediente de cesión de uso das instalacións onde se presta o servizo. Nese punto, precisou que a vontade do Goberno local é facilitar o mantemento da actividade no actual inmoble de forma provisional, ata acordar formalmente as condicións coa Administración autonómica.
CRÍTICAS POLA INFORMACIÓN AO PERSOAL, PERO CO VOTO FAVORABLE
A pesar do voto unánime, os diversos grupos da oposición e a concelleira non adscrita cualificaron o proceso de “atropelado” e “mal xestionado” desde o punto de vista da comunicación co persoal da unidade.
A concelleira non adscrita Marta Álvarez ligou o seu apoio á necesidade de garantir unha mellor atención sanitaria ás persoas con adiccións, pero foi crítica coa tramitación.
“As cousas non se fixeron ben coas persoas traballadoras deste servizo, e as declaracións deles mesmos nos últimos días non deixan lugar a dúbidas de que foi un proceso atropelado, mal xestionado”, afirmou.
Segundo explicou, o persoal denunciou a desaparición da voluntariedade comprometida inicialmente para o traslado, a falta de concreción formal sobre as condicións laborais futuras e a incerteza respecto á localización do servizo. A este respecto, Álvarez reclamou que “non se poden vulnerar os dereitos das persoas traballadoras” e pediu que se pacten as condicións da integración “como mínimo, sen empeorar a súa situación actual”.
Pola súa banda, a voceira socialista Marta Abal centrou a súa intervención na falta de información previa ao Pleno e ao persoal. Criticou que o Grupo Municipal Socialista só tivese acceso á documentación completa nos días inmediatamente anteriores á comisión informativa, malia que a comisión mixta que fixou os criterios de traspaso se reunira en outubro. “Está claro, novamente, que fallou a comunicación dentro do Goberno municipal”, dixo, preguntándose “que pasou exactamente entre o 9 de outubro e o 29 de novembro” e por que non se notificou por escrito a cada traballadora e traballador “o carácter da integración e as consecuencias en termos de dereitos”.
Aínda así, Abal anunciou o voto favorable do PSdeG, ao entender que se trata de devolver á Xunta unha competencia sanitaria que “nunca debería ter saído” da Administración autonómica. Reclamou, iso si, que “hoxe mesmo se cumpra” o compromiso incluído no acordo para notificar persoalmente ás persoas afectadas a súa situación administrativa e as condicións de traballo que rexerán a partir do 1 de xaneiro.
Desde o Grupo Popular, Yolanda Otero definiu o día como un “fito histórico” ao considerar que a integración no Sergas mellorará a calidade do servizo e rematará cunha competencia impropia do Concello: “Non nos imos opoñer a esta proposta, pois o que este pleno nos propón é un fito histórico, xa que este traspaso vai mellorar a prestación do servizo e os traballadores non van ver minguadas as súas condicións laborais”, asegurou.
Con todo, tamén sinalou que o proceso deixou en evidencia “problemas de diálogo” do Goberno local coa representación sindical e co plantel municipal.
RECOÑECEMENTO AO EQUIPO E CONTINUIDADE DA INTERVENCIÓN SOCIAL
Na quenda de peche, Pilar Lueiro insistiu en que a data do Pleno foi “a última posible” marcada pola comisión negociadora, e que o Concello solicitou por diferentes vías a información necesaria ata poder trasladala ao persoal e ás organizacións sindicais. A concelleira rematou a súa intervención cun agradecemento expreso ao equipo da unidade, salientando o seu traballo “nun ámbito delicado e con recursos limitados” ao longo destes anos.
Tanto o Goberno municipal como os grupos da oposición coincidiron en destacar o papel do persoal na defensa da integración no Sergas, ao considerar que a atención ás persoas con adiccións debe formar parte da rede sanitaria pública, sen que iso implique que o Concello se desentenda do problema. Lueiro subliñou que o Concello seguirá a traballar na prevención e na atención social ás persoas con drogodependencias, dentro das súas competencias, e que a prioridade é garantir que o servizo se siga prestando sen interrupción para as usuarias e usuarios dos 41 concellos que acoden ao centro.
A alcaldesa Goretti Sanmartín pechou o punto cualificándoo tamén de “momento histórico” para a vida municipal, e reiterou o agradecemento ao persoal da unidade, insistindo en que se respectarán os seus dereitos laborais no proceso de integración e recoñecendo que, nalgún momento, puideron producirse “malentendidos” derivados da complexidade e dos prazos marcados polas outras administracións implicadas. O acordo saíu adiante por unanimidade, deixando agora en mans da Xunta e do Concello a concreción técnica da transferencia e das condicións de funcionamento do servizo a partir de comezos de ano.

