A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS volveu situar no foco público as demoras acumuladas nos servizos de radiodiagnóstico do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Segundo os últimos rexistros difundidos polo Sergas, máis de 23.000 persoas da área sanitaria compostelá estarían afectadas por esperas que superan os prazos establecidos para a realización de probas diagnósticas, incluíndo aquelas marcadas polos especialistas como preferentes.
Para ilustrar a dimensión desta problemática, a entidade fixo público o testemuño de Mar O.L., paciente do servizo de uroloxía, que acumula máis de 39 días de atraso respecto da data límite dunha resonancia magnética prescrita como preferente —cun prazo máximo de 15 días naturais— e que debía terse realizado antes do 29 de outubro. A doente relata que leva “desde 2015 en seguimento no CHUS” e que, tras unha intervención en 2021 e sucesivos intentos de obter revisións especializadas, continúa “sen diagnóstico certo” e atravesando episodios de dor intensa que a levaron a acudir a urxencias no mes de outubro.
O colectivo reproduce a súa experiencia para evidenciar unha situación de longa duración, na que a paciente afirma que se viu obrigada a recorrer a consultas privadas, tratamentos complementarios e baixas laborais mentres agardaba por probas diagnósticas que non chegaban. “Eu a isto só podo chamarlle abandono asistencial”, sinala, denunciando tamén que presentou cinco reclamacións formais sen obter unha solución efectiva.
A Asociación subliña que o carácter preferente destas probas está recollido no Anexo III do Real Decreto 605/2003, que fixa os criterios de homoxeneidade nas listas de espera do Sistema Nacional de Saúde. Lembra que este marco normativo obriga á administración sanitaria a garantir a realización das probas dentro dos prazos estipulados e reclama que “xerencia, radioloxía e admisión cumpran cos tempos establecidos e adopten as medidas necesarias para dotar os servizos dos recursos humanos e materiais precisos”.
O colectivo advirte de que os atrasos na área de Radioloxía repercuten sobre o funcionamento de múltiples especialidades, provocan demoras no diagnóstico e condicionan a aplicación de tratamentos axeitados, co consecuente impacto na recuperación das persoas doentes. Por iso, defende que a área debe contar cunha dotación técnica e profesional acorde á súa relevancia dentro do circuíto asistencial.
Finalmente, a Asociación de Pacientes reclama a realización inmediata da proba pendente de Mar O.L. e das persoas que se atopen nunha situación similar, incidindo en que o Sergas “debe actuar con estrito respecto á lei e aos principios de igualdade e calidade asistencial”, dada a implicación directa destas demoras na saúde e benestar da cidadanía.

