InicioSANTIAGOO IES Lamas de Abade ampliará a súa á oeste con nove...

O IES Lamas de Abade ampliará a súa á oeste con nove novas aulas para asumir o aumento de alumnado

O conselleiro de Educación visita o centro e confirma o inicio das obras en abril, cun investimento de 1,2 millóns de euros

Publicado o

Xornal de Compostela

O IES Lamas de Abade, situado na zona leste de Santiago de Compostela, acometerá a partir de abril unha ampliación da súa á oeste para dar resposta ao incremento continuado de alumnado. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou este martes o instituto acompañado do equipo directivo para coñecer os detalles dun proxecto que foi adxudicado a Marmitako Arquitectura e que suporá un investimento de 1,2 millóns de euros por parte da Xunta.

Segundo explicou o director do centro, José Bicada, a intervención —cun prazo estimado de execución de entre 10 e 12 meses— permitirá levantar un novo terceiro piso destinado a nove aulas, seis de maior tamaño e tres máis pequenas, estas últimas pensadas para grupos reducidos e desdobres. En total, habilitaranse 429 metros cadrados de novos espazos docentes.

Bicada subliñou que esta actuación chega “polo crecemento do barrio e pola evolución das matriculacións”, que nos últimos anos situaron o instituto en arredor de 1.100 estudantes entre ESO, Bacharelato e Formación Profesional. O aumento de liñas, iniciado hai tres cursos coa incorporación dunha aula adicional en 1º de ESO, obrigou ao centro a adoptar solucións provisionais para manter a actividade diaria.

Entre estas medidas destacou a división do taller de Tecnoloxía en dous espazos separados por unha parede de pladur —un arranxo que, en palabras do director, “non evita que se escoite todo”— e a modificación de horarios dalgúns ciclos. A aula de Debuxo tamén tivo que reutilizarse para clases ordinarias, complicando a organización de exames ao ter parellas de estudantes compartindo mesa. Con esta ampliación, o instituto recuperará “unha aula de tecnoloxía en condicións”, algo que o equipo docente e o alumnado recibiron “con moita satisfacción” por tratarse dunha “demanda de hai moito tempo”.

As novas aulas empregarase maioritariamente para ESO e Bacharelato, mentres que os espazos máis pequenos permitirán reforzar a atención a grupos fragmentados. A recuperación do taller é, segundo Bicada, outro dos obxectivos fundamentais dunha obra que se considera estratéxica para o funcionamento interno do centro.

En relación ás perspectivas de futuro, o director sinalou a vontade de que o Lamas de Abade continúe ampliando a súa oferta de Formación Profesional, especialmente na área sanitaria, e que poida dar resposta ao “crecemento global da FP” e á demanda de ciclos como o de Imaxe Persoal, que tamén imparten. “Fáltanos xente para traballar, e iso é un indicativo claro da necesidade de reforzar estas especialidades”, afirmou.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

‘O Encontro’ levará á Alameda unha xornada para achegar a democracia á mocidade galega

A Alameda de Santiago de Compostela converterase o sábado 12 de setembro nun espazo...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...