InicioPOLÍTICAO PSOE pide á Xunta unha nova residencia universitaria en Santiago e...

O PSOE pide á Xunta unha nova residencia universitaria en Santiago e un banco público de alugueiro para mobilizar vivendas baleiras

O partido reclama que se declare canto antes Santiago como zona de mercado residencial tensionado e critica a ausencia da empresa municipal de vivenda a final de 2025

Publicado o

Xornal de Compostela

O socialista Aitor Bouza presentou este venres as novas propostas do Partido Socialista en materia de vivenda para Santiago de Compostela, centradas en dúas liñas principais: a creación dunha residencia universitaria financiada pola Xunta de Galicia e a posta en marcha dun Banco Público de Alugueiro para mobilizar vivendas baleiras. Segundo explicou, o obxectivo é contribuír a reducir a actual “crise” e “emerxencia habitacional” que, ao seu xuízo, padece a cidade.

En primeiro lugar, o PSOE anunciará unha petición formal á Xunta de Galicia para que nos orzamentos autonómicos de 2026 se inclúa unha partida destinada á construción dunha residencia universitaria en Santiago de Compostela. Bouza enmarcou esta iniciativa na liña de propostas que o seu partido vén formulando nos últimos meses para rebaixar a presión sobre o mercado do alugueiro, sinalando que a chegada de mozos e mozas para estudar en Santiago incrementa a demanda de vivenda e que as prazas dispoñibles en residencias son insuficientes. “Hai unha altísima demanda na nosa cidade, non se pode cubrir por falta de prazas”, advertiu, defendendo que unha nova residencia permitiría canalizar parte dese fluxo de estudantes.

A segunda medida destacada polo socialista é a creación dun Banco Público de Alugueiro para incorporar ao mercado as vivendas baleiras existentes no municipio. Bouza lembrou que “as vivendas baleiras fan que non teñamos a posibilidade de ter esas vivendas en alugueiro” e insistiu en que todas as administracións deberían poñer recursos para afrontar este fenómeno. A proposta do PSOE pasa por que os propietarios cedan as súas vivendas a un banco público, de modo que a Administración garanta o cobro das rendas, a cobertura de posibles desperfectos e a sinatura de contratos de longa duración, mentres que as persoas inquilinas pagarían un prezo limitado a un máximo do 30% da renda media. “Podese facer, funciona”, afirmou, citando experiencias semellantes noutros territorios.

No plano institucional, Bouza insistiu en que a crise de vivenda en Santiago non se resolverá cunha única actuación, senón cun traballo coordinado entre administracións. Nesa liña, reclamou maior implicación tanto da Xunta de Galicia como do Concello de Santiago. Por unha banda, acusou ao Goberno galego de non facilitar abondo os procesos para a declaración de zonas de mercado residencial tensionado e, pola outra, criticou que o Concello non aproveitase o tempo dispoñible para elaborar e corrixir os informes requiridos pola administración autonómica. Segundo resumiu, “uns e outros ao final o que están provocando é que a día de hoxe rematemos o ano sen que estea Santiago declarado zona tensionada”.

O socialista comparou a situación de Santiago coa da Coruña, cidade na que si se completou xa o procedemento para declarar zona tensionada. Na súa intervención, explicou que alí se atenderon os requirimentos da Xunta e se axustaron os datos precisos para pechar o expediente, mentres que en Santiago se optou por recorrer a resolución autonómica no canto de presentar un novo informe ou alegacións. Bouza cualificou de “inexplicable” que non se convocasen reunións de traballo coa administración galega cando estas foran ofrecidas, e instou a ambos gobernos a deixar de “pasarse o balón” e a sentar a negociar unha solución.

Ademais, o representante socialista advertiu de que 2025 rematará sen dúas das ferramentas que o PSOE considera clave na política municipal de vivenda: nin a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado, nin a posta en marcha da prometida Empresa Municipal de Vivenda. Neste contexto, subliñou que a declaración de zona tensionada permitiría acceder a máis axudas e apoio do Goberno de España, ao estar vinculada á normativa estatal en materia de vivenda.

En relación co parque de vivenda estatal, o socialista referiuse tamén aos pisos da Sareb, explicando que o Goberno central está a traballar na súa transferencia a unha empresa pública estatal de vivenda por lotes, co obxectivo de poñelos en alugueiro ou en venda. Afirmou que este esquema non impediría futuros convenios específicos cos concellos ou coas comunidades autónomas, polo que podería abrir novas vías de colaboración para incrementar a oferta de vivenda en Santiago, especialmente unha vez que a cidade conte coa declaración de zona tensionada.

No peche da súa intervención, Aitor Bouza reclamou “máis claridade, esixencia e transparencia” á Xunta de Galicia e ao seu presidente, Alfonso Rueda, para demostrar un compromiso real con Santiago en materia de vivenda. Ao mesmo tempo, instou o Goberno municipal a cumprir os acordos pendentes co Grupo Socialista e a avanzar nas medidas acordadas en anteriores orzamentos, salientando que para o PSOE é prioritario garantir que “as veciñas e veciños podan ter un futuro grazas ás políticas de vivenda que si se teñen que facer”.

ÚLTIMAS

O Compos amplía a vantaxe na cabeza tras vencer pola mínima ao Arosa

A SD Compostela continúa firme no alto da clasificación tras superar este domingo ao...

Verea pide ao goberno de Santiago que aclare a súa postura sobre o turismo ante a caída de visitantes

O presidente do PP de Santiago, Borja Verea, urxiu ao executivo de BNG e...

Un grupo de corredores completan 51 km entre Melide e Santiago para visibilizar o rexeitamento social a Altri e á mina de Touro-O Pino

Un grupo de 14 corredores de montaña percorreu este domingo os 51 quilómetros que...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

Verea pide ao goberno de Santiago que aclare a súa postura sobre o turismo ante a caída de visitantes

O presidente do PP de Santiago, Borja Verea, urxiu ao executivo de BNG e...

Muíños advirte de que a crise dos bombeiros esixe decisións políticas inmediatas

O portavoz das edilas non adscritas no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, elevou este...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here