InicioCULTURAAcouga despídese do seu primeiro disco ‘Ámbar’ cun concerto especial no Riquela...

Acouga despídese do seu primeiro disco ‘Ámbar’ cun concerto especial no Riquela Club

A banda de Pazos de Borbén presenta o venres 21 en Santiago un directo cheo de colaboracións e emocións, co que poñen fin a unha etapa e abren outra nova

Publicado o

Xornal de Compostela

A sala Riquela Club de Compostela acollerá o venres 21 de novembro, a partir das 21:00, o concerto de despedida de Ámbar, o primeiro álbum da banda Acouga, natural de Pazos de Borbén. A apertura de portas será ás 20:30 e o grupo compostelán Battosai será o encargado de abrir a noite.

Formado por Gabri Fuentes (voz), Carlos de Castro (guitarra e voz), David Martiz (batería) e César Ríos Domínguez (baixo), o cuarteto leva en activo dende 2022 cun son que se move entre o posthardcore, o rock alternativo e o metal, con incursións melódicas que achegan tamén matices pop. “Non sabemos moi ben como definilo”, comentan entre risas.

O concerto terá un significado especial para a banda: será a presentación e, á vez, a despedida dun disco que non chegou a publicarse oficialmente. “Por cousas da vida non deu saído como esperabamos. En dous anos non demos publicado o disco, así que decidimos facer deste concerto un punto e aparte, pasar páxina e abrir unha nova etapa facendo o que máis nos gusta: tocar en directo”, explican.

Nos últimos anos, Acouga compartiu varios adiantos, como ‘Arde’, o seu tema con Nuno Pico (Grande Amore), que os situou como finalistas nos Premios Martín Códax da Música 2025 na categoría de Metal.

O grupo promete un concerto inmersivo e visceral, no que mesturarán enerxía e sensibilidade. “Incorporamos sons ambientais e buscamos fiar máis os temas, ofrecer unha experiencia máis completa”, apunta Carlos. Gabri engade que “os concertos non poden ser recitais; teñen que ser experiencias que paguen a pena, momentos que o público lembre, mesmo se non coñece a banda ou o xénero”.

O escenario do Riquela Club contará con colaboracións especiais de Gonzalo Grela (Machina, Broa), Mauro Gómez (Deleiba), Martín Gómez (Musgo 981) e as voces de Noemia Veiga e Marta Cons, tamén presentes no disco.

O álbum que agora se despide é un proxecto conceptual sobre a nostalxia, dividido en dúas metades simétricas de tres cancións, separadas polo interludio instrumental Cénit. A obra percorre un arco temporal que vai do amencer á noite, evocando o paso das emocións desde o descubrimento ata a perda.

Os primeiros temas —’Un novo día’, ‘Deflagración’ e ‘Corta o baleiro’— reflicten a ilusión e a aprendizaxe ante a dor. Despois, Cénit marca o punto de inflexión antes da segunda parte, encabezada por ‘Salitre’, onde o ámbar se presenta como metáfora do tempo e da memoria. “É un anaco de pasado que permanece intacto co paso do tempo; quente e luminoso como os recordos”, explica Gabri.

O disco culmina con ‘Turra de min’, a peza máis contundente, e ‘Arde’, que pecha o ciclo queimando o pasado para dar comezo “a un novo día”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

O Festival Agustín Magán celebra 25 anos cunha edición récord de dez compañías en Santiago

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán chega este ano á súa 25ª edición...

O Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar, poesía, patrimonio téxtil e memoria do exilio

O Museo do Pobo Galego inicia setembro cunha programación que combina arquitectura, investigación, literatura,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here