InicioCULTURAAs Xornadas de Ilustración Urbana convidan a redescubrir Compostela a través do...

As Xornadas de Ilustración Urbana convidan a redescubrir Compostela a través do debuxo

A Casa das Máquinas acollerá o 7 e 8 de novembro un programa gratuíto con obradoiros e conferencias de artistas internacionais, en paralelo ao encontro Compostela Ilustrada

Publicado o

Xornal de Compostela

As Xornadas de Ilustración Urbana regresan esta fin de semana a Santiago de Compostela cunha nova edición que aposta por poñer en valor o debuxo como ferramenta de coñecemento, observación e resistencia fronte á velocidade. Así o explicou a concelleira de Turismo, Míriam Louzao, na presentación celebrada no Pazo de Raxoi, na que tamén participaron o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Penas, e a coordinadora das xornadas, Gemma Cesáreo.

Louzao destacou que o programa, integrado no encontro internacional Compostela Ilustrada, permite cada ano “ver como a xente se para a observar Compostela e a debuxala con calma”. A edil subliñou que a iniciativa “tece unha imaxe alternativa da cidade feita de pequenas historias e olladas atentas, construíndo unha memoria visual compartida de Compostela”.

A actividade desenvolverase os días 7 e 8 de novembro na Casa das Máquinas, cun acceso libre e gratuíto a todas as sesións. O venres abrirá coa inauguración oficial e coas conferencias das artistas Inma Serrano, Pascale Lee e Olivia Marcus, que achegarán as súas experiencias arredor do proceso creativo e do caderno de viaxe.

O sábado, o ilustrador Daniel Pagáns impartirá o obradoiro Partindo de Cero, pensado para persoas adultas sen experiencia previa no debuxo. Pola tarde, intervirán Ximena Maier, que falará sobre a ilustración en azulexos; Barnaba Salvador, cunha viaxe visual pola Vía Francíxena; e Sarah Mari Shaboyan, que abordará a busca dunha voz propia na arte gráfica.

O deputado provincial Xosé Penas salientou que a ilustración “permite visibilizar o noso entorno dunha forma máis pausada, analítica e diferente”, e valorou o traballo conxunto entre cultura e patrimonio “para ofrecer novas maneiras de mirar Compostela”.

Pola súa banda, Gemma Cesáreo puxo o acento no carácter participativo do proxecto e no seu crecente atractivo internacional. “Cada ano, cando chamamos para convidar artistas, a resposta é inmediata: Compostela é unha cita moi desexada”, asegurou. Nesta edición, avanzou, participarán preto de 140 persoas, cun programa “mayoritariamente feminino” e con creadoras procedentes de París, Toulouse e Italia.

As xornadas compleméntanse coas exposicións de ‘Mulleres en Compostela’ —no Centro Maruxa e Coralia— e ‘Camiños de Viaxe’ —no Museo das Peregrinacións—, ademais das sesións de debuxo en espazos emblemáticos como a Alameda, o Obradoiro, o Mercado de Abastos ou San Pedro.

“Debuxar é habitar con máis conciencia o espazo”, concluíu Louzao, quen convidou á cidadanía a “visitar Compostela con tempo e deixarse sorprender polos artistas que a reinterpretan con novos ollos”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

O Festival Agustín Magán celebra 25 anos cunha edición récord de dez compañías en Santiago

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán chega este ano á súa 25ª edición...

O Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar, poesía, patrimonio téxtil e memoria do exilio

O Museo do Pobo Galego inicia setembro cunha programación que combina arquitectura, investigación, literatura,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here