InicioPOLÍTICAO Pleno aproba unha moción do PP para activar medidas de choque...

O Pleno aproba unha moción do PP para activar medidas de choque ante a inseguridade

A iniciativa saíu adiante cos votos do PP e dos concelleiros non adscritos e coas abstencións do BNG, Compostela Aberta e PSOE, tras un debate no que o goberno defendeu a coordinación policial e a oposición advertiu da percepción de inseguridade en varios barrios

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobou este xoves, 30 de outubro de 2025, a moción presentada polo PP para poñer en marcha medidas de choque fronte ao incremento de pelexas, trapicheo de drogas e problemas de convivencia en distintos puntos da cidade. A votación saldouse cos votos a favor do PP e dos concelleiros non adscritos, mentres que BNG, Compostela Aberta e PSOE optaron pola abstención.

O voceiro popular Borja Verea centrou a súa intervención en criticar a xestión municipal da seguridade e dos servizos de emerxencias. Asegurou que “é vostede unha neglixente” dirixíndose á alcaldesa Goretti Sanmartín, e vinculou esta “neglixencia” co peche “inoperativo” do Parque de Bombeiros e coa falta de efectivos da Policía Local: “Nunca pasou na historia de Santiago que o parque estivese pechado nin que un único policía tivese que patrullar toda a cidade”. Verea reclamou máis presenza policial nas rúas, activar e ampliar a videovixilancia —“o noso goberno activará a gravación das cámaras e instalará máis”— e reprochou ao executivo local que “negue que exista un problema de seguridade”.

Desde o grupo dos non adscritos, Gonzalo Muíños sostivo que a percepción cidadá de inseguridade aumentou e que os datosreflexan ese incremento na delincuencia”, propoñendo recuperar un pacto local pola seguridade e a convivencia con participación da Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil, servizos sociais e asociacións veciñais. Aínda así, advertiu contra os discursos alarmistas: “Cómpre atallar a cuestión con rigor para evitar alimentar a alarma social”.

En nome de Compostela Aberta, o concelleiro de Convivencia Xan Duro afirmou compartir a preocupación veciñal, pero acusou o PP de mesturar realidades distintas e alimentar discursos de odio: “Cando falamos de persoas sen fogar falamos de persoas vulnerables”. Duro defendeu que a Policía Local e a Policía Nacional actúan de forma coordinada e citou intervencións recentes contra puntos de venda de drogas en Rodríguez de Viguri e Laraño. Tamén aclarou unha polémica sobre a “alarma” xerada pola presenza policial: “Nunca se dixo que a policía nas rúas xere alarma; referíame a un incidente concreto no que a acumulación de vehículos chamou a atención”.

Pola banda do PSOE, Gumersindo Guinarte pediu diferenciar tres ámbitos que a moción “mistura”: senfogarismo, ocio nocturno e drogas. Defendeu facer cumprir as ordenanzas de horarios, aforos e consumo na vía pública, e apelou á responsabilidade institucional: “Os datos acreditan que Santiago é unha cidade segura”. Nunha segunda quenda, cualificou de “extraordinariamente preocupante” a situación do parque de bombeiros e da policía local, e instou o goberno municipal a aproveitar as vías xudiciais abertas para resolver o conflito laboral.

A concelleira non adscrita Marta Álvarez avanzou o apoio á proposición, pero tamén reclamou non mesturar o senfogarismo con narcopisos ou trapicheo: “Son problemas diferentes que requiren ferramentas distintas”. Sinalou que a intervención social con persoas que viven na rúa “esixe tempo e confianza” e criticou accións mediáticas que, ao seu xuízo, poden romper ese vínculo.

Pechou o debate a alcaldesa Goretti Sanmartín, quen afirmou que existe “constante colaboración” entre Policía Local e Policía Nacional e defendeu que os “datos obxectivos” avalan a seguridade de Santiago: “Os corpos e forzas de seguridade dirán que Santiago é unha cidade segura; iso non quita que en determinados momentos faga falta reforzo policial”. Sanmartín fixo balance da evolución dos cadros de persoal, indicando que se pasou “en poucos anos de 75 a 53 bombeiros e de 177 a 123 policías”, e asegurou que o executivo traballa para incorporar efectivos, abonar as horas extra pendentes e abrir unha mesa de negociación co persoal. “Seguiremos traballando para que Santiago sexa a cidade máis segura posible e con máis efectivos”, concluíu.

Coa aprobación da moción, o Concello queda emprazado a intensificar as medidas de seguridade e convivencia. Segundo as intervencións, esas actuacións combinarán operativos policiais, vixilancia en zonas de conflito, coordinación interadministrativa e respostas sociais diferenciadas para o senfogarismo e para as actividades ilícitas vinculadas ás drogas. O goberno local insiste en evitar o alarmismo, mentres a oposición reclama resultados palpables nos barrios citados polos grupos durante a sesión.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here