InicioPOLÍTICAO PP acusa o Goberno de Santiago de “neglixencia grave” tras quedar...

O PP acusa o Goberno de Santiago de “neglixencia grave” tras quedar o Parque de Bombeiros inoperativo

Publicado o

Xornal de Compostela

O Partido Popular de Santiago cualificou este luns de “dramática” e “gravísima” a situación do Parque de Bombeiros, que na noite do domingo quedou sen servizo operativo ao contar só con tres efectivos nunha quenda. Así o denunciaron os concelleiros José Ramón de la Fuente e Olaya Otero, que ofreceron unha rolda de prensa para advertir da “neglixencia grave” que, ao seu xuízo, supón deixar a capital de Galicia sen medios propios para atender unha emerxencia.

Segundo De la Fuente, o Plan de Emerxencias Municipal establece un mínimo de nove bombeiros por quenda, sendo o ideal doce, pero “a día de hoxe hai tres, e isto é Santiago de Compostela, capital de Galicia, con só tres bombeiros e un policía local de garda”. O edil subliñou que, ante calquera incidente, sería necesario solicitar apoio a parques doutros concellos como Lalín, Ordes ou Padrón, unha situación que “xa ocorreu o sábado pasado, cando unidades destes municipios tiveron que desprazarse a Santiago para atender dous incendios simultáneos”.

Os populares acusan o Goberno local, encabezado por Goretti Sanmartín (BNG), de “non tomar conciencia da gravidade” e de manter unha política “de parálise e inacción”. Tamén reprochan ao executivo a súa falta de resposta ás demandas do corpo de bombeiros, que leva “meses cubrindo carencias por responsabilidade, facendo horas extra que non se pagan desde hai máis dun ano”.

O grupo municipal lembra que a falta de persoal afecta tanto aos bombeiros como á Policía Local, e denuncia que o Concello “non só non incorpora novos efectivos, senón que atrasa o pagamento das horas extraordinarias, castigando a quen sostén o servizo público co seu esforzo”.

De la Fuente asegurou que o Goberno “prioriza a propaganda” fronte á xestión real, lembrando que “anunciou a comarcalización do parque pero non presentou ningún proxecto de construción”. “Cando se trata da seguridade e das emerxencias, a indolencia convértese en neglixencia”, afirmou o portavoz popular, que preguntou directamente á alcaldesa “se pode durmir tranquila sabendo que Santiago non ten recursos para responder ante unha urxencia”.

Pola súa banda, Olaya Otero cualificou a situación de “gravísima” e insistiu en que “é necesario pagar de inmediato as horas extra debidas, reorganizar os departamentos e activar os procedementos de selección para cubrir as prazas vacantes”. A concelleira lembrou que a normativa estatal permite priorizar a reposición de persoal en servizos de emerxencia e seguridade, “pero o Concello está limitándose ao mínimo que lle permite a lei”.

Os populares reclaman que se prioricen as prazas de bombeiros e policías locais nas ofertas de emprego público, e acusan o executivo de Compostela Aberta e BNG de “desprezar” estes servizos. “A cidade non pode permitirse seguir así nin un día máis”, concluíu De la Fuente.

O PSOE INSTA AO CONCELLO A ACTUAR CON CELERIDADE

Pola súa banda, o Grupo Municipal Socialista expresou a súa preocupación pola situación que se está a vivir no Parque de Bombeiros, cualificándoa de “grave” e instando ao Goberno local a actuar con celeridade. O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, subliñou que o parque “non pode atender incidencias dunha mínima gravidade” e reclamou ao executivo que pague as horas extra pendentes e acelere a provisión das novas prazas para aproveitar a taxa de reposición do 125%. “É unha débeda asumida co corpo de bombeiros que debe atenderse canto antes”, afirmou, insistindo en que a situación “require unha resposta inmediata para garantir o correcto funcionamento do servizo”.

REACCIÓN DE UCIN SANTIAGO

O partido UCIN Santiago de Compostela cualificou tamén o sucedido de “gravísimo e sen precedentes”, asegurando que a falta de persoal operativo no parque “deixa completamente desprotexida a capital de Galicia fronte a calquera emerxencia”.

O seu coordinador local, Diego Adrián Mallo Cao, reclamou a dimisión inmediata do concelleiro de Seguridade Cidadá, Xan Duro (Compostela Aberta), e pediu explicacións urxentes á alcaldesa. “O que pasou hoxe é intolerable. Santiago non pode quedar sen bombeiros nin por un só turno. Isto é consecuencia dunha xestión política nefasta e dun abandono total do servizo público”, declarou.

UCIN demanda un informe oficial de servizo, unha revisión integral da xestión do parque e un plan de reforzo inmediato de quendas e efectivos, lembrando que o corpo de bombeiros leva tempo advertindo da falta de persoal, do impago das horas extra e da precarización das quendas.

ÚLTIMAS

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

Mercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

As concelleiras non adscritas de Santiago anunciaron este martes a posta en marcha dunha...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

O Premio Literario San Clemente recibe o Premio Nacional ao Fomento da Lectura

O Premio Literario San Clemente, promovido polo IES Rosalía de Castro de Santiago de...

Mercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

As concelleiras non adscritas de Santiago anunciaron este martes a posta en marcha dunha...

Lara Méndez respecta a candidatura independente das exconcelleiras socialistas e defende que o PSdeG presentará un proxecto de cidade en Santiago

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, afirmou que respecta a decisión das...

O Concello presiona a adxudicataria para reactivar as obras da rúa García Lorca

O Concello de Santiago manterá a presión sobre a empresa responsable das obras da...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here