InicioCULTURASantiago acollerá en novembro ‘Píxel á Feira’, o primeiro salón galego dedicado...

Santiago acollerá en novembro ‘Píxel á Feira’, o primeiro salón galego dedicado en exclusiva ao videoxogo

O evento reunirá máis de vinte creacións galegas, exposicións, torneos e actividades gratuítas no Palacio de Congresos os días 8 e 9 de novembro

Publicado o

Xornal de Compostela

O Palacio de Congresos de Santiago de Compostela converterase os días 8 e 9 de novembro no epicentro da cultura dixital galega coa celebración de ‘Píxel á Feira’, o primeiro salón do videoxogo desenvolvido integramente en Galicia. O evento ofrecerá ao público a posibilidade de xogar con máis de vinte videoxogos creados no país, ademais de participar en actividades, torneos, charlas e obradoiros dirixidos a toda a familia.

A iniciativa foi presentada este luns en rolda de prensa polo vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o comisario do proxecto, Iago Gordillo, quen destacaron o seu carácter gratuíto e divulgativo.

Segundo explicou Regueira, o obxectivo de ‘Píxel á Feira’ é “favorecer que a industria galega sexa capaz de sacar novos produtos á rúa” e fomentar a súa difusión entre o público xeral. Pola súa parte, Gordillo incidiu en que o evento pretende tamén “pór en valor todo o apartado artístico que pode ter un videoxogo”.

A programación inclúe unha zona interactiva de xogo con máquinas recreativas, máis dunha ducia de actividades no Escenario DLC, e a participación de profesionais como Alba Calvo, Fernando Moreiras e Sara Cubelos, que ofrecerán unha visión técnica e creativa da industria.

O salón contará ademais coa exposición do Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), talleres, espectáculos e espazos dedicados á educación, a tradución e ao selo galego no sector do videoxogo. Entre as actividades destacan o concerto ‘Tiaviolí Gaminf’, que combina música e cultura dixital; a charla ‘Arte e historia nos Assassin’s Creed’, a cargo de O Barroquista; o espectáculo de improvisación ‘Impro Gamer’ e o concurso musical Gamesong Trivial Music.

Durante a presentación, Goretti Sanmartín subliñou que Santiago debe aspirar a ser “non só capital do turismo, senón tamén do comercio e, neste caso, do videoxogo”. A rexedora lembrou que o primeiro videoxogo en galego, O misterio das sete pezas, creouse na capital en 2001, o que amosa a vontade da cidade por consolidarse como referente neste ámbito creativo.

Sanmartín defendeu tamén a importancia de incorporar a lingua galega no sector dixital, destacando que proxectos como este “unen o educativo, o lecer e a mocidade, ámbitos nos que é esencial reforzar o uso do galego”. “Moitas familias teñen vontade de que os seus fillos empreguen a lingua, pero ás veces pérdese polo camiño. Este tipo de espazos axudan a recuperala”, concluíu.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

O Festival Agustín Magán celebra 25 anos cunha edición récord de dez compañías en Santiago

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán chega este ano á súa 25ª edición...

O Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar, poesía, patrimonio téxtil e memoria do exilio

O Museo do Pobo Galego inicia setembro cunha programación que combina arquitectura, investigación, literatura,...