InicioOPINIÓNDa importancia dos recoñecementos e a urxencia de recoñecérmonos

OPINIÓN

Da importancia dos recoñecementos e a urxencia de recoñecérmonos

Publicado o

Por María Rozas
María Rozas
María Rozas
Tenente de alcaldesa de Santiago, voceira municipal de Compostela Aberta e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude

Hai poucos días, o Concello de Santiago entregou as súas máis altas distincións a dúas mulleres e cinco homes, que recibiron as medallas de ouro da cidade ou foron nomeados fillos adoptivos ou predilectos. Noutro tempo, non tan lonxano, confeso que tería mirado este acto coa desconfianza que me adoitan xerar as grandilocuencias.

En 2018, o Goberno de Compostela Aberta impulsou a modificación do Regulamento de Títulos, Honras e Condecoracións, que databa de 1955. Quen, coma min, fuxa das grandilocuencias tal vez crea que o Concello tiña cousas ben máis importantes nas que investir o seu tempo. Pero cómpre diferenciar o urxente do importante.

Recoñecementos como os que entregamos no Teatro Principal son importantes, e empezan a ser urxentes. Porque o é que Santiago se reencontre consigo mesmo, coa nosa identidade colectiva e coa nosa historia. E non hai mellor maneira de logralo que a través do noso patrimonio máis valioso: a xente.

Urxe, e é importante, facelo fronte ás visións reducionistas (e interesadas) do que somos. Non é negar que Santiago se construiu como meta de peregrinación, nin ignorar que se segue construíndo como destino turístico. É lembrar que nada diso fala da inmensidade da Compostela compartida por Ramón Baltar, Tareixa Navaza, Aurichu Pereira ou Ezequiel Méndez.

En 2018, o fundador do cineclub universitario, nomeado fillo predilecto de Santiago, recuperou para Curtocircuito un documental sobre Compostela dos anos 60, que resultara moi polémico na súa estrea. Como Ezequiel Méndez relatou, non gustaran as imaxes que amosaba Claudio Guerín, con Maruxa e Coralia, coas paisanas da Praza de Abastos, ou cos homes botando a partida na taberna… “porque as forzas vivas da cidade querían ver unha postal xacobea e monumental de Santiago”.

Hoxe segue habendo quen devece pola postal xacobea, e eu teño o convencemento de que quen o fai adolece de falta de orgullo propio, de non crer nas potencialidades dun municipio que ten a Catedral, pero tamén a Universidade; tamén industria e comercio, tamén talento cultural e artístico… Que ten, sobre todo, “a enerxía colectiva que nunca perece” da que falaba Castelao na súa Alba de Gloria.

Esa enerxía non é a pedra, que temos que seguir coidando; nin o Apóstolo, nin o Camiño. Somos todos e todas nós. E temos que sabelo e reivindicalo. Temos que seguir “sendo casa” para todas, pero sobre todo para nós mesmas. Pola parte que me toca no goberno de Santiago, nesas estamos.

ÚLTIMAS

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

A nova EDAR da Silvouta avanza na súa posta en marcha coa activación progresiva dos sistemas de tratamento

A nova Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Silvouta, en Santiago de Compostela,...

Seis policías auxilian en Santiago unha muller gravemente ferida tras unha agresión da súa parella

Seis axentes da Policía Nacional auxiliaron nunha vivenda do centro de Santiago unha muller...

O PSOE pide ao Concello que concrete os cambios nas liñas do rural tras desbloquearse o novo contrato de transporte

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que aproveite o desbloqueo...

Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega

“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto...

Santiago de Compostela baixo risco: Marlaska ignora a súa policía

¡Increíble! Hai dous meses, un incendio inutilizou parte da comisaría de Santiago. E aínda nada...

As subvencións ao cine

O algoritmo que dirixe o mundo fixo que eu tivera que ver unha mensaxe...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here