InicioSANTIAGOXulgado un home por estafar a un veciño de Santiago na venda...

Xulgado un home por estafar a un veciño de Santiago na venda dunha autocaravana

O acusado enfróntase a un ano de prisión por supostamente enganar a través dun anuncio en Facebook no Nadal de 2020

Publicado o

Xornal de Compostela

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña celebrará o vindeiro xoves 17 de outubro un xuízo no que se sentará no banco dos acusados un home ao que a Fiscalía atribúe un delito de estafa, ou alternativamente de branqueo de capitais, por enganar presuntamente a un veciño de Santiago de Compostela durante a compra dunha autocaravana.

Segundo o escrito de cualificación fiscal, os feitos remóntanse ao Nadal de 2020, cando a vítima, residente en Santiago, atopou en Facebook un anuncio dunha autocaravana en venda por 6.000 euros. O Ministerio Público sostén que o acusado, “só ou en coordinación con outras persoas”, mantivo comunicación coa vítima a través de mensaxes nas que se gañou a súa confianza e lle fixo crer que lle entregaría o vehículo en Santiago unha vez recibise o pago.

Para dar aparencia de legalidade á operación, o procesado envioulle ao comprador documentación falsa, incluíndo un suposto contrato de compravenda e unha factura proforma. Convencido da veracidade da oferta, o comprador transferiu a principios de 2021 os 6.000 euros a unha conta bancaria titularidade do acusado, que posteriormente realizou reintegros parciais da cantidade.

O Ministerio Fiscal engade que, de non demostrarse a participación directa do acusado na “manobra enganosa”, este podería ter incorrido nun delito de branqueo de capitais, ao recibir e retirar un diñeiro do que “era consciente de que non procedía de actividades lícitas ou asumindo a alta probabilidade de que non o fose”, presuntamente a cambio dunha compensación económica.

A Fiscalía solicita para o procesado un ano de prisión e o pagamento da responsabilidade civil correspondente pola cantidade defraudada. O xuízo terá lugar na sede da Audiencia Provincial da Coruña, con sede no Pazo de Xustiza.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

Martín Pereira Fariña é elixido novo decano da Facultade de Filosofía da USC por unanimidade

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela contará cun novo equipo...