InicioPOLÍTICAA alcaldesa aposta por concentrar a referencia de Medicina en Santiago con...

A alcaldesa aposta por concentrar a referencia de Medicina en Santiago con docencia descentralizada

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, salientou hoxe nunha entrevista en RadioVoz a alianza estratéxica entre Concello e Universidade de Santiago de Compostela. “Santiago non sería a mesma sen a universidade”, afirmou, tras repasar a participación municipal en iniciativas académicas e de divulgación científica. A rexedora subliñou que o obxectivo compartido é “reter talento formado nas aulas e construír unha Compostela boa para vivir”.

Sobre o debate dunha segunda Facultade de Medicina en Galicia, Sanmartín defendeu Santiago como referencia académica e propuxo docencia descentralizada nos hospitais doutras cidades: “O que pide o sentido común é rendibilizar esforzos e camiñar por unha descentralización das horas de docencia”, indicou, pedindo evitar “debates localistas”.

No apartado sanitario, a alcaldesa referiuse ao aparcamento do Hospital Clínico. Indicou que están á espera de novidades por parte da Consellería responsable: “O proceso de licitación é competencia directa da Xunta; iremos coñecendo avances conforme nos informen”. Á vista do avance do centro de protonterapia, considerou “lóxico” que o aparcadoiro estivese xa en marcha e lembrou que o Concello abriu un parking provisional e reforzará o transporte colectivo, mentres demanda que a administración autonómica “apure” o proxecto.

A entrevista serviu tamén para concretar os case 15 millóns de euros de financiamento europeo asignados a ‘Santiago Transforma’ e ‘Santiago Accesible’ (execución 2024–2029). No primeiro bloque, o Concello prevé vivenda dotacional na Caramoniña, a construción dun novo equipamento deportivo multiusos na zona norte e a posta en marcha dunha ‘factoría’ para a mocidade e o sector cultural no antigo parque comarcal de bombeiros (4.500 m²). Trátase dun espazo polivalente con áreas de encontro, formación, inclusión laboral e un observatorio de xestión cultural, que, segundo dixo, “sobarda o que se pensou noutros contedores culturais”.

En ‘Santiago Accesible’, unha das actuacións “estrela” é o elevador para o barrio da Almáziga na intersección entre rúa do Pino e rúa de Touro. O paquete inclúe, ademais, a reurbanización da Praza de Utreia e contorna, a mellora da Avenida do Cruceiro da Coruña, a rehabilitación do colector de pluviais da Avenida de Lugo para previr inundacións e a renaturalización do río Corvo en Salgueiriños e Vite. A rexedora precisou o reparto financeiro: 60% con fondos europeos e 40% con achega municipal. Ademais, lembrou que Caramoniña e García Lorca xa están en marcha ou en redacción, polo que irán incorporándose progresivamente ao marco das axudas.

En instalacións deportivas, Sanmartín asegurou que faltan equipamentos na cidade e que o Goberno local está a avaliar o modelo de xestión de complexos como Santa Isabel e Multiusos de Sar, xunto coa dotación de Santa Marta: “Non renunciamos a ese proxecto para a zona sur”, dixo. Tamén reclamou investimento autonómico: “Leva moitos anos sen facerse ningún investimento deportivo na cidade”, engadiu.

A rexedora ligou estas peticións ao Estatuto de Capitalidade. Tras a suba “moi reducida” do último exercicio, fixou a aspiración municipal en duplicar a partida ata 5 millóns de euros: “Sería a medida para tratar Santiago como merece”, indicou, pedindo que a Xunta convoque o Consello da Capitalidade antes da presentación dos orzamentos.

No eido do turismo, Sanmartín cualificou de “normalidade total” a primeira semana do imposto de estadías turísticas —entre 1,00 e 2,50 euros por noite—, implantado o 01 de outubro: “A xente entende que é habitual contribuír co coidado do patrimonio e a limpeza”, apuntou. Sobre mobilidade e limpeza, avanzou que se licitarán 29 novas licenzas de taxi e que o Concello está a esixir o cumprimento dos pregos á concesionaria de recollida e limpeza: “Xa se notan melloras e seguirán”, asegurou.

A entrevista pechou cunha actualización do expediente para o retorno das estatuas municipais en poder da familia Franco. “Estamos a avanzar con informes e xestións xurídicas para un traslado feito con exquisitez”, dixo. Preguntada por prazos, amosouse optimista: “Espero que poidan estar listas antes de que remate o ano”.

ÚLTIMAS

Santiago celebra 40 anos como Patrimonio da Humanidade e redefine os seus retos de futuro

Santiago de Compostela celebrou este venres o 40º aniversario da súa declaración como Patrimonio...

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

UCIN Galicia inicia unha ronda de contactos en Santiago e prepara unha mobilización cidadá

UCIN Galicia abriu en Compostela un proceso de encontros con colectivos da cidade co...

O BNG pide no Parlamento profesores especialistas para o CEIP Monte dos Postes

O BNG reclamou á Consellería de Educación máis profesorado especialista no CEIP Monte dos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here