InicioPOLÍTICAO Concello licita servizos dos Centros Socioculturais, impulsa o mantemento da Rocha...

O Concello licita servizos dos Centros Socioculturais, impulsa o mantemento da Rocha Forte e autoriza a ampliación do IES Lamas de Abade

A Xunta de Goberno aprobou a saída a concurso do contrato da rede sociocultural en tres lotes (valor total 5,67 millóns), deu luz verde á ampliación do instituto de Lamas de Abade e abriu o procedemento anual do programa ‘Compostela Concilia’

Publicado o

Xornal de Compostela

A voceira do Goberno local e concelleira de Turismo, Míriam Louzao, debullou hoxe os principais acordos da Xunta de Goberno relativos a licenzas urbanísticas, contratacións e programas municipais. Entre os asuntos destacados figura a licitación dos servizos da rede de Centros Socioculturais do Concello en tres lotesAtención e Información ao Público, Biblioteca Pública José Saramago e Dinamización e Mediación Sociocultural— cun orzamento base de 3.398.323,72 euros (IVE incluído) e unha duración de 2 anos prorrogables por outros 2, o que sitúa o valor total do contrato en 5.669.114,70 euros. Segundo indicou, a publicación deberá pasar polo Diario Oficial da Unión Europea antes de figurar na Plataforma de Contratos e disporá dun prazo estimado de 35 días naturais para presentar ofertas. “Despois haberá unha comparecencia do concelleiro de Centros Socioculturais para detallar a licitación”, adiantou.

No apartado urbanístico, o Goberno local concedeu licenza á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para a ampliación do IES Lamas de Abade de acordo co proxecto asinado polo arquitecto Efrén Miota López. A actuación engade un andar no volume sur para igualar alturas coa ala norte e incorpora núcleo de comunicacións, aseos, seis aulas, dúas aulas de desdobre e saída a escaleira de emerxencia. A superficie construída do edificio principal pasará de 4.114 m² a 4.703 m², cun orzamento de execución material de algo máis de 600.000 euros.

A Xunta de Goberno tamén autorizou outras licenzas: reforma interior dunha vivenda na Rúa dos Loureiros, 29, soto; rehabilitación dunha unifamiliar na Rúa Real de Roxos, 30; rehabilitación de fachadas e cuberta nun inmoble da Rúa de Amor Ruibal, 33; e licenzas de piscina con porche en Neiro e no Campo da Angustia, ademais dunha rehabilitación enerxética na Rúa do Orio, 87.

No ámbito do patrimonio, aprobouse o expediente para licitar o servizo de mantemento do Parque Arqueolóxico da Rocha Forte por 90.490,81 euros (IVE incluído) e tres anos de duración. O programa inclúe roza e limpeza no interior do recinto (con traballos manuais ou con maquinaria lixeira), tratamentos herbicidas non residuais, e consolidación de noiros, elementos pétreos e morteiros. O contrato incorpora a redacción de proxecto e memoria técnica, o seguimento arqueolóxico das intervencións, así como a reparación do valado e o mantemento dos paneis informativos.

Por urxencia, a Xunta de Goberno adxudicou a redacción do proxecto e dirección das obras de reurbanización da Rúa de Castrón Douro á UTE Estudio Técnico Gallego, S.A. e Cota Arquitectura, Urbanismo e Construcción, S.A. por 84.010,30 euros. Tamén se adxudicou o servizo de apoio técnico para a recadación dos prezos públicos de xantares e almorzos dos comedores escolares municipais á empresa Atlantic Ponte 2000, SL por 17.413,11 euros.

No capítulo educativo, o Concello abre en formato anual o procedemento de alta no programa ‘Compostela Concilia’, que abrangue períodos non lectivos de Nadal, Entroido, Semana Santa e Verán. O dispositivo prevé 1.320 prazas de actividades, 1.320 de xantar —incrementadas nun 60% para igualalas ás de actividade— e 360 de almorzos, cunha reserva adicional do 3% para menores con necesidades específicas de apoio (ratio 1:1). Os prezos establecidos son: en Nadal, Entroido e Semana Santa, actividade 5,33 €/día, almorzo 1,67 € e xantar 5 €; no verán, actividade 4 €, almorzo 1,50 € e xantar 3,50 €. Mantéñense bonificacións do 50% e 100% segundo informe de Servizos Sociais. A alta tramítase pola Sede Electrónica unha soa vez para todo o curso e, a partir de aí, as familias activarán as quendas que precisen. Para a quenda de Nadal, o prazo de solicitude será do 03 ao 11 de novembro e a listaxe provisional publicarase o 19 de novembro.

A concelleira informou, asemade, do veredicto da XVI edición dos Premios EducaCompostela. O primeiro premio (1.200 €) recaeu en ‘O Patrimonio da Sabugueira’, do CEIR Mestre Rodríguez Xixiréi (Santiago); o segundo (900 €) en ‘O BO 2316 Química forense na aula’, de María González Iglesias (IES Politécnico de Vigo); e o terceiro (600 €) en ‘A viaxe, cando escapar non é un xogo’, da Asemblea de Cooperación pola Paz (Santiago). O xurado outorgou mención especial a ‘Mentes inquietas’ (IES Plurilingüe Rafael Dieste, A Coruña). “Chegaron 19 propostas, moitas máis ca o ano pasado, e é unha alegría que o primeiro premio sexa dun centro do noso concello”, indicou Louzao.

No eido económico, a Xunta de Goberno aprobou a segunda convocatoria dos bonos Corazón Compostela 2025 por 300.000 euros, que se engaden aos 300.000 da primeira tanda (maio-xuño), na que se descargaron 15.000 bonos por 6.903 persoas usuarias en 551 negocios, xerando un fluxo de 974.272,46 euros. A axuda máxima por persoa será de 60 euros (3 bonos) e cada bono terá 50 euros de valor, co 40% financiado polo Concello. Poderanse empregar en outubro e novembro; a publicación e prazos abriranse “nos vindeiros días”.

Ademais, acordouse abrir o prazo para solicitudes do Mercado de Nadal, que rematará o 28 de outubro ás 14:00; concedéronse as subvencións ao deporte federado por 329.999,73 euros (a 56 entidades) e as axudas a asociacións veciñais por 96.723,20 euros (a 33 entidades); ampliouse o prazo de xustificación das bolsas para medidas terapéuticas ata o 10 de decembro; e aprobouse o convenio coa Agrupación Cultural O Galo por 20.000 euros no marco do programa ‘Compostela e Memoria’, centrado este ano na historia de 1923–1936.

ÚLTIMAS

Santiago celebra 40 anos como Patrimonio da Humanidade e redefine os seus retos de futuro

Santiago de Compostela celebrou este venres o 40º aniversario da súa declaración como Patrimonio...

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

UCIN Galicia inicia unha ronda de contactos en Santiago e prepara unha mobilización cidadá

UCIN Galicia abriu en Compostela un proceso de encontros con colectivos da cidade co...

O BNG pide no Parlamento profesores especialistas para o CEIP Monte dos Postes

O BNG reclamou á Consellería de Educación máis profesorado especialista no CEIP Monte dos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here