InicioPOLÍTICAO Pleno rexeita a nova ordenanza do lixo e mantén en suspenso...

O Pleno rexeita a nova ordenanza do lixo e mantén en suspenso os cambios na recollida en Santiago

O BNG non logra os apoios do PSOE e do PP, mentres que os concelleiros non adscritos votaron a favor

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Pleno do Concello de Santiago de Compostela non sacou adiante este xoves a aprobación definitiva da ordenanza municipal de xestión de residuos, polo que quedan en pausa as modificacións previstas no servizo de recollida, sobre todo na cidade histórica e na incorporación e reforzo de bioresiduos. A sesión plenaria de hoxe tivo lugar, de maneira excepcional, na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, debido ás obras no Pazo de Raxoi que afectan ao salón de plenos.

O concelleiro de Servizos Básicos, Xesús Domínguez (BNG), abriu o punto lembrando que a norma pretendía actualizar a vixente dende 2008. Segundo explicou, o texto recollía “a regulación integral da recollida porta a porta na zona vella, a separación de todas as fraccións con trazabilidade e o reforzo dos bioresiduos para compostaxe”, ademais de “mecanismos de transparencia e información periódica á veciñanza”. Domínguez pediu o voto favorable ao considerar que a ordenanza era un instrumento “moderno, claro e eficaz” para cumprir co marco autonómico, estatal e europeo.

A concelleira Mila Castro avanzou o apoio dela e dos concelleiros non adscritos. Sinalou que o texto “respecta en boa medida a ordenanza marco da FEMP” e que non introduciría cambios substanciais na prestación do servizo respecto do que xa recolle o contrato en vigor: “Agora trasládase ao papel unha realidade que xa está en marcha”, dixo, citando a implantación do quinto colector. Sobre os horarios, apuntou que “as fraccións reciclables poderán depositarse en calquera momento, agás o vidro por razóns de convivencia”.

Pola súa banda, o grupo PSOE anunciou o voto en contra. A voceira Marta Abal cualificou o texto de “enfarragoso” e cuestionou a súa seguridade xurídica: “Vulnérase o principio de reserva de lei ao deixar en mans de disposicións da Alcaldía ou das áreas delegadas a creación de novas obrigas”, afirmou, citando artigos que, ao seu xuízo, permitirían modificar fraccións e exclusións do sistema sen pasar polo Pleno. Abal insistiu ademais en que o procedemento “foi tramitado ás costas do tecido social, industrial e económico”, e reclamou reformular a ordenanza e abrir un novo período de exposición pública tras as 47 alegacións presentadas.

O grupo PP, a través de Adrián Villa, tamén se posicionou en contra. Para o popular, o documento evidencia “falta de diálogo” coas entidades e impón horarios e requisitos “difíceis de cumprir” para a veciñanza. Villa sostivo que moitas das achegas cidadás “quedaron fóra” e vinculou o rexeitamento coa situación xeral da limpeza urbana: “É unha boa noticia para moitos veciños”, resumiu.

No turno de réplica, Xesús Domínguez lamentou que o traballo técnico realizado “non sexa avalado” e afeou que se empregue o debate para reforzar discursos sobre a sucidade da cidade: “Resulta decepcionante que unha ferramenta para mellorar o servizo non prospere”, afirmou. A alcaldesa, Goretti Sanmartín, pechou a quenda subliñando o cambio de posición do PSOE respecto da aprobación inicial do 24 de abril de 2025 e enmarcou o debate nun modelo de residuos que “aposte pola reciclaxe e a separación” fronte a outras opcións. Abal replicou que “o principio de legalidade” cuestionado non é unha opinión, senón que “o recolle un informe da asesoría xurídica”.

Cos votos en contra de PSOE e PP, a ordenanza non superou a votación definitiva. O goberno local deberá decidir agora os seguintes pasos: abrir unha nova negociación política, reaxustar o articulado e, de ser o caso, expor de novo o texto a información pública para tentar un consenso que permita avanzar cara aos obxectivos de recollida selectiva e prevención de residuos en Compostela.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O PP denuncia que a Policía Local traballou con seis axentes nalgúns días do verán

O Partido Popular de Santiago denunciou a situación dos efectivos da Policía Local durante...

Sanmartín prevé asinar o novo contrato dos autobuses en setembro e poñer o servizo en marcha este outono

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, situou para finais da próxima semana ou comezos...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here