InicioPOLÍTICAO PP acusa o goberno de Santiago de "incompetencia" pola perda da...

O PP acusa o goberno de Santiago de “incompetencia” pola perda da declaración de zona tensionada

María Baleato responsabiliza ao executivo local de non completar a documentación requirida pola Xunta e critica a súa xestión en política de vivenda

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira do Partido Popular en Santiago, María Baleato, acusou hoxe en rolda de prensa ao goberno municipal de “incompetencia” e “soberbia” tras coñecerse que a Xunta de Galicia deu por desistida a solicitude do Concello para declarar Santiago como zona de mercado residencial tensionado. Na súa comparecencia ante os medios, Baleato responsabilizou directamente ao executivo liderado por Goretti Sanmartín de non ter achegado a documentación necesaria no prazo establecido.

Segundo explicou, a administración autonómica solicitara ao Concello que completase certos documentos para continuar co procedemento, pero non se produciu a resposta requirida, o que motivou o arquivo da solicitude. “Non é tan difícil, só hai que coñecer a lei e remitirlle á Xunta o que pide”, afirmou Baleato, quen sostén que a normativa estatal e galega establece con claridade os pasos a seguir para obter a declaración.

A concelleira popular rexeitou que esta decisión teña motivacións políticas, como sostivo o goberno municipal, e insistiu en que se trata dunha cuestión de cumprimento legal: “A decisión non é política, é xurídica. A Xunta actuou con legalidade, seguridade xurídica e lealdade institucional”. Tamén asegurou que a Consellería de Vivenda ofrecera unha reunión entre os técnicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e os do Concello de Santiago, pero que esta fora rexeitada pola alcaldesa.

Baleato comparou o caso compostelán co da Coruña, cuxo goberno bipartito do PSOE e BNG obtivo xa a declaración tensionada para o seu municipio, a pesar de ter iniciado o proceso despois de Santiago. “Se tramitas correctamente, obtés a declaración; se non, como fixo este goberno, non”, apuntou.

Durante a rolda de prensa, Baleato tamén respondeu ás preguntas dos xornalistas sobre a súa posición con respecto á declaración de zona tensionada. Aclarou que o PP non levaba esta proposta no seu programa electoral, pero que estaría disposto a estudala se se acredita que cumpre os requisitos legais. Entre as súas medidas en materia de vivenda, mencionou a creación dun bono de alugueiro para incentivar a saída ao mercado de vivendas baleiras e a modificación do plan especial para permitir vivendas máis pequenas e accesibles.

A concelleira afirmou, ademais, que parte da documentación presentada polo Concello non era suficiente nin estaba correctamente elaborada, e acusou ao goberno local de “improvisación” e de empregar portais telemáticos sen validez xurídica para presentar documentación clave. “Se un documento leva por título ‘memoria’, pero non contén os contidos exixidos pola lei, non vale”, argumentou.

Baleato rematou a súa intervención cunha crítica máis ampla á política de vivenda do goberno local, ao que acusou de fracasar na promoción pública, na mobilización de solares e na regulación do alugueiro turístico. “Suspenso tras suspenso”, sentenciou, esixindo ao executivo que abandone a confrontación coa Xunta e reitere a solicitude, esta vez, con toda a documentación esixida.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

O PSdeG esixe incorporar a VOLABAN ao Padroado do Refuxio de Bando tras máis dun ano de demora

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste mes unha proposta para...

Os non adscritos retiran a demanda contra o PSOE pola súa expulsión

Os catro concelleiros non adscritos de Santiago de Compostela --Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Milagros...

Escarlata Pampín, candidata do BNG en Ames para “recuperar o impulso e o avance”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores na presentación de Escarlata...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here