InicioCULTURAEstas son as visitas guiadas, faladoiros e exposicións sobre memoria, oralidade e...

Estas son as visitas guiadas, faladoiros e exposicións sobre memoria, oralidade e territorio que ofrece o Museo do Pobo Galego este mes de agosto

A programación inclúe unha homenaxe ás cantareiras, reflexións sobre a construción dos territorios e os últimos días da Bienal de Fotografía Etnográfica

Publicado o

Xornal de Compostela

O Museo do Pobo Galego propón para o mes de agosto unha variada programación centrada na memoria oral, os conflitos territoriais e a creación artística vinculada á identidade galega. Entre as actividades destacan as visitas comentadas á exposición ‘Cantareiras’, o faladoiro sobre a construción do territorio no noroeste peninsular e a Amazonía e a despedida da Bienal de Fotografía Etnográfica ‘Entre Amigos’.

A exposición Cantareiras. Oralidade. Creación. Transmisión, inaugurada en abril e comisariada por Isabel Vigo e Carme Campo, poderá visitarse até o 28 de setembro, mais o 22 de agosto ás 12:00 horas haberá unha visita guiada especial, pensada para público adulto. Nesta actividade gratuíta, as dúas técnicas do museo acompañarán ás persoas inscritas nun percorrido dialogado pola mostra, centrado no papel das mulleres como transmisoras da poesía oral e na evolución da tradición oral galega a través dos arquivos do museo. A inscrición debe realizarse enviando un correo a servizosdeac@museodopobo.gal, cun máximo de dúas persoas por solicitude.

No ámbito da reflexión contemporánea, o xoves 28 de agosto ás 19:00 horas, o auditorio do Museo de Bonaval acollerá o faladoiro Narrativas á volta da terra-territorio no noroeste peninsular e no centro da Amazonía, a cargo do antropólogo Diego Amoedo. A charla abordará o papel de elementos como o gando, os muros ou os cultivos na configuración simbólica e social do territorio, así como as tensións ambientais e as formas de narrar as fronteiras e a creación dos estados-nación desde as comunidades rurais. A actividade, de entrada libre, forma parte do ciclo Faladoiros en Bonaval, que terá continuidade ao longo do ano.

Ademais, o museo mantén abertas outras dúas exposicións temporais. Por unha banda, Espazos contra o baleiro, unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo, que poderá visitarse até o 26 de outubro. A mostra explora o papel do artista e intelectual na refundación do Seminario de Estudos Galegos, o seu vínculo co Museo do Pobo Galego e o seu compromiso coa memoria histórica. No equipo curatorial participan Xosé Ramón Fandiño, María Xosé Fernández Cerviño e Pilar Sampedro.

Por outra banda, Entre Amigos, a XIII Bienal de Fotografía Etnográfica das socias e socios do Museo, entra nos seus derradeiros días, pois estará aberta só até o 24 de agosto. A edición deste ano dedica unha atención especial ao patrimonio inmaterial vinculado á música galega, con imaxes asinadas por Denís Estévez, José María Laredo Cordonié, José Francisco Méndez García, Jesús García Devesa, Nolo Suárez, Manuel Otero López e Lois Ladra, entre outras persoas participantes.

Tamén está dispoñible en liña, a través da canle de Youtube do museo, a peza audiovisual da exposición Cantareiras, un documento de 45 minutos de duración que recolle testemuños de cantareiras, investigadoras e músicas galegas. O vídeo ofrece unha visión coral da transmisión oral da música tradicional e da importancia dos arquivos sonoros como ferramenta de preservación da identidade cultural galega.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Intelixencia artificial, robótica e impresión 3D entran na programación dos centros socioculturais de Santiago

A rede municipal de centros socioculturais de Santiago de Compostela porá en marcha no...

O Festival Agustín Magán celebra 25 anos cunha edición récord de dez compañías en Santiago

O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán chega este ano á súa 25ª edición...

O Museo do Pobo Galego programa en setembro encontros sobre Rafael Baltar, poesía, patrimonio téxtil e memoria do exilio

O Museo do Pobo Galego inicia setembro cunha programación que combina arquitectura, investigación, literatura,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here