InicioSANTIAGOAMESO Concello de Ames celebra o Día do Orgullo LGBTIQ+ cun acto...

O Concello de Ames celebra o Día do Orgullo LGBTIQ+ cun acto institucional, actividades e premio fotográfico

A lectura do manifesto institucional e a entrega do galardón do concurso de fotografía centraron a conmemoración do 28 de xuño

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames sumouse este sábado á celebración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+ cunha xornada de actividades no Milladoiro, que incluíu a lectura do manifesto institucional, a entrega do premio do concurso fotográfico LGBTIQ+ e distintos obradoiros e propostas para todos os públicos. A conmemoración, organizada polo departamento de Igualdade, desenvolveuse ao longo da mañá no Paseo da Igualdade, onde se reclamou a defensa dos dereitos do colectivo e a necesidade de loitar contra o discurso de odio.

O acto comezou ás 11:00 coa lectura do manifesto a cargo de representantes de distintos grupos políticos e do goberno municipal: o alcalde, Blas García, e as voceiras Oliva Agra (PP), Luísa Feijóo (Espazo Común), Escarlata Pampín (BNG) e Uxía García, concelleira de Benestar Social e Igualdade. O texto institucional fixo memoria do 20 aniversario da aprobación da lei do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, destacando este fito como “un paso xigante cara á liberdade, á igualdade e á dignidade”.

Ao tempo, a declaración oficial puxo o foco nun contexto de aumento da violencia e dos discursos discriminatorios contra o colectivo LGBTIQ+ no Estado español durante este ano 2025. Neste sentido, alertouse da urxencia dunha resposta firme por parte das institucións e da sociedade. A concelleira Uxía García pechou a lectura cunha mensaxe contundente: “O odio non é unha opinión, é unha ameaza á convivencia. Desde Ames, hoxe dicimos con orgullo que somos terra de igualdade. Somos un concello diverso. Non daremos nin un só paso atrás”.

Tras o acto institucional, entregouse o premio do II Concurso Fotográfico LGBTIQ+, no marco da campaña ‘Ames a quen ames, faino con orgullo’. A gañadora foi a veciña do Milladoiro Paula Castiñeira Olveira, escollida entre as catro participantes desta edición. As outras persoas que presentaron imaxes foron Sergio Martínez Calvo, Camino Tellado Fernández —ambos tamén do Milladoiro— e María Porras Alcón, que concorreu dende Murcia.

Paralelamente, o paseo acolleu unha mañá festiva con música e obradoiros pensados para a participación cidadá, especialmente das familias e da infancia. Desenvolvéronse actividades como pintura de bolsas, decoración de pedras e mural colectivo, elaboración de pulseiras e espétadas de lambonadas, todo cun enfoque lúdico e reivindicativo arredor da diversidade e a igualdade.

A xornada completouse coa colocación de bandeiras coas cores do arco da vella en distintos espazos do municipio, como o Paseo da Igualdade no Milladoiro ou a rúa do Ameneiral en Bertamiráns. Ademais, o concello instalou un novo monolito en Costoia e un elemento decorativo na rúa de Abaixo, tamén no Milladoiro, como símbolo permanente do compromiso municipal coa defensa dos dereitos LGBTIQ+.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Colectivos veciñais de Ames esixen explicacións ao Concello pola desaparición do can ‘Gordo’

Colectivos veciñais e particulares de Ames reclamaron explicacións ao Concello polo paradoiro de 'Gordo',...

O BNG de Ames reivindica a memoria das vítimas do franquismo e alerta contra o seu branqueamento

A reivindicación da memoria das vítimas da represión franquista centrou un acto no que...

Ames activa a Comisión da Seca e prepara un arranxo provisional na presa da Ponte Maceira

O Concello de Ames reuniu este martes a Comisión da Seca para avaliar a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here