InicioECONOMÍAGoberno e Concello acordan construír vivendas integramente accesibles na parcela do antigo...

Goberno e Concello acordan construír vivendas integramente accesibles na parcela do antigo Peleteiro

O 100 % das vivendas previstas no solar pasará a formar parte do parque público e terá prezos protexidos, segundo confirmaron Goretti Sanmartín e Isabel Rodríguez

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago e o Ministerio de Vivenda avanzaron este xoves nun acordo clave para o futuro urbanístico do Ensanche, ao anunciar que a totalidade das vivendas proxectadas na parcela do antigo colexio ‘Peleteiro’ serán a prezo accesible. Así o confirmaron a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, tras unha xuntanza celebrada no Pazo de Raxoi, na que tamén participaron a tenenta de alcaldesa María Rozas, o concelleiro de Urbanismo Iago Lestegás e a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

Segundo trasladaron ambas responsables institucionais, a parcela pasará a estar integrada no parque público de vivenda unha vez que se complete o traspaso dos terreos desde a Sareb á nova Empresa Pública de Vivenda, proceso que se prevé entre finais de xuño e comezos de xullo. A ministra sinalou que o planeamento urbanístico aprobado xa recolle que o 45 % das vivendas serán protexidas, e adiantou que o 55 % restante tamén será destinado a vivenda accesible: “O 100 % das vivendas que imos promover serán accesibles e protexidas de por vida”.

Durante a comparecencia conxunta, a alcaldesa Goretti Sanmartín subliñou que esta decisión “é froito do compromiso do Ministerio coa cidade” e destacou o valor estratéxico da parcela de Peleteiro “no corazón do Ensanche compostelán”. A rexedora apuntou que “acceder a unha vivenda digna e a un prezo razoable é hoxe a principal preocupación da veciñanza”, e atribuíu a actual situación de carestía a “un modelo que tratou a vivenda como un negocio e non como un dereito básico”.

Sanmartín tamén cualificou a visita da ministra como unha “mostra de recoñecemento ao papel de vangarda que está a exercer o Concello nas políticas de vivenda” e agradeceu que Isabel Rodríguez se desprazase a Santiago para coñecer de primeira man as actuacións municipais nesta materia.

Pola súa banda, a ministra recoñeceu os “pasos importantes” dados polo goberno local coa modificación do planeamento e asegurou que ambas institucións “poñeranse a traballar de inmediato” para facer realidade a edificación e entrega das vivendas.

A visita institucional rematou coa asinatura da ministra no Libro de Honra do Concello, acompañada pola alcaldesa e representantes da corporación, nun acto simbólico no que Isabel Rodríguez manifestou o seu agradecemento por poder tratar “un tema tan importante como é a vivenda”.

Este novo impulso á promoción pública de vivenda chega nun momento en que o goberno local de Santiago está a reforzar as medidas para frear a escalada de prezos e ampliar a oferta en condicións dignas, especialmente no centro urbano. A parcela de Peleteiro, considerada un dos poucos solos dispoñibles con capacidade para nova construción no Ensanche, converterase así nun proxecto referencial dentro da estratexia de vivenda municipal.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Lestegás reclama que Santiago xestione os fondos estatais para as zonas de mercado tensionado

O Concello de Santiago reclama poder xestionar directamente os fondos que o Ministerio de...

Louzao sitúa o turismo de Santiago nunha fase de estabilización e defende a diversificación aérea tras a saída de Ryanair

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, realizou este mércores un primeiro balance...

Santiago, entre as cidades beneficiadas polos 5,1 millóns para zonas tensionadas

O Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana destinará 5,1 millóns de euros a Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here