InicioSANTIAGOAMESO Concello de Ames celebra a VI Festa do Apego cunha xornada...

O Concello de Ames celebra a VI Festa do Apego cunha xornada de actividades en galego para familias

O evento terá lugar o sábado 7 de xuño no Pazo da Peregrina de Bertamiráns cunha programación de teatro, música, contos, obradoiros e xogos

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames convida a participar o sábado 7 de xuño na VI Festa do Apego, unha xornada dedicada á promoción do galego no contexto da crianza e da vida familiar. A celebración desenvolverase no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, con acceso libre e actividades ininterrompidas desde as 11:00 ata as 21.00.

A presentación oficial da festa tivo lugar esta mañá no propio Pazo da Peregrina, coa participación do alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e das técnicas do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras e Lucía Ferro. O rexedor destacou que “a festa do Apego é a culminación dun traballo anual para fomentar o galego entre as familias”, mentres que Moreiras subliñou que “a cita está aberta tamén a educadores e persoas que traballan con infancia, xa que poderán coñecer numerosos recursos educativos e lúdicos”.

A programación do día inclúe espectáculos escénicos, concertos e obradoiros para distintas idades. A xornada comezará co espectáculo Barquiño de pau de Tropa de Trapo, orientado a crianzas de 0 a 6 anos. Seguiranlle Brincadeiras da lingua de Migallas Teatro, a partir das 12:30, e pola tarde desenvolveranse actividades paralelas como Pelica de Burra con Vero Rilo e Luís Iglesias para menores de 3 anos, e un obradoiro de música tradicional con Sabela Olivares para maiores de 3.

Os concertos da tarde terán como protagonistas a Pablo Díaz e Rubén Barros, ás 18.30h, e ao grupo A Gramola Gominola, que pechará a festa cun concerto para todas as idades a partir das 20.00h.

Durante toda a xornada, tamén estarán abertos diversos espazos permanentes no patio do Pazo da Peregrina, cun horario de mañá e tarde. Estes inclúen xogos de mesa, obradoiros de creatividade, asesoramento para familias, materiais educativos e contacontos itinerantes. Entre os colectivos participantes atópanse Fabaloba, Miudiño, Pedras de Papel, Anxo Moure e Brazolinda, ademais do propio equipo de Normalización Lingüística.

Destacan espazos como o de recursos para a crianza en galego, o de xogo libre con materiais naturais, o de xogos de mesa interxeracionais e obradoiros manuais como o de monicreques ou a creación de chapas e tatuaxes co lema do programa Apego.

Se o tempo non acompaña, o Concello ten previsto trasladar as actividades á Casa da Cultura de Bertamiráns e á praza de Chavián, para garantir o seu desenvolvemento.

Con esta iniciativa, o Concello de Ames reafirma o seu compromiso coa transmisión interxeracional da lingua galega e cunha crianza positiva, creativa e participativa desde os primeiros anos de vida.

ÚLTIMAS

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...

CC.OO. mobilízase nas Cancelas contra a apertura do comercio en domingos e festivos

A federación de servizos de Comisións Obreiras concentrou este mércores a ducias de delegados diante...

O Compostela TradFest encherá de música tradicional o centro histórico durante máis de doce horas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 26 de xullo a oitava edición do Compostela...

Escarlata Pampín, candidata do BNG en Ames para “recuperar o impulso e o avance”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores na presentación de Escarlata...

Ames percorre o Pazo da Peregrina nunha visita teatralizada arredor da pegada de Rosalía

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu o pasado sábado 20 de xuño unha...

A Xunta prevé abrir en agosto a senda peonil e ciclista entre a Intermodal e O Milladoiro

A Xunta de Galicia prevé poñer en servizo este verán, no mes de agosto,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here