InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOModificación en revisión de notas da USC: dúas datas distintas e nun...

Modificación en revisión de notas da USC: dúas datas distintas e nun máximo de sete días hábiles

Os profesores deben publicar as cualificacións dos exames "nun prazo razoable" que non debe superar os 15 días naturais

Publicado o

Xornal de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) modificou a regulación das revisións de cualificacións, de maneira que agora quedará fixado que deben ser en dúas datas distintas, en horarios alternativos e nun prazo de ata sete días hábiles a partir da recepción das notas.

Así o recolle un acordo do consello de goberno da USC celebrado o pasado 30 de abril e que este martes entra en vigor ao publicarse no Diario Oficial de Galicia (DOG), en plena época de exames.

En concreto, modificouse o artigo 8 da normativa de avaliación do rendemento e de cualificacións da universidade. Anteriormente, só se establecía que as dúas datas de revisións debía ser “dentro do dez días seguintes” á publicación de resultados.

Agora, afinouse o prazo ao fixar que estas dúas revisións serán “entre o día hábil seguinte ao da publicación dos resultados e o sétimo día hábil”. Ademais, a normativa fixa que “se procurará” que leven a cabo “en horarios alternativos” e que a segunda data sexa “posterior ao terceiro día hábil”.

NORMATIVA DE EXAMES

Trátase da mesma regulación do sistema de avaliación que deben seguir todos os profesores da USC. Os resultados, tanto de probas parciais como finais, deben darse a coñecer “nun prazo razoable” que non debe superar os 15 días naturais desde a data do exame, “salvo casos excepcionais debidamente xustificados” ante a dirección do centro.

Así mesmo, se hai en próximas datas unha proba da mesma materia, os resultados da anterior “deben coñecerse con suficiente antelación, e nunca con menos de tres días” antes que a seguinte ou da recuperación.

A mesma normativa tamén di que, no momento de celebración do exame, os profesores deben informar da data aproximada para a publicación das notas. Estas considerarán provisionais ata que pase o prazo de revisión e, entón, pasarán a ser definitivas.

Os profesores non se poderán desfacer das probas escritas nin dos traballos –tampouco os que estean en formato dixital, nin as actas dos exames orais– ata que finaliza o curso académico seguinte. É máis, en procesos de impugnación, deben conservarse ata que haxa unha resolución firme.

Se desaparece o material antes de finalizar o prazo de revisión e sen que o alumno exercese este dereito, poderá solicitar unha nova avaliación e o docente debe darlle facilidades.

As revisións deben facerse de maneira presencial ante o profesorado encargado das materias, “salvo casos excepcionais” nos que se encarga o director do departamento. Tamén terán dereito á revisión os estudantes avaliados por un tribunal.

PROCESO DE RECLAMACIÓN

En calquera caso, se o alumno non está de acordo coa nota posta tras a revisión, a normativa da USC aínda outorga o dereito a interpor unha reclamación no prazo de dez días hábiles. Para iso, deberá dirixirse ao decano ou ao director do centro da titulación.

Será esta persoa a que decida se admitir ou non a trámite a reclamación. No caso de que non a admita, o estudante pode recorrer ante o reitor. Se tamén este a inadmite, xa deberá acudir aos tribunais a través dun recurso contencioso-administrativo.

Se a reclamación admítese a trámite, darase traslado ao profesor da materia, que á súa vez presentará alegacións no prazo de cinco días. Posteriormente, o decano ou director do centro nomeará unha comisión na que estarán el mesmo –salvo que delegue nun vicedecano ou subdirector–, tres profesores e un alumno.

Esta comisión revisará o material que serviu de base para pór a nota ao reclamante e, mesmo, poderá ver a dos seus compañeiros. A comisión poderá acordar unha do seguintes tres actuacións: confirmar a nota posta, modificala ou realizar un novo exame se considera que non houbo as “garantías mínimas necesarias”.

A resolución que adopte a comisión non esgota aínda a vía administrativa, xa que o estudante pode interpor un recurso de alzada ante o reitor da USC no prazo dun mes. O seguinte xa sería acudir aos tribunais, a través do recurso contencioso-administrativo.

ÚLTIMAS

O pleno de Santiago aproba o apoio á ILP Lingua Vital coa abstención do PSdeG

O Pleno do Concello de Santiago aprobou este luns unha moción de apoio á...

Saleta Chao toma posesión como concelleira de Facenda de Santiago

Saleta Chao Rivas (BNG) incorpórase dende hoxe á Corporación municipal de Santiago de Compostela...

O pleno aproba unha moción do PP para reforzar o control do servizo de axuda no fogar e mellorar as condicións das traballadoras

O Pleno do Concello aprobou este luns unha proposición presentada polo Partido Popular para...

O PSdeG denuncia que dous alumnos do CEE A Barcia non poden asistir ás clases por falta de transporte adaptado

O secretario xeral do PSdeG en Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, denunciou este...

(VÍDEO) Para historia de terror, a que Compostela ten baixo terra en Boisaca

A historia imaxinada dá paso aos feitos documentados. Segundo os datos recollidos polo proxecto...

Mar Lorenzo é reelixida decana de Ciencias da Educación da USC para os próximos seis anos

A Facultade de Ciencias da Educación da USC continuará baixo a dirección de Mar...

O Ateneo de Santiago reunirá a expertos en educación para analizar os resultados do informe PISA

O Ateneo de Santiago organizará o próximo luns 2 de novembro, ás 19:30, unha...