InicioSANTIAGOBOQUEIXÓNOural reivindica a forza das festas populares na LI edición da Festa...

Oural reivindica a forza das festas populares na LI edición da Festa das Carrozas do San Cidre

O conselleiro de Educación e o alcalde de Boqueixón participarán este domingo na celebración da Festa das Carrozas, que recoñecerá a tres festas de interese turístico e contará con música, desfile, pregón e actividades para toda a veciñanza

Publicado o

Xornal de Compostela

A parroquia de Oural, no concello de Boqueixón, acollerá este domingo 18 de maio a edición número 51 da tradicional Festa das Carrozas do San Cidre, un evento que volverá reunir cultura, música, gastronomía e homenaxe á identidade rural galega. A festa contará coa presenza do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, que participarán nos actos centrais da xornada.

A celebración dará comezo ás 11:00 horas diante do bar ‘O Nervioso’, onde se exporán as sete carrozas artesanais realizadas polos veciños e veciñas de Oural. Unha hora despois comezará o tradicional desfile cara ao campo da festa, coa animación da Charanga BB+ e a presenza simbólica dunha parella de bois co carro, elemento emblemático da cultura agraria galega.

De forma simultánea, ás 12:00 horas, celebrarase a misa na honra a San Cidre, patrón do agro, con tirada de foguetes e actuación da Asociación Cultural Folclórica O Fiadeiro, que ofrecerá unha mostra de música e baile tradicional.

O pregón da festa chegará ás 14:00 horas, da man do xornalista, guionista e presentador da Televisión de Galicia Adrián Díaz, quen será o encargado de abrir oficialmente os festexos. Posteriormente, realizaranse as intervencións institucionais do alcalde e do conselleiro e procederase á entrega dos premios do Desfile de Carrozas do San Cidre.

Un dos momentos máis destacados da mañá será a entrega de distincións a tres festas galegas de gran recoñecemento, organizadas por colectivos que colaboran na celebración de San Cidre. Recibirán homenaxes:

  • O Folión de Carros de Chantada, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, representado por Manuel Vázquez, presidente da Asociación Cultural Amigos do Folión.

  • O Entroido dos Xenerais da Ulla de Sergude, tamén Festa de Interese Turístico de Galicia, coa presenza de Carlos Uzal, vicepresidente da Asociación de Festexos San Bieito de Sergude.

  • A Festa da Filloa de Lestedo, recoñecida en 2023 como Festa de Interese Turístico Nacional, representada por José Manuel Canabal, presidente da asociación organizadora.

A festa continuará cunha sesión vermú amenizada polo Grupo Fussión e a Charanga BB+, e coa tradicional degustación de petiscos e viño en cada carroza, convertendo o campo da festa nun espazo de encontro interxeracional.

A partir das 17:00 horas, os máis pequenos poderán gozar de inchables e unha sesión de Zumba Kids, a cargo de Priscilla Dance, mentres que a música regresará co Grupo Fussión e a orquestra La Fórmula, que porán o broche de ouro a unha xornada centrada na celebración da tradición.

A Festa das Carrozas do San Cidre mantén viva unha das formas máis expresivas da cultura popular rural, na que o traballo colectivo, a creatividade e o orgullo pola identidade local convértense en protagonistas. Un evento que, edición tras edición, reafirma a súa importancia como espello do patrimonio inmaterial galego.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

Fotowalk Galicia reúne en Boqueixón máis dunha trintena de afeccionados á fotografía

Un total de 34 persoas afeccionadas á fotografía chegadas de distintos puntos de Galicia...

Boqueixón licita novas obras de saneamento por preto de 70.000 euros para seis aldeas

O Concello de Boqueixón vén de licitar dous proxectos destinados a ampliar e mellorar...

Boqueixón completa antes de agosto a roza de máis de 250 quilómetros de pistas municipais

O Concello de Boqueixón deu por rematada antes do inicio de agosto a limpeza...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here