InicioPOLÍTICAO Concello impulsa a rehabilitación de edificios en estado de ruína

O Concello impulsa a rehabilitación de edificios en estado de ruína

O goberno local empregará ferramentas urbanísticas para incentivar a recuperación de inmobles abandonados no casco histórico

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela anunciou novas medidas para fomentar a rehabilitación de edificios en estado de ruína, especialmente no casco histórico da cidade. O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, explicou que o goberno municipal empregará dúas ferramentas urbanísticas para actuar sobre os inmobles abandonados: o Rexistro de Soares e a delimitación de áreas de actuación prioritaria.

Segundo Lestegás, o Rexistro de Soares permitirá que os edificios cuxos propietarios non cumpran coa súa obriga de conservación e uso poidan ser postos á venda de maneira forzosa. “A finalidade principal non é que os adquira a administración, senón que un terceiro os compre e os rehabilite”, afirmou. O concelleiro indicou que, actualmente, hai 50 edificios con declaración de ruína na cidade histórica, moitos deles desde hai máis dunha década, e que se está a revisar cales aínda seguen en mal estado.

Por outra banda, a delimitación das áreas de actuación prioritaria permitirá expropiar aqueles inmobles en situación de abandono prolongado. “Ambas ferramentas son complementarias e non se utilizaran antes en Santiago, pero son necesarias para evitar que o patrimonio siga deteriorándose”, destacou Lestegás, quen afirmou que a intención do Concello é aplicar estas medidas durante este mandato.

En canto aos prazos, os compradores dos edificios postos en venda forzosa deberán solicitar a licenza de rehabilitación en tres meses, iniciar as obras nun ano e rematalas en dous anos. No caso de incumprimentos por parte dos adxudicatarios, os inmobles poderían volver ao Rexistro de Soares.

60 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN EXECUCIÓN

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tamén se referiu á problemática da vivenda nun acto celebrado este martes no Castiñeiriño, onde destacou o avance das obras de 60 vivendas de promoción pública na cidade. “Estas vivendas levaban moito tempo agardándose, e por fin comezan a ser unha realidade”, afirmou.

Sanmartín puxo en valor a colaboración entre administracións para aumentar a oferta residencial en Santiago, mencionando iniciativas como o desenvolvemento urbanístico en Xoán XXIII e a cesión de dúas parcelas na Volta do Castro ao Instituto Galego de Vivenda e Solo para futuras promocións.

Ademais, a alcaldesa subliñou o compromiso municipal coa rehabilitación de inmobles a través dun orzamento de máis de 4 millóns de euros para 2025, destinados á recuperación de vivendas en zonas como Calderería e Moniña. Tamén se referiu á importancia de declarar Santiago como zona de mercado residencial tensionado, unha medida que permitiría aplicar controis sobre os prezos do alugueiro.

“O dereito á vivenda é unha prioridade para este goberno”, asegurou Sanmartín, quen animou aos propietarios a manter os seus edificios en bo estado e contribuír á mellora do parque inmobiliario compostelán.

ÚLTIMAS

Santiago autoriza un cámping para 40 caravanas no Tambre e adxudica proxectos de accesibilidade en varios edificios

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns unha serie de acordos...

Muíños pide ao Concello que aclare como afecta o novo recurso á adxudicación do transporte urbano

O concelleiro non adscrito de Santiago Gonzalo Muíños reclamou ao goberno municipal información detallada...

A Xunta instala 15 paneis no río Sar para advertir do risco de inundación en Santiago

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático colocou, a través de Augas de...

Un novo recurso volve frear a tramitación do contrato do bus urbano de Santiago

A tramitación do novo contrato do transporte urbano de Santiago de Compostela afronta un...

Muíños pide ao Concello que aclare como afecta o novo recurso á adxudicación do transporte urbano

O concelleiro non adscrito de Santiago Gonzalo Muíños reclamou ao goberno municipal información detallada...

Rosón esixe ao Concello toda a documentación sobre Fly2Galicia e acusa o goberno de non revisar a operativa

A concelleira non adscrita de Santiago Mercedes Rosón reclamou ao goberno municipal que faga...

Verea tira de ironía ante o choque no bipartito pola polémica de Fly2Galicia: “Que pasa, bro?”

Compostela Aberta (CA), socio do BNG no Goberno municipal de Santiago, expresou este venres...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here