InicioMOV. SOCIAISO xornalista palestino Nasser Abu Baker denuncia no Hotel Araguaney a persecución...

O xornalista palestino Nasser Abu Baker denuncia no Hotel Araguaney a persecución da profesión no seu país: “Israel considera a información un inimigo”

O acto conmemorou o patrono dos xornalistas e destacou a loita pola liberdade de prensa en zonas de conflito

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Onte, mércores 22 de xaneiro, o Salón Rahid do Hotel Araguaney en Santiago de Compostela acolleu a conferencia ‘Solidaridade cos xornalistas de Palestina’, organizada pola Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) en colaboración coa Federación Internacional de Periodistas (FIP). O evento, presidido por Xulia Campo, contou coa intervención de Nasser Abu Baker, presidente do Sindicato de Xornalistas de Palestina (PSJ) e vicepresidente da FIP, quen expuxo a grave situación que atravesa o xornalismo no seu país.

Un acto de denuncia e recoñecemento

Xulia Campo, presidenta da asociación, abriu o acto destacando o dobre obxectivo da xornada: celebrar o patrono dos xornalistas e honrar o traballo dos profesionais palestinos, vítimas dunha persecución sistemática. “Os xornalistas en Palestina convertéronse en obxectivos preferentes. Máis de 200 foron asasinados, moitos deles por francotiradores, nun intento de exterminar a verdade”, afirmou Campo.

Luis Menéndez, representante da FIP, quen tamén participou no acto, agradeceu a oportunidade de participar no acto e presentou a Nasser Abu Baker, definíndoo como, ademais dun gran compañeiro, un exemplo de integridade profesional.

O relato de Nasser Abu Baker: unha testemuña directa

A intervención principal correu a cargo de Nasser Abu Baker, quen, a través da interpretación dende o árabe de Ghaleb Jaber Ibrahim, propietario do Hotel Araguaney, describiu a situación en Palestina e o impacto da guerra no exercicio do xornalismo. “En Palestina fomos privados da liberdade de movemento, palabra e agora tamén da vida. Gaza é o campo de concentración máis grande do mundo”, denunciou.

O presidente do PSJ compartiu cifras estremecedoras: desde o inicio do último conflito o 8 de outubro de 2023, máis de 200 xornalistas foron asasinados, o que supón unha morte cada dous días. Outros 400 profesionais resultaron feridos, moitos deles con amputacións que lles impediron continuar coa súa labor. “Israel converteu o xornalismo nun obxectivo. As radios locais foron destruídas e os centros de comunicación clausurados”, explicou.

As dificultades de informar en Gaza

Abu Baker describiu as condicións extremas nas que os xornalistas palestinos traballan. Sen acceso a recursos básicos como electricidade, internet ou transporte, moitos durmen e traballan entre os cadáveres. “O xornalista palestino nunca deixa de ser palestino. Moitos dos meus compañeiros morreron nas súas casas ou nas súas oficinas, intentando informar”, lamentou.

O relato de Abu Baker foi especialmente emotivo ao lembrar os seus compañeiros falecidos, a maioría deles coñecidos persoalmente. “Non son números, son os meus irmáns, amigos e compañeiros”, engadiu.

Un chamamento á acción internacional

O acto concluíu cunha chamada á comunidade internacional e aos profesionais da comunicación para que manteñan a súa solidariedade co pobo palestino e coa liberdade de prensa. “Israel considera a información un inimigo, porque o máis fácil para ocultar a verdade é eliminar os testemuños”, sentenciou Nasser.

ÚLTIMAS

Monbus sitúase de novo á fronte do novo contrato de transporte urbano de Santiago

O novo contrato de transporte urbano de Santiago deu este luns, 22 de xuño,...

Mercedes Rosón encabezará unha candidatura propia ás municipais de 2027

As concelleiras non adscritas de Santiago anunciaron este martes a posta en marcha dunha...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

O Premio Literario San Clemente recibe o Premio Nacional ao Fomento da Lectura

O Premio Literario San Clemente, promovido polo IES Rosalía de Castro de Santiago de...

O colectivo feminista Materfem denuncia ante os xulgados de Santiago que se están “minimizando” casos de violencia de xénero

O colectivo Materfem, Maternidades Feministas Galegas, concentrouse na mañá deste martes diante do edificio...

As traballadoras da limpeza de Lacera volven á folga este martes nos colexios en Santiago

As traballadoras de limpeza e conserxería dos colexios públicos de Santiago de Compostela, servizo...

O persoal de Viaqua mobilízase en catro concellos galegos ante o “bloqueo” do convenio

O conflito laboral esténdese polos servizos de xestión de auga en Galicia. O cadro...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here