HomeCULTURACarlos Rodríguez, da organización do Son do Camiño: "Necesitamos que os festivais...

Carlos Rodríguez, da organización do Son do Camiño: “Necesitamos que os festivais non se parezan tanto entre si”

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Xa queda menos dun mes para que comece o festival de música máis agardado de toda Galicia, O Son do Camiño. Este ano o cartel está conformado por artistas como Green Day, J. Balvin, Arde Bogotá, Fernandocosta ou The Interrupters, así como importantes artistas galegos como Berto ou Boyanka Kostova. Xornal de Compostela entrevista a Carlos Rodríguez, membro da organización do festival, da empresa Esmerarte.

O Son do Camiño é un festival que combina artistas españois, internacionais e de ámbito galego. Como cres que conviven os xéneros dentro do festival?

Pois os xéneros conviven como conviven na vida real. Hai de todo na rúa e na vida. A xente non escoita un só xénero musical. É un traslado da vida, porque ao ser un festival tan grande facelo temático cun só tipo de música é moi complicado para chegar a estas cifras de venda en Galicia.

Nós optamos por facer un festival no que todas as preferencias estean recollidas e todo o mundo teña un rato para desfrutar e outro para aprender ou coñecer outras novas artistas.

Daquela mesturar distintos xéneros é unha estratexia para achegarse a todo tipo de público?

Si, nós temos que chegar a moita xente, entón desexamos que haxa moita xente que se sinta identificada cunha parte do cartel. Nós precisamos iso e tamén un escaparate para nós, para Galiza. E un escaparate para que artistas poidan actuar diante de moita xente da que habitualmente non poden. Artistas máis pequenos e sobre todo, neste caso, galegos.

Entón, ao mesmo tempo de ser o escaparate de grandes artistas é oportunidade para os pequenos?

Si, son unha oportunidade para os pequenos e os artistas do futuro, que precisan tanto ao público como aos promotores. A sociedade necesita artistas novos, porque precisamos unha renovación musical neste país e tamén no resto do mundo. En Galiza e en España precisamos que haxa unha renovación para que os festivais non se parezan tanto entre eles.

Agora mesmo se ti ves os carteis dos diferentes festivais que hai en Galiza, en España e no mundo, son carteis que venden entradas a nivel nacional. Necesitamos que haxa outros motores novos, outras primeiras opcións nas que a xente coñeza a artistas novas, que lle gusten, as vaian coñecendo e vaian chegando e poder renovar os carteis dos diferentes festivais.
Algúns dos nomes máis grandes do cartel deste ano son J. Balvin, Mike Dawers, Melendi… Pero tamén temos artistas galegos, como Baiuca ou Berto. Consideras que é este o mellor momento para apostar pola música galega e cres que nos festivais galegos se debería apostar máis por música galega?

Sen dúbida. Hai que apostar pola música galega, porque non lle ten nada que envexar a ningunha outra música de ningunha outra parte do mundo. Non hai razón para non apostar. Pero hai que facelo de verdade, poñéndoos nos escenarios a tocar.

Estes xa non son artistas de nicho. A xente vainos coñecendo, xa venden as súas entradas e están facendo xa a súa vida da música. Un orgullo.

O Son do Camiño recibiu dous premios Iberian Festival Awards e estivo tamén nominado nos premios Fest. Como pode mellorar en futuras edicións para conseguir acadar máis recoñecemento, máis galardóns e, por suposto, máis financiamento?

Nós o que intentamos é que cada ano o festival sexa unha experiencia mellor. Estámolo intentando facer nun recinto moi grande e moi complicado, porque non hai unha zona practicamente cha en todo o terreo. Que sexa agradable e que a experiencia dos visitantes, compradores e os asisntes sexa plena.

É complicado que estea todo preto cando hai 42.000 persoas alí xuntas á vez. Entón nós intentamos que a experiencia vaia mellorando, a través de mellora do cartel, das instalacións, a través de mellorar as dinámicas internas do festival e a través da seguridade, a limpeza e a accesibilidade.

Para que todo sexa máis cómodo e a xente que vaia estea máis cómoda.

Moita xente acode á revenda de entradas, que non está regulada dentro do Festival. Como pode solucionarse isto dentro da organización?

A mellor maneira de acabar coa revenda é non comprar nunca xamais na revenda. Se non compra ninguén na revenda, acábase ao día seguinte. Entendo que ás veces mercas unha entrada e dentro de seis meses che cambia a vida e por calquera circunstancia non podes ir. Pero se non lle podes deixar a entrada a un colega ou a alguén que ti coñezas de primeira man, non ten sentido ir mercala nunha web que non cumpre ningunha norma e que non dá ningunha garantía.

Eu sempre falo de Viagogo, que é unha plataforma de revenda, que está a estafar á xente día tras día. Nós na porta do festival atopámonos a xente que pagou o triple do diñeiro dunha entrada e incluso xente que compra as entradas en Viagogo antes de que se esgoten no festival.

Estamos atopando entradas que veñen incluso con asento e numeración. A xente merca calquera cousa nas plataformas de revenda. E o problema da revenda é que a xente segue a compralas.

Se todo o mundo deixase de mercar nas plataformas de revenda, acabaríase o problema. Se non tes unha entrada para un sitio, pois non podes ir. É unha mágoa, mais non pasa nada. Xa virán outra vez outros artistas. Eu quedeime sen entradas moitas veces en moitos sitios: para ir ao fútbol, para ver un concerto e para un montón de sitios. Quedas sen entrada e non pasa nada. Pero se vas á revenda, estás mantendo un sistema que non lle fai máis que dano á xente, sobre todo ao comprador e ao artista. O artista ao final conta que o espectador teña gañas de velo, chega alí e non pode entrar. E é o que pasa o 90% das veces que a xente compra entradas por Viagogo.

Hai dúas solucións: por un lado, unha maior concienciación, facer que ninguén compre na revenda. Outra opción, que é moi complicada, sería facer as entradas nominais. Iso fai que a entrada ao festival sexa moito máis lenta e moito máis engorrosa para os asistentes e os propios festivais. Igual que os billetes de avión. Ti non irías a Viagogo a comprar un billete de avión. Pois isto igual.

O ano pasado houbo denuncias de Facua por non permitir aos asistentes entrar con comida e bebida dende o exterior. Pero este ano, segundo teño entendido, O Son do Camiño si vai permitir entrar con comida, pero non con bebida. Isto o que acaba é por fomentar o botellón na entrada do recinto.

O festival ten unha característica importante, que é que é unha entrada moi barata para o cartel que temos. Este cartel en Madrid custaría 300 euros. E nós empezando en 70 euros e ao final chegamos a algo máis de 100 euros.

Nós non podemos vivir só das entradas. Precisamos que a xente que entra no festival consuma nel, porque é unha parte importante do sostemento.

Non quero dar pena, pero é unha parte do festival. Non é por impedir que a xente entre a consumir outros produtos, como nos restaurantes non deixan que traias a túa botella de viño ou o teu cacho de empanada. Isto é parecido. O lóxico é que cada negocio teña iso. Este vive da venda de entradas e das barras.

Despois hai un problema de sanidade e de regulación. Eu non sei o que hai nas botellas que trae a xente. Eu non sei se vaintraer veleno, un explosivo… Non podo pararme a comprobar todo iso, porque entón non entramos ninguén.

E si, xa o ano pasado se deixou entrar con comida e con bebida. Só se deixa entrar con botellas de auga destapadas, como noutros eventos como é o fútbol.

Facua di que houbo denuncias, pero nós non temos esa constancia. Deixamos entrar á xente con auga e, por suposto, pode entrar a xente cun bocadillo. Pero a xente que entra cun tupper, con cubertos e con coitelos… Isto é un festival e non se pode entrar con certas cousas. Hai unhas medidas de seguridade que hai que conservar. Eu non podo deixar entrar a unha persoa cun tupper cunha maionesa que estea oito horas ao sol e despois aparece contaminación alimentaria e aínda por riba o culpable son eu por non impedirlle entrar a alguén cunha comida en mal estado.

Eu fágome responsable da comida que hai dentro do festival, porque teñen uns controis alimenticios e de seguridade. Teñen o carné de manipuladores de alimentos, están dados de alta, son persoas profesionais que se dedican a iso. Entón é unha parte importante de que a seguridade das persoas estea controlada.

Entón, por suposto que se pode entrar cun bocadillo. Só faltaba. Pero non cunha paellera. A xente descontrólase.

ÚLTIMAS

Esta será a programación da V Festa do Banquete de Conxo

Este domingo 26 de maio, o Banquete de Conxo regresa a Compostela cun programa...

Persoal do 061 denuncia que o helicóptero con base en Santiago estará inoperativo tres horas ao día ata o martes

A Xunta de persoal do 061 en Galicia expresou a súa preocupación pola inoperatividade...

Un brote de gastroenterite en Ames suma xa 65 casos

A Consellería de Sanidade confirmou seis novos casos de gastroenterite vinculados a un brote...

(FOTOS) Así foi a manifestación da plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela

Miles de galegos congregáronse nas rúas de Santiago este 17 de maio, Día das...

Esta será a programación da V Festa do Banquete de Conxo

Este domingo 26 de maio, o Banquete de Conxo regresa a Compostela cun programa...

As letras galegas deste ano: Luisa Villalta e outras recomendacións de literatura en galego para nenos e adultos

Día das Letras Galegas, celebrado cada 17 de maio, é unha homenaxe á lingua...

Boqueixón celebra o Festival das Letras Galegas con premios e unha nova adaptación de Memorias dun neno labrego

O CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón foi escenario dunha xornada festiva dedicada ás...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here