Un pequeno incendio rexistrado na noite deste venres baixo a cafetaría da Alameda de Santiago obrigou a mobilizar aos servizos de emerxencia na contorna do Paseo de Santa Susana, aínda que finalmente non se produciron danos persoais.
Segundo informou o 112, o aviso produciuse pouco antes das 23:00, cando un taxista contactou cos servizos de emerxencias para alertar de que había lume na zona da cafetaría situada no parque compostelán.
Ata o lugar desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Santiago, así como patrullas da Policía Local e da Policía Nacional, que interviñeron para controlar a situación e garantir a seguridade na zona.
Tras sufocar o incendio, os equipos comprobaron que as lapas afectaran a varios colchóns situados baixo o local, que foron os elementos que arderon durante o suceso. O lume non chegou a provocar danos directos nas instalacións da cafetaría.
Con todo, segundo indicaron as fontes de emerxencias, o fume acumulado si chegou a afectar á estrutura do espazo, aínda que sen consecuencias persoais nin outras incidencias destacadas.

