A Asociación de Veciños ‘A Volta do Castro-O Rial’ denunciou publicamente a caída dun poste de telefonía no barrio, un feito ocorrido de madrugada que obrigou a alertar ás persoas residentes na vivenda afectada. Segundo trasladou a entidade, non se produciron danos persoais, aínda que si consecuencias materiais.
A asociación lembra que dende hai tres anos vén advertindo do estado destes postes no barrio e expresa o seu malestar por considerar que a situación era coñecida con antelación. fNo comunicado difundido, sinala que o sucedido “podería terse evitado” e lamenta que as advertencias realizadas ao longo deste tempo non deran lugar a actuacións preventivas.
Neste contexto, a entidade veciñal afirma que se está a plantexar a presentación dunha denuncia contra o Concello de Santiago, ao que acusa de non ter actuado pese ao coñecemento previo do problema. A asociación fala de “deixadez” e asegura que durante este período “non houbo preocupación nin resposta efectiva”.
Os veciños cuestionan a actuación do goberno local ante un episodio que, segundo subliñan, podería ter derivado nunha situación máis grave. “Afortunadamente todo quedou en danos materiais”, indican, ao tempo que expresan a súa inquietude polo que podería ter acontecido de se producir a caída en circunstancias diferentes.
Dende a Asociación de Veciños ‘A Volta do Castro-O Rial’ conclúen que o sucedido chega “tarde” tras anos de avisos e reiteran a necesidade de que se revisen as infraestruturas do barrio para evitar novos riscos para a veciñanza.

