InicioSOCIEDADEO aluguer é o que máis tensiona o mercado da vivenda, segundo...

O aluguer é o que máis tensiona o mercado da vivenda, segundo un estudo encargado polo Concello

Segundo informou o concelleiro de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro de Urbanismo de Santiago, Iago Lestegás, informou este venres no pleno da reunión mantida co Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña (UDC), que analiza o mercado residencial da capital galega e que, segundo os primeiros resultados preliminares e provisionais, sinala que o aluguer é o que máis tensiona o mercado da vivenda.

Así, tal e como explicou, o indicador dos previstos no artigo 18 da lei polo dereito á vivenda que mostra resultados máis alarmantes é a variación acumulada do prezo do aluguer entre 2018 e 2023. “Os resultados que temos son aínda preliminares e provisionais, pero son moi útiles e ilustrativos, confirman, cuantifican e matizan algunhas tendencias evidentes pero tamén revelan algúns fenómenos que non o son tanto e que son interesantes”, manifestou o edil.

Neste contexto, Lestegás destacou que o goberno de Goretti Sanmartín está a dar “os pasos necesarios” para a declaración do municipio como zona de mercado residencial tensionado, sendo “conscientes” dos elementos positivos, pero tamén, engadiu, sendo coñecedores “dos fallos da Lei polo dereito á vivenda que é necesario corrixir tendo en conta a experiencia doutros territorios”.

Neste sentido, fixo referencia á proposición de lei impulsada polos sindicatos de inquilinos para apelar a que “o Congreso teña a oportunidade” de corrixir “estes fallos” cando someta a consideración e votación esta iniciativa lexislativa.

Así, no transcurso do pleno, en resposta a unha interpelación socialista, o concelleiro destacou que o Executivo municipal “non espera de brazos cruzados a que se resolva a problemática do aluguer de tempada”.

Con todo, Lestegás incidiu en que impulsan esta acción aínda que “esta documentación debería de preparala a propia Xunta”. Así mesmo, explicou que consideraron “conveniente e prudente” esperar a que o Goberno central complete a regulación “incorporando tamén a ela o aluguer de tempada” porque, na súa opinión, agora mesmo é “unha brecha” na lei.

OUTROS ASUNTOS

Por outra banda, no pleno ordinario de xullo tamén se trataron unha serie de asuntos de carácter económico, entre eles, a aprobación de tres créditos extraordinarios por importe de 1.980.344,63; 148.736,67; e 40.000 euros, así como dun suplemento de crédito de 11.605,88 para o pago de diversos conceptos.

Do mesmo xeito, deu luz verde por unanimidade á prórroga do convenio de colaboración formalizado o 1 de outubro de 2020 entre a Xunta e os Concellos de Santiago e Teo, para a coordinación dos servizos de transporte público con orixe e destino na urbanización dos Tilos, nos termos nos que foi redactado, por catro anos adicionais, ata o 30 de setembro de 2028.

Tamén se aprobaron por unanimidade dúas proposicións do grupo municipal do PP para a creación dunha estratexia para un Santiago de Compostela amigable coas persoas maiores e para a reordenación da oficina de información municipal de urbanismo e vivenda.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O xulgado inicia a execución da sentenza de Angrois e dá un mes a QBE para pagar as indemnizacións pendentes

O Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela puxo en marcha a execución da...

O bombeiro Jimmy Go completa os 30 maratóns pola prevención do suicidio en Santiago

O bombeiro madrileño Jaime Domínguez, coñecido nas súas redes sociais como Jimmy Go, completou...

Santiago gaña oito novas conexións aéreas

A nova compañía aérea Fly2Galicia anunciou que comezará a operar o 1 de decembro...