InicioSOCIEDADEO Concello, disposto a "arrimar o ombreiro no que faga falta" para...

O Concello, disposto a “arrimar o ombreiro no que faga falta” para a chegada de migrantes

A data do 25 de xullo que se baralla para a chegada dos primeiros migrantes é unha "previsión"

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago está disposto a “arrimar o ombreiro no que faga falta” no traslado duns 200 migrantes á capital galega, que se prevé a partir do 25 de xullo, dos 470 confirmados polo Goberno. Deles, algo máis dunha vintena derivaranse a Monforte, cuxo alcalde recoñeceu coñecer a noticia esta mañá.

Respecto ao caso de Santiago, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, mostrou a súa colaboración en declaracións aos medios de comunicación tras a reunión da Xunta de Seguridade polo dispositivo para as festas do Apóstolo na que tamén participou a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

Rivas reivindicou a actuación do Goberno ante “unha situación de emerxencia a que hai que dar unha solución”. “O Goberno ten a unha serie de entidades traballando nese programa, que son as que se encargan de facer a recepción destes migrantes e tramitar todos os recursos que necesitan”, explicou.

Desde o Executivo, continuou, encárganse de “trasladar a información” á comunidade autónoma, aos concellos que son os receptores dos migrantes, “pero que a xestión de todo o custo que supón traer a estas persoas migrantes vai con cargo ao programa do Goberno”.

Insistiu ademais en que a data do 25 de xullo que se baralla para a chegada dos primeiros migrantes é unha “previsión”. “O que sabemos é que o día 25 estaremos en disposición de dar resposta a ese número de persoas. Como estamos ante unha situación de emerxencia que é cambiante non sabemos se de face ao día 25 virán 200 ou virán 50, ou se cadra non vén ningún”, apuntou.

SANTIAGO, “ACOLLEDOR, HOSPITALARIO E SOLIDARIO”

Pola súa banda, a alcaldesa confirmou que si recibiu confirmación oficial a través da subdelegación do Goberno da chegada e reivindicou a Santiago como “concello acolledor, hospitalario e solidario”.

“Parécenos máis que lóxico e razoable que poidan vir a través xustamente deste programa que impulsa o Goberno do Estado, onde hai recursos e hai unha serie de asociacións que son as que fan o trámite”, sinalou.

Con todo, Sanmartín remarcou que Santiago “vai estar aí para arrimar o ombreiro no que faga falta” e que, en caso de ser necesario, desde o departamento de servizos sociais reforzarase ” a colaboración con esas entidades” para que os migrantes “poidan estar na mellor situación”.

Polo momento, entenden que o municipio “non ten que pór nestes momentos a disposición ningún tipo de espazo”. Respecto da cantidade de migrantes que se esperan, a alcaldesa entende que é “unha previsión máxima e razoable que o Concello pode asumir”.

ÚLTIMAS

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Unha avaría deixa máis de dúas horas parados en Santiago os pasaxeiros dun Avlo con destino Madrid

Unha incidencia técnica impediu que un tren Avlo con destino Madrid saíse esta tarde...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

O xulgado inicia a execución da sentenza de Angrois e dá un mes a QBE para pagar as indemnizacións pendentes

O Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela puxo en marcha a execución da...

O bombeiro Jimmy Go completa os 30 maratóns pola prevención do suicidio en Santiago

O bombeiro madrileño Jaime Domínguez, coñecido nas súas redes sociais como Jimmy Go, completou...

Santiago gaña oito novas conexións aéreas

A nova compañía aérea Fly2Galicia anunciou que comezará a operar o 1 de decembro...