InicioSOCIEDADEA USC mantén o seu lugar entre as 600 mellores universidades do...

A USC mantén o seu lugar entre as 600 mellores universidades do mundo

A Universidade de Santiago repite no tramo 501-600 do Ranking de Shanghai, mentres a UVigo descende ao intervalo 901-1.000.

Publicado o

Xornal de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) mantén a súa posición no tramo 501-600 das mellores universidades do mundo segundo a edición máis recente do Academic Ranking of World Universities (ARWU), coñecido como Ranking de Shanghai. Pola súa banda, a Universidade de Vigo (UVigo) descende ao intervalo 901-1.000. Ningunha das universidades galegas consegue, polo tanto, situarse entre as 500 primeiras da clasificación internacional.

A USC é, un ano máis, a universidade galega mellor situada no ranking e repete por terceiro ano consecutivo no tramo 501-600. A institución compostelá alcanzara este intervalo en 2024, despois de ascender desde o tramo 601-700. En total, o ARWU analiza cada ano máis de 2.500 universidades de todo o mundo e publica os resultados correspondentes ás 1.000 institucións mellor clasificadas. A Universidade da Coruña (UDC) non figura nesta edición entre as universidades incluídas na listaxe.

O Ranking de Shanghai emprega seis indicadores obxectivos para elaborar a súa clasificación, entre eles o número de investigadores altamente citados, os artigos publicados nas revistas Nature e Science, os traballos indexados no Science Citation Index-Expanded e no Social Sciences Citation Index, o rendemento académico por persoa e o número de antigos estudantes e membros do persoal que obtiveron Premios Nobel ou Medallas Fields. Estes criterios explican o especial peso que a clasificación concede á produción científica e ao impacto da investigación.

No caso da USC, os resultados por áreas tamén amosan unha presenza destacada no panorama internacional. Na edición 2025 do Global Ranking of Academic Subjects (GRAS), a universidade compostelá apareceu en 14 campos temáticos. Farmacia e Ciencias Farmacéuticas foi o ámbito máis destacado, ao ocupar o posto 45 mundial e o primeiro de España. A USC situouse ademais nos postos 151-200 en Ciencias Ambientais e Enxeñaría, Ciencias dos Alimentos e Tecnoloxía, Veterinaria e Odontoloxía; nos 201-300 en Ciencias Atmosféricas, Biotecnoloxía, Estatística e Ciencias Agrarias; nos 301-400 en Física, Ecoloxía e Psicoloxía; e nos 401-500 en Química e Xestión.

ÚLTIMAS

A néboa e o vento obrigan a desviar sete voos con destino a Santiago

As condicións meteorolóxicas complicaron este martes pola tarde a operativa do aeroporto de Santiago-Rosalía...

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O persoal de limpeza e conserxaría de Santiago suspende a folga tras lograr avances con Lacera

A CIG informa de que o persoal de limpeza e conserxaría dos colexios e...

Santiago activa medidas de aforro de auga ante o risco dunha vertedura de xurro no Tambre

O Concello de Santiago mantén baixo seguimento a posible chegada ao río Tambre dunha...

Declarado de interese autonómico o proxecto para crear un aparcadoiro de 1.500 prazas no CHUS

O Consello da Xunta declarou proxecto de interese autonómico (PIA) a reordenación da contorna...

A USC incorpora 13 obras de José María Fenollera á Facultade de Xeografía e Historia

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) recibiu en comodato 13 obras do pintor...

Cascudas na comida dun paciente do Hospital Clínico de Santiago

A sección sindical de CCOO da área sanitaria de Santiago-Barbanza denunciou a presenza de...